Sábado 20 Abril 2024

Desde o centro de vixilancia do volcán: “A actividade está aumentando”

Os científicos do Instituto Geográfico Nacional reúnense baixo o mirador de Tajuya, un dos enclaves máis recoñecidos desde o comezo da erupción

Ao pé das coadas, por  aire, desde o mar… O seguimento científico da erupción volcánica de Cumbre Vieja dispón de numerosos medios e recursos para aprender do suceso, anticiparse a posibles imprevistos e, deste xeito, mellorar a resposta dos servizos de emerxencias para reducir os danos na medida do posible. No referente á sismicidade e deformación do terreo, dous aspectos que foron clave para activar a alerta nos días previos na zona onde finalmente se produciu a erupción, o equipo do Instituto Geográfico Nacional (IGN) mide e analiza de forma constante diversos indicadores da actividade do volcán.

O Centro de Atención e Vixilancia da Erupción (CAVE) sitúase xusto debaixo dun dos lugares xa recoñecidos para a cidadanía desde o pasado 19 de setembro: o mirador da igrexa de Tajuya, onde os medios de comunicación realizan os seus directos co volcán de fondo, a apenas tres quilómetros cara ao sur, e decenas de veciños e visitantes se achegan ao longo do día, especialmente durante a noite, para contemplar o fenómeno.

Publicidade

O volcán de Cumbre Vieja reflíctese nos vidros do CAVE de Tajuya. Foto: Manuel Rey.
O volcán de Cumbre Vieja reflíctese nos vidros do CAVE de Tajuya. Foto: Manuel Rey.

Itahiza Domínguez Cerdeña é investigador do Instituto Geográfico Nacional (IGN) e está especializado en sismoloxía volcánica. Está a traballar desde os primeiros días da erupción desde o CAVE xunto ao resto do equipo que mide constantemente o que acontece baixo a superficie para ter unha imaxe máis completa do que agroma ao exterior.

Desde a pasada fin de semana, destaca o aumento da actividade e explosividade do volcán, que se correlacionou cun aumento de movementos sísmicos e o volume de emisión de magma e gases. “A actividade está aumentando, estámolo vendo na cantidade de material que sae, e tamén na sismicididade. Ademais do cono primario, o secundario comezou a emitir coadas, e nalgúns momentos obsérvase gurgullando, como se fose unha presa desaugando pola cantidade de lava que contén na zona”, explica o investigador. Para saber o que depararán os vindeiros días, Domínguez explica: “Haberá que avaliar a cantidade de enerxía que está sendo liberada, porque se se mantén quere dicir que se continúa achegando lava desde o subsolo”.

Na mañá do martes, un novo sismo de magnitude 4,2 volveu ser amplamente sentido na zona. Este aumento da actividade tamén o constatou o informe diario do IGN, que destacaba que “a amplitude do sinal de tremor volcánico [as vibracións relacionadas coa circulación de material magmático no interior do edificio volcánico] aumentou de forma considerable, con numerosos pulsos de intensificación”.

 

Sismicidade desde o comezo da erupción. Nos últimos días están a aumentar os sismos con magnitude superior a 3, que están sendo sentidos nalgunha parte da illa. Fonte: IGN.
Sismicidade desde o comezo da erupción. Nos últimos días están a aumentar os sismos con magnitude superior a 3, que están sendo sentidos nalgunha parte da illa. Fonte: IGN.

A incerteza: “o cono cambia continuamente”

Despois dos primeiros días da erupción, o volcán foi tomando a súa característica forma cónica. Porén, e como se pode ver de preto desde as zonas máis próximas á erupción, a forma muda constantemente e, con ela, a traxectoria das principais coadas de lava. “Está cambiando continuamente; pode medrar e esborrallarse, porque o propio material co que se está formando é moi fragmentado, e iso pode cambiar a dirección da lava”, engade Itahiza Domínguez.

Esta situación preocupa pola posibilidade de que aumente a área afectada, que xa supera as 900 hectáreas. “A erupción mantense polos mesmos puntos, non se afastan moito máis do cono principal. Pero ao acumularse tanta cantidade de lava pola parte oeste [a que vai cara ao mar], é posible que poida acabar rebordando, como aconteceu a pasada semana, que caeu cara ao norte e acabou afectando ao núcleo de La Laguna”, conta o investigador.

Estes continuos cambios, unidos ao incremento da actividade, están a danar zonas que se libraran durante máis dun mes a pesar de situarse bastante preto dos puntos de emisión. “Na tarde do domingo comezou a formarse un lago de lava no cono secundario, que finalmente comezou a emitir coadas e estas destruíron casas no barrio de El Paraíso, que quedaran illadas, pero que agora tamén están cubertas” polas rochas procedentes do volcán. Esa mesma tarde produciuse unha “emisión importante de piroclastos que taponou unha das saídas da lava”. Tal e como resume Itahiza Domínguez, é moi difícil anticiparse á dirección que tomarán as coadas porque “a orografía cambiou totalmente”.

Superficie cuberta pola lava, que xa supera as 900 hectáreas. En vermello, as emisións máis recentes e en verde, as que se produciron nos primeiros días. Fonte: IGN.
Superficie cuberta pola lava, que xa supera as 900 hectáreas. En vermello, as emisións máis recentes e en verde, as que se produciron nos primeiros días. Fonte: IGN.

Aprendizaxe

O coñecemento adquirido nestas semanas de erupción está a ser moi relevante para a comunidade científica presente na illa, segundo o sismólogo do IGN. “Estamos aprendendo moitísimo. Xa en El Hierro, en 2011, que durou cinco meses, puidemos monitorizar todo desde o comezo. E isto está a axudarnos a entender como funcionan os sistemas volcánicos nas illas, porque non son iguais. En La Palma, por exemplo, as intrusións de magma prodúcense a menor profundidade”.

Conclúe Domínguez que, a partir de agora, “saberemos como manexar mellor estas situacións, como avaliar de forma máis rápida todos os cambios que se producen no volcán e sobre a coordinación entre institucións, que mellorou desde El Hierro”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto cambiou a rúa na que vives nos últimos 60 anos? Compróbao neste mapa

Un mapa do Instituto Xeográfico Nacional permite comparar imaxes aéreas captadas nos anos 50 con ortofotos actuais

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

As ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria detectáronse na península

Unha animación resume o movemento dos dous potentes sismos, que xa deixan máis de 2.300 mortos nos países afectados

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano