O aire atlántico suaviza as temperaturas no litoral pero o interior activa a alerta por calor

Parte das provincias de Lugo e Ourense rexistrarán temperaturas por enriba dos 36 graos ao longo da semana

Galicia está a vivir xornadas de calor intensa tanto no interior —onde se superaron os 42 graos— como na costa. Porén, a situación está cambiando na segunda semana de xullo, cando unha entrada de aire atlántico comeza a aliviar as temperaturas en todo o litoral galego. Así, Vigo e A Coruña non superarán os 22 graos este martes, e os valores manteranse estables ata o xoves, cando ascendan lixeiramente. O escenario é moi distinto no interior, onde continúan activas as alertas por calor. Tanto o martes como o mércores, o sur e a montaña de Lugo, Valdeorras, e tamén o sur, o noroeste e o Miño de Ourense rexistrarán temperaturas por enriba dos 36 graos.

Segundo explican dende Meteogalicia, o aire atlántico e a debilidade da influencia anticiclónica son os factores clave para a baixada dos termómetros en gran parte de Galicia. De feito, a visibilidade será “regular-mala” na metade oeste da comunidade pola chegada de néboas no litoral. Así, os valores non superarán os 25 graos na costa, pero chegarán aos 35 en Lugo, aos 37 en Ourense e aos 30 en Santiago. Esta situación manterase sen grandes cambios significativos de cara ao mércores. Malia que as altas presións se situarán ao noroeste de Galicia, as néboas no litoral manterán as temperaturas suaves agás no interior, con valores moi elevados e alerta por calor.

Publicidade

O cambio máis significativo para o xoves é un embolsamento de aire frío en altura sobre Portugal, que provocará nubes e claros en toda Galicia, con ceos máis despexados no sur da comunidade. Malia que predominarán as altas presións, pódese rexistrar algún chuvasco treboento en zonas altas. En canto ás temperaturas, en Vigo xa se chegará aos 26 graos, en Ferrol aos 25 e en Pontevedra aos 27. Repetiranse valores extremos en Ourense, con 38. Mentres, Lugo acadará os 34; Santiago os 31; e A Coruña rexistrará a mínima das máximas, ao non superar os 22 graos o xoves.

A chegada da fin de semana non traerá grandes cambios, dado que o aire frío en altura continuará provocando intervalos de nubes e claros en Galicia, coa persistencia das náboas no litoral. Co avance do día agárdanse treboadas nas montañas de Lugo e Ourense. En canto ás temperaturas, os valores mantéñense respecto ao día anterior. De cara ao sábado e ao domingo, continuarán predominando as altas presións sobre Galicia, con previsión de tempo seco e solleiro nos próximos días e con xornadas de calor no interior e no sur.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla