O cerco dos aeroxeradores nubra o ceo nos observatorios de Forcarei e Cotobade

O impacto dos muíños eólicos proxectados na zona compromete o futuro de dous dos escasos centros existentes en Galicia

O observatorio astronómico de Cotobade cumpre este ano o seu primeiro decenio de vida. Desde 2011 recibiu numerosas visitas de profesionais e afeccionados á observación do ceo para achegarse un pouco máis ao espazo exterior. Tres anos antes, no 2008, uns quilómetros cara ao norte, poñíase en marcha o observatorio de Forcarei. Son dous dos catro destacados observatorios en Galicia, xunto ao Ramón María Aller de Santiago, usado para a investigación da USC, e o recén aberto na Veiga, nunha área moi acaída para a observación do ceo nocturno. Pola súa ubicación, preto do eixe atlántico, os edificios de Forcarei e Cotobade son unha xanela de coñecemento que se sitúa preto das principais localidades galegas e, deste xeito, facilitan a divulgación da astronomía á boa parte da poboación. Pero ambos están no aire por varios dos numerosos proxectos de enerxía eólica que se están a tramitar en Galicia. A instalación de muíños e aspas que superan os 150 metros de altura a menos de un quilómetro dos dous observatorios impedirán a observación do universo, e comprometen claramente a súa continuidade, despois de máis dun ano lastrados pola pandemia da Covid-19 e as restricións que provocou.

Entre os proxectos destacan, polas súas dimensións as instalacións denominadas Siroco (61,6 MW e 11 aeroxeradores) e Tramontana (72,8 MW e 13 aeroxeradores), impulsadas pola empresa Greenalia. Ao superar a potencia instalada de 50 MW, a autorización debe pasar neste caso o trámite do Goberno español. Outros parques máis pequenos, pero tamén próximos aos observatorios, serán supervisados e avaliados pola Xunta de Galicia.

O primeiro sinal de alerta douna a comezos de xuño o presidente da asociación AstroVigo, que a través da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, xestiona o observatorio de Forcarei. César González Crespán advertiu do peche do edificio se prosperan os parques eólicos que se deseñan na contorna da instalación astronómica. “As turbulencias que provocan as correntes de aire, alteradas polas xigantescas turbinas dos aeroxeradores, cuxo perturbador efecto se nota a quilómetros de distancia, fan que a calidade da visión se reduza notablemente”, expoñía González Crespán no web de AstroVigo.

Proxectos eólicos na contorna no observatorio de Forcarei (sinalado cunha frecha no centro). Fonte: AstroVigo.
Proxectos eólicos na contorna no observatorio de Forcarei (sinalado cunha frecha no centro). Fonte: AstroVigo.

De prosperar estes proxectos, engade González Crespán, situaranse aeroxeradores a menos de 800 metros da cúpula. Esta proximidade reducirá, deste xeito, a calidade da visión nalgunhas direccións, e a iluminación que, por norma, levan consigo estes muíños tamén xerarán “luces parásitas” que dificultarán as observacións e a toma de fotografías. Neste caso, está previsto que as luces sexan brancas, o que incrementaría o impacto luminoso dos sinais. O Rexistro Eólico de Galicia amosa, ademais da proximidade dalgún dos muíños do parque Tramontana, aeroxeradores de parques como Borreiro, Cabanelas ou Ampliación As Penizas, neste caso tamén de Greenalia, á vista do edificio astronómico de Forcarei. En total, estiman entre 10 e 12 torres a menos de tres quilómetros da cúpula.

Tamén no observatorio de Cotobade, que xestiona a Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra, o futuro semella nubrado. Neste caso, a presenza dos aeroxeradores do parque Siroco, será moito máis próxima e situarase practicamente enriba da cúpula. O presidente da asociación Sirio, David Filgueira, resúmeo: “O observatorio queda directamente dentro de parque. Pretenden colocar cinco aeroxeradores a menos de 500 metros do observatorio, e tamén está prevista ao lado unha subestación”.  Cada un deles, segundo a memoria do anteproxecto presentada por Greenalia, tería 105 metros de altura ata a buxa, e o diámetro do rotor, é dicir, o espazo no que xiran as aspas, sería de 150 metros. No estudo de impacto ambiental, Greenalia limítase a mencionar como un dos “elementos turísticos” o observatorio, mais non se expoñen posibles impactos sobre a actividade astronómica.

O observatorio de Cotobade (círculo vermello) rodeado polos aeroxeradores do parque Siroco (en azul). Fonte: Greenalia.
O observatorio de Cotobade (círculo vermello) rodeado polos aeroxeradores do parque Siroco (en azul). Fonte: Greenalia.

Desde Sirio salientan, como desde AstroVigo, os diversos impactos que os aeroxeradores terían na actividade cotiá do edificio de Cotobade. “En primeiro lugar, e sobre todo, a obstrucción que supón do campo visual do observatorio. Despois, as luces de sinalización, que tamén dificultarían a toma de imaxes. En terceiro lugar, neste caso, tamén hai que ter en conta a turbulencia atmosférica que xeraría a rotación das aspas”. Ademais, no caso de Cotobade, David Filgueira engade que a instalación dunha subestación moi preto do observatorio podería producir un ruído electromagnético susceptible de dificultar a toma de imaxes do espazo.

Alegacións

Para Enrique Alonso, presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, o peche do observatorio de Forcarei é “unha opción real” se saen adiante os proxectos eólicos. “Pero estamos loitando para que iso non sexa así”. E remarca: “Non estamos en contra das enerxías renovables, faltaría máis, pero hai que instalalos onde non afecten a estas actividades”. Ademais, lembra Alonso que o edificio de Forcarei forma parte da rede mundial de seguimento Minor Planet Center (MPC), que vixía o movemento de asteroides para rastrexar a traxectoria de obxectos xa identificados ou detectar novos. A instalación dos aeroxeradores podería comprometer esta colaboración: “É posible que se perda media, e incluso unha magnitude, na observación de obxectos no ceo, polo que iso implica deixar de ver unha chea de astros”, destaca.

No caso de Cotobade, David Filgueira, de Sirio, advirte que os obstáculos do parque eólico limitarían a proxección futura da estación, no caso de formar parte dalgunha rede de observación, e mesmo para actividades de divulgación. Todos os veráns, coincidindo co bo tempo, centos de persoas visitan estes espazos para desfrutar da astronomía.

As dúas entidades astronómicas e a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura xa traballan na presentación de alegacións aos parques. Diante da chea de solicitudes enviadas á Xunta e Goberno de España, que xa están colapsando os departamentos de avaliación, é moi probable que boa parte deles queden no camiño.

Con todo, mantense a incerteza en dous dos centros que nos últimos anos están a traballar para achegar a astronomía á sociedade. Á case omnipresente contaminación luminosa e o lanzamento das constelacións de satélites como Starlink, que esborrallan a claridade e limpeza do ceo, poderían sumarse agora os muíños eólicos que nubrarían, pode que definitivamente, estes dous proxectos de divulgación científica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantas estrelas podes ver nas distintas zonas de Galicia? Consúltao neste mapa

MeteoGalicia e a USC monitorizan a evolución da contaminación luminosa na comunidade a través de distintas estacións localizadas nas catro provincias

O dispositivo da UDC que se estende polo mundo para mitigar a contaminación luminosa

O investigador do CITIC Mario Casado deseñou un fotómetro que permite comparar as medicións de luz nocturna cos niveis teóricos de luz natural

Chega o pico de actividade das Perseidas: cando e como gozar deste espectáculo da natureza

A chuvia de estrelas máis famosa do verán experimentará a súa máxima nas noites entre o domingo ata o martes

Chegan as estrelas fugaces Delta Acuáridas: este mapa axudarache a velas

Esta fin de semana terá lugar o pico de actividade destes meteoros , aínda que as nubes presentes nos ceos nocturnos no norte e no sur de Galicia poderían dificultar a súa visión