Noite tras noite co bruído das entrañas da Terra en La Palma

Máis dun mes despois do comezo da erupción, o volcán de Cumbre Vieja segue emitindo lava, os sismos continúan e mantense a incerteza sobre a evolución do evento

Detalle dunha das bocas do volcán de La Palma na noite do domingo 24 de outubro. Foto: R. Pan.
Detalle dunha das bocas do volcán de La Palma na noite do domingo 24 de outubro. Foto: R. Pan.

“É un espectáculo impresionante. Pero non lle digan á xente de aquí que isto é moi bonito, aínda que o pensen. Aquí está habendo moito sufrimento”, di en confianza aos visitantes un palmero. Outra veciña da illa lamenta, aínda que por agora conserva a súa casa, que “o meu mundo xa non está, as rúas por onde paseaba, as casas dos veciños… Non os volverei ver!”. Son dous dos centos de historias de dor que o volcán de Cumbre Vieja está a causar en La Palma. E á súa vez, a illa está tomada por científicos, equipos de emerxencias, voluntarios, medios de comunicación e curiosos que queren, dun ou doutro xeito, tomar parte no acontecemento. É a erupción de maior magnitude (canto menos, que haxa constancia documental) na illa canaria que nos últimos séculos estivo máis exposta a estes acontecementos. E, do mesmo xeito, o seguimento da era da información abruma fronte ás anteriores erupcións do Teneguía (1971) ou San Juan (1949), con horas e horas de filmacións, imaxes satelitais, simulacións milimétricas e datos en todo tipo de soportes que, sen dúbida, serán unha gran fonte de coñecemento para o futuro.

Na zona sur de La Palma, e case sempre cara á vertente oeste, agromou nas últimas veces o magma que desde fai máis de 20 millóns de anos, foi construíndo as illas Canarias. O debate científico segue aberto sobre a súa orixe: é probable que haxa algunha explicación a medio camiño entre o punto quente que fura a codia oceánica mentres se move paseniño e, por outra banda, unha fractura propagante dunha falla con orixe no Atlas africano. Dun ou doutro xeito, o magma foi dando forma, de leste a oeste, ás oito Illas Canarias. E no breve instante que é unha vida humana, as illas máis ‘novas’, como La Palma, poden acumular ata tres erupcións en pouco máis de 70 anos, como así constatan os veciños maiores da contorna de Cumbre Vieja.

O bruar do volcán: un temporal de inverno que estoura

Porque todo vén de moi abaixo. Se ver brotar o magma é desacougante, aínda máis inquedanza xera imaxinar o que hai baixo a illa: un labirinto de condutos e cámaras polos que o magma sobe moitos quilómetros desde a base do edificio volcánico da illa, a máis de 10km quilómetros baixo o mar. Toda esa forza de material incandescente e gases leva fumegando, sen parar, durante 35 días, máis de 800 horas, desde que os equipos científicos alertaran a mediados de setembro de que os sismos se achegaban cada vez máis á superficie e o terreo se estaba a deformar.

As bocas vanse alterando derrubando e rexenerándose aos poucos: este domingo, unha nova lingua de lava comezou a brotar a medio camiño da pendente xerada polo novo edificio volcánico, e iluminou aínda máis a noite co seu brillo incandescente. E sen nunca deixar o bruído, un son impoñente que se meteu moi dentro das cabezas dos habitantes de La Palma, forzados a convivir co novo xigante da illa.

Polo día, co magma incandescente rebaixado pola claridade do Sol, a fascinación do volcán semella, polo menos, non tan impoñente. Pero de noite a paisaxe é abrumadora. O ruído aseméllase a un vento de temporal de inverno pero que, de súpeto, pode estourar.

Todos os días, nos seus informes, o comité científico doPlan de Emergencias Volcánicas de Canarias (PEVOLCA) insiste en que, “no caso da intensificación da actividade explosiva, é posible que algunhas detonacións violentas poidan producir rotura do vidro das fiestras”, polo que recomendan “afastarse das xanelas ata nun radio de cinco quilómetros desde o cono”. E acontece, realmente, que de cando en vez, o que parece unha refacho forte de temporal de inverno é realmente unha onda expansiva que fai tremer os vidros.

Este domingo aconteceu varias veces. Segundo constataron algúns dos investigadores que están a seguir de preto a erupción, o aumento da sismicidade na franxa de 10-15 km (hai outra entre os 30 e 40 km, que se corresponde igualmente co movemento do magma que acaba chegando á superficie), coincidiu cunha maior emisión de piroclastos e desbordamentos de lava nalgúns dos conos pola gran cantidade de lava. Algunhas das imaxes observadas este sábado dan conta da potencia coa que este material é emitido: igual que acontece co risco de estouridos, o comité científico do PEVOLCA establece un radio de exclusión de 2,5 km arredor dos puntos de emisión para evitar incidencias, tanto como cos proxectís incandescentes que se arrefrían subitamente como cos gases que tamén emana o volcán.

Cronoloxía da sismicidade e a súa profundidade na contorna do volcán de La Palma. Fonte: IGN.
Cronoloxía da sismicidade e a súa profundidade na contorna do volcán de La Palma. Fonte: IGN.

O avance errático e incerto da lava

Alén da panorámica fascinante e do ruído, as cinzas e a lava son a pegada máis crúa da erupción. Xa desde a outra vertente de La Palma, ao leste, as gabias das estradas acumulan a cinza acurralada para facilitar o tránsito. E unha vez cruzado o túnel que une as dúas vertentes da illa, a cinza faise moito máis presente. En poucos minutos, aínda que pareza invisible, comeza a cubrir calquera superficie exposta ao aire próximo ao volcán.

E, sobre todo, o avance das coadas é o que máis desacougo xera na poboación da illa. Tal e como expoñía a veciña que lamentaba a desaparición do seu mundo, as linguas imparables arrasan, cada día, un pequeno anaco de historias de moitas vidas. Xa son máis de 2.000 edificacións, entre vivendas, locais comerciais, edificios públicos, industriais e agrícolas os afectados pola lava.

A incerteza é enorme á hora de predicir o avance destas coadas, que xa se achegan ás 900 hectáreas arrasadas (máis de 260 delas de cultivo), xunto a máis de 56km de estradas, e abranguen unha anchura máxima de case 3 quilómetros nalgúns puntos. Segundo destacaba no serán do domingo o director técnico do PEVOLCA, Miguel Ángel Morcuende, a primeira lingua de lava que se xerou, e que quedara practicamente parada nos últimos días, está reactivada por mor da deformación do cono emisor do volcán.

Deste xeito, estase a ampliar a superficie afectada cara ao sur (abaixo na imaxe baixo estas liñas), pero tamén avanza a lava na parte norte, onde xa arrasou parte do barrio de La Laguna, desaloxado na pasada semana. Outros barrios miran cara ao xigante que brúa, pedíndolle que non siga cuspindo a lava que poida sepultar todo para sempre.

Coadas de lava, con datos actualizados na noite do domingo 24 de outubro. En vermello, as linguas máis recentes, en verde, as primeiras xeradas polo volcán de Cumbre Vieja. Fonte: IGME.
Coadas de lava, con datos actualizados na noite do domingo 24 de outubro. En vermello, as linguas máis recentes, en verde, as primeiras xeradas polo volcán de Cumbre Vieja. Fonte: IGME.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.