“Podería haber máis sismos do norte ao sur de Galicia”

Vidal Romaní sinala que os sismos na zona de Ponte Caldelas poderían continuar.
Vidal Romaní sinala que os sismos na zona de Ponte Caldelas poderían continuar.

Que está a pasar en Ponte Caldelas? Entre as 18 horas do martes e as 6 da mañá deste mércores produciuse unha serie de máis de 30 sismos neste municipio, así como algún outro movemento no termo municipal de Cerdedo-Cotobade. O maior deles, de magnitude 3,1, chegou mesmo a ser percibido por algúns veciños. Por que tantos sismos e en tan pouco tempo? O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, profesor emérito da Universidade da Coruña, explica que ata o de agora, os datos “indican un sismo superficial de reacomodo da codia a un movemento da litosfera”.

Falla norte-sur de Galicia

Engade Romaní que “o feito de se ter repetido moitas veces no mesmo lugar” amosa que existe “unha liberación importante en canto á tensión acumulada nesa zona de Galicia”. A zona na que se concentraron os sismos das últimas horas sitúase “nunha falla de dirección Norte-sur, que máis ou menos segue o treito-Carballo-Padrón-Ponte Caldelas-Mondariz-As Neves e continúa ata Portugal”. É, segundo o experto, “unha estrutura tectónica moi longa, e por tanto, non habería que podería haber máis sismos localizados de norte a sur ao longo da traza de dita falla”.

“Estamos nun intre moi activo do movemento de placas”, sinala Romaní

Con todo, Romaní sinala que o porqué de que se concentren na zona de Ponte Caldelas estes movementos sísmicos “é difícil de responder”. Explica que “as fallas móvense onde poden, e móvense onde a litosfera é máis feble, que neste caso é en Pontecaldelas”. Deste xeito, “hai a posibilidade de que no traxecto Ponte Caldelas-Mondariz se produzan outros movementos pois é a parte da falla máis activa nos últimos anos”. Romaní compara esta falla, salvando as distancias, coa coñecida Falla de San Andrés en California, “aínda que no caso galego, o movemento afecta a rocha sólida e compacta e, por tanto, non cabe agardar roturas importantes”.

Con todo, o xeólogo deixa a porta aberta a que se produzan sismos de maior magnitude, xa que estamos, como se amosa en erupcións como a do Kilauea en Hawái, “nun intre moi activo, o que indica a reactivación ou aceleración das actividades relacionadas co movemento de placas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.