A combinación de vacinas aumenta a protección contra o coronavirus

Así o demostra un estudo sueco que mestura unha dose de AstraZeneca cunha segunda de ARN mensaxeiro, como a de Pfizer e Moderna

Un novo estudo científico demostra que a combinación de vacinas aumenta a protección fronte ao coronavirus. Así o evidenciaron os investigadores da Universidade de Umeå, en Suecia, que acaban de publicar os resultados da súa análise en The Lancet Regional Health – Europe. Nese estudo, no que participaron 700.000 persoas, próbase que aqueles que recibiron unha primeira dose de AstraZeneca e unha segunda de ARN mensaxeiro —como Pfizer e Moderna— tiveron unha maior protección fronte á Covid-19. Polo menos, maior que a daquelas persoas vacinadas con dúas doses de AstraZeneca.

Unha alternativa eficaz

No estudo recóllese que a combinación de vacinas mostra “unha sólida resposta celular e inmunitaria”. Así mesmo, apóiase un uso mesturado dos dous tipos de inxeccións “como alternativa eficaz para aumentar a inmunidade da poboación contra a Covid-19″. Tamén se apunta que isto podería ter “importantes implicacións” nas estratexias de vacinación e, como consecuencia, na batalla contra a pandemia.

Publicidade

A mestura de vacinas ofrece “unha sólida resposta celular e inmunitaria”

Máis en detalle, a investigación sueca outorga unha eficacia contra a infección do 50% cando se administran dúas doses de AstraZeneca; un 67% cando se combina con Pfizer; e ata un 79% cando se mestura a vacina de Moderna coa de AstraZeneca. Polo tanto, esta unión non só ofrece unha maior protección, senón que tamén se erixe como alternativa. Tal e como se recolle no estudo, esta “pauta heteróloga” é unha opción máis, sobre todo tras a vinculación de AstraZeneca con episodios tromboembólicos adversos raros por parte da Axencia Europea do Medicamento (EMA). A partir de aí, houbo países que detiveron a distribución da vacina e ofreceron unha segunda dose de inxeccións de ARN mensaxeiro.

Clara evidencia científica

Segundo as declaracións do virólogo do Instituto de Salud Carlos III José Alcamí á Axencia SINC, “a evidencia científica é sobradamente clara para dicir que as pautas heterólogas son máis inmunoxénicas, seguras e —como mostra o estudo— teñen unha mellor eficacia na prevención dalgúns síntomas”. Así mesmo, insiste que a combinación de vacinas induce “moitos máis anticorpos de alta calidade” e que esta pauta “é segura”. Ademais, Alcamí é o investigador principal de CombivacS, un ensaio español no que se avaliou a segunda dose da vacina de Pfizer en persoas maiores de 60 años xa vacinadas cunha primeira dose de AstraZeneca.

“As pautas heterólogas son máis inmunoxénicas, seguras e teñen unha mellor eficacia na prevención dalgúns síntomas”

Por outra banda, Alcamí cualifica de “robusto” o estudo, posto que nel participaron máis de medio millón de persoas. E aínda que nel se demostra un aumento da protección cando se mesturan as vacinas, hai que ser cautos. “Todas as combinacións protexen de maneira espectacular da hospitalización”, salienta. De feito, no estudo sueco rexístranse casos de síntomas leves, pero un número “moi baixo” de persoas ingresadas.

Outro dos aspectos que Alcamí quixo reforzar respecto desta investigación, é que xa se realizou coa variante delta en circulación. “Iso mostra que, aínda que no laboratorio vexamos que a variante é bloqueada un pouco peor polos anticorpos, na práctica non cambia significativamente á hora de evitar casos graves”, engade.

Máis estudos

Este estudo foi realizado en base aos datos dos rexistros nacionais da Axencia de Saúde Pública de Suecia, o Consello Nacional de Saúde e Benestar e a Oficina de Estatísticas de Suecia. Para Alcamí, a conclusión é clara: “A OMS declarou que, a pesar dos prometedores resultados dos estudos anteriores sobre a resposta inmunitaria da vacinación mixta, era necesario realizar estudos máis amplos para investigar a súa seguridade e eficacia fronte aos resultados clínicos. Pois aquí temos agora un deses estudos”.


Referencia: Effectiveness of heterologous ChAdOx1 nCoV-19 and mRNA prime-boost vaccination against symptomatic Covid-19 infection in Sweden: A nationwide cohort study. (The Lancet Regional Health-Europe).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025