Sábado 30 Marzo 2024

Medio século do Teneguía, a penúltima erupción en La Palma

O impacto do volcán, que emitiu magma durante 24 días, xa está moi por debaixo do dano causado polo suceso activo en Cumbre Vieja

Desde o mirador do Centro de Visitantes do volcán de San Antonio, sen moverse do sitio, e apenas xirando o corpo e a mirada 180º, é posible contemplar tres das últimas erupcións volcánicas que se produciron a illa de La Palma. A última delas, a de Cumbre Vieja, é visible cara ao norte polo bruar e a nube de cinzas e gases que medra por riba da illa. Aos nosos pés, caendo desde o mirador, situado no cumio dun cono volcánico, están os vestixios da erupción de San Antonio, en 1677, en cuxo interior xa medran os piñeiros das Canarias (Pinus canariensis), que rexorden con especial facilidade despois dos lumes e as erupcións. E cara ao sur, xa moi preto da costa, aparece o cono que, ata o pasado 19 de setembro, era o lugar no que a lava agromou por última vez en terra firme nas Canarias; este 26 de outubro cúmprense 50 anos do comezo da erupción do Teneguía. Aquel episodio amosou, por primeira vez en imaxes de cor, a forza da lava e os gases, e atraeu ata La Palma a equipos de investigadores que puideron ter, grazas aos avances xa vixentes daquela, unha información moi valiosa sobre o vulcanismo das Canarias.

Avisos en forma de sismos

Os sistemas de detección sísmica, menos avanzados e precisos que os actuais, comezaron a detectar movementos varios días antes. Unha estación da universidade estadounidense de Columbia situada en Puerto Naos deu o aviso. 22 anos antes, algo máis ao norte, e moi preto da erupción activa en Cumbre Vieja, abrírase o volcán de San Juan sí chamado porque xurdiu o 24 de xuño], polo que moitas persoas lembraron o vivido anteriormente, como aconteceu desta vez. Os tremores producíronse na contorna de Fuencaliente, municipio que quedou co nome dun manancial termal sepultado, á súa vez, polo San Antonio no século XVII. Un dos momentos máis impactantes, segundo lembra nun texto a asociación Volcanes de Canarias, foi que as campás da igrexa de Fuencaliente tangueron de seu no medio da madrugada. Tamén, como agora, desprendéronse rochas das beiras das estradas.

Publicidade

O Teneguía en erupción en 1971. Fonte: IGME.
O Teneguía en erupción en 1971. Fonte: IGME.

Nos días xusto antes da erupción, aumentou a intensidade dos sismos, chegando mesmo a causar fendas en vivendas de Fuencaliente. E, finalmente, o 26 de outubro ás 3 da tarde comezaba a saír lava por unha zona cha, a uns 350 metros de altitude, e a través de dúas bocas. Despois de 24 días, máis de 280 hectáreas de terreo quedaron sepultadas por linguas de máis de catro metros de altura. E o cono volcánico medrou arredor de 80 metros, ata os algo máis de 430 que na actualidade ten o punto máis alto do Teneguía. E como agora, creouse tamén unha pequena fajana que fixo medrar a illa cara ao sur, e unha praia (Nueva ou de Echentive) que hoxe forma parte do Monumento Natural de los Volcanes de Teneguía, un espazo protexido de máis de 850 hectáreas.

Restos das linguas de lava que expulsou o Teneguía, visible ao fondo, en 1971. Foto: Manuel Rey.
Restos das linguas de lava que expulsou o Teneguía, visible ao fondo, en 1971. Foto: Manuel Rey.

Moito menos impacto que a actual erupción

A erupción do Teneguía está considerada como un dos exemplos dos que máis se aprendeu do vulcanismo recente nas illas Canarias, debido á presenza de medios técnicos máis avanzados. Mais non son, nin de lonxe, os dispoñibles nesta erupción de 2021. Días despois de que se abrise de novo Cumbre Vieja, o vulcanólogo Juan Carlos Carracedo, que estudou in situ o Teneguía, lembraba que os científicos dispoñían de “dous tubiños para recoller gas e dun pirómetro óptico para medir a temperatura de saída da lava”. Ademais, impulsou o interese turístico por coñecer de preto a que, ata fai pouco máis dun mes, era a terra máis nova xerada nas Canarias.

Por desgraza, a magnitude da actual erupción multiplica a do Teneguía. A superficie afectada é máis do triplo e as coadas de lava solidificada superan en moitos puntos os 10 metros de altura. Outro dos aspectos que contribuíron ao menor impacto do suceso de 1971 foi que se produciu no extremo sur da illa, nunha zona pouco poboada, nas que só quedaron arrasadas algunhas plantacións de viño. Algunhas fontes falan de perdas por valor de seis millóns de pesetas. Desta volta, a destrución é abrumadora, con máis de 2.000 edificacións arrasadas, barrios enteiros sepultados, máis de 7.000 persoas fóra dos seus fogares e unha fenda que corta en dous o suroeste de La Palma: ir de Tajuya a Jedey ou Puerto de Naos, nun traxecto que antes levaba menos de 10 minutos, prolóngase agora unha hora e media, pois é preciso cruzar “a Cumbre” polo túnel que une as dúas vertentes da illa separadas polos restos dos volcáns que estes días volven dar conta da súa inmensidade.

En cor avermellada, superficie cuberta polo Teneguía. Fonte: IGN.
En cor avermellada, superficie cuberta polo Teneguía. Fonte: IGN.

No lado positivo, a erupción do Teneguía serviu tamén para anticiparse aos danos evitables alén do inconmensurable avance das linguas de lava. Con toda a destrución que está a causar o volcán de Cumbre Vieja, non levou por diante, por agora, ningunha vida humana. En 1971, un pescador e un fotógrafo faleceron por mor da inhalación de gases tóxicos emanados polo volcán e o seu contacto co mar. Sorprende hoxe, fronte ao enorme dispositivo de seguridade e as medidas de prevención que se manteñen, ver daquela a científicos e curiosos a poucos metros das linguas de lava do Teneguía, rodeados de cando en vez por chuvias de piroclastos. A experiencia de 1971, como as anteriores e a posterior erupción de El Hierro, en 2011, axudou a mellorar os plans de prevención contra un fenómeno que está facendo sufrir ás illas e que, ao tempo, é a súa razón de ser.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Que nos ensinou a erupción de La Palma un ano despois

Faise un ano dende que o volcán de Cumbre Vieja comezou a expulsar lava cara ao exterior e non rematou ata varios meses despois

Un proxecto con participación galega estuda os efectos na saúde da erupción da Palma

O profesor da USC Alberto Ruano liderado o estudo, que se centra no impacto que o suceso está a ter en 2.000 persoas e durante os próximos cinco anos

Unha imaxe do volcán da Palma gaña un concurso fotográfico da NASA

As galardoadas no Torneo da Terra asocian as imaxes dos satélites cos catro elementos da natureza: terra, auga, aire e lume