“Chega un momento no que a un lle apetece conciliar o profesional con aquilo que máis lle gusta”. Así é como Óscar Briones explica o motivo do seu proxecto persoal, que ten como obxectivo principal introducir no debate público a necesidade de aumentar o freo aos danos medioambientais, sobre todo en zonas moi presionadas como a costa das Rías Baixas. Este profesor do Grao de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo (UVigo) e membro do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza emprende esta viaxe para salvar aquelas paisaxes naturais que ten máis preto de si.
Como profesor, dá clases de negociación, recursos humanos e políticas públicas, mais hai unha inquedanza que se atopa detrás diso. “Non son biólogo, non son naturista, pero desde pequeno albergo unha paixón polo medio ambiente”, reflicte Óscar, aclarando para el a importancia de achegar todo o que pode á natureza desde o seu ámbito de coñecemento. Afirma que estes danos naturais son froito dunha “deforestación silenciosa”, onde o terreo rústico se adica principalmente a labores agrícolas; unha actividade legal, pero que afecta as paisaxes.
A acción aínda está en fase inicial, mais cun plan de acción establecido, seguindo os pasos dos casos internacionais. A solución a nivel galego é atopar fórmulas para blindar o territorio e conseguir que se freen os impactos negativos: “A compra con capital privado ou a cesión de uso son algún exemplos”. Este sería o caso dun concello que consiga que un monte non se ofreza para cultivo agrícola, senón que quede como unha zona de lecer para a súa cidadanía.
A fórmula para solucionar os danos naturais galegos
A idea que Óscar Briones quere empregar é dar asistencia técnica para negociar fórmulas de cesión ou compra de terras coa fin de frear a deterioración da natureza. “Trátase dunha estratexia da cidadanía e daquelas entidades sobre todo locais que teñan esa inquedanza por protexer os territorios”, explica. Un ente local non pode cambiar a cualificación do territorio, mais hai un terceiro axente que está aparecendo con forza no resto do mundo: as empresas.
Estas poden participar a través dos créditos de carbono. “É unha cuestión comprometida”, aclara Óscar, “pero as empresas van contaminar e é unha forma de devolver a súa actividade á natureza”. Unha empresa pode mercar un monte para compensar a contaminación que produce, como unha iniciativa de Responsabilidade Social Corporativa.

O iniciador do proxecto busca establecer un modelo teórico co obxectivo de que calquera concello ou asociación poida protexer os seus territorios máis próximos. Mentres, o destino último desta iniciativa sería o rewilding. Esta estratexia é definida pola fundación Rewilding Spain como unha visión innovadora da conservación da natureza e a restauración ecolóxica que pode contribuír significativamente ao desenvolvemento rural. “Cando o territorio xa está protexido, pódense introducir especies que xa non están pero deberían estar historicamente”, para buscar o equilibrio natural do territorio. Con todo, a súa aplicación é difícil en Galicia a causa da explotación forestal e agrícola, pois son moitos os galegos que viven do sector primario. Con todo, pensa que “se poden conciliar as dúas cousas”.
Aínda que o rewilding sería a situación idónea a anos vista, de entrada Briones cónformase con frear os danos. No proxecto pon o foco nas Rías Baixas, co obxecitvo de “conservar o pouco que queda”, pondo o fincapé na franxa costeira, a máis afectada pola chegada incesante de turistas doutras zonas de España. Nativo de Vilagarcía de Arousa, céntrase tamén nesta zona concreta: “Temos montes próximos que empezan a ser deforestados para actividades agrícolas”. Definindo estas zonas verdes como “o pulmón natural”, ademais de protexer o litoral, tamén se debe mirar cara a dentro e protexer os bosques da construción de cámpings ou campos de fútbol.
Casos de éxito
A nivel internacional e europeo, estanse a levar a cabo estratexias de rewilding. “Estamos quedando atrás”, advirte o profesor da UVigo. Con todo, afirma que España está nun momento histórico na conciencia medioambiental, mais “o verdadeiro problema é chegar a tempo”.
No continente africano, o Goberno de Angola está a levar a cabo iniciativas de ecoturismo. Ademais de ser un proxecto que produce grandes cantidades de diñeiro ao país, establece a posibilidade de conservar o territorio a través de safaris e outras modalidades de ecoturismo sostible. Desta forma, evitaríase a construción de grandes complexos hoteleiros.
Trasladando o rewilding a España, xa se observaron experiencias desta filosofía de proteción medioambiental no país. Un exemplo é a levada a cabo nun concello aragonés, onde a poboación quería protexer un bosque explotado forestalmente. A fundación Rewilding Spain chegou a un acordo co concello a través dun uso rewilding onde lles cederon o lugar por 30 anos a cambio dunha cantidade ecónomica anual, para non facer ningunha venta a sectores económicos durante o período.
A través deste exemplo, Briones ilustra a súa demanda fundamental: “Eu non quero que as institucións teñan que pagar porque xa están bastante abafadas coa sanidade e os servizos sociais, mais hai outras fórmulas para a conservación”. Asegura que un concello pode chegar a un acordo de uso do terreo por 30 anos, e despois buscar financiamento a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea ou en créditos de carbono de empresas privadas. “Hai xente que non quere que o territorio da súa infancia, dos seus paseos, se acabe”, reflexiona o investigador.
A situación ideal sería a denominación de parque natural, mais a solución para pór o freo é a compra. Pódense buscar outras fórmulas de capitais ou iniciativas de crowdfunding, coa fin de colectivizar o obxectivo da preservación dos espazos. Con todo, Óscar Briones abre unha liña de investigación de rewilding a nivel internacional en Angola, e a nivel microlocal en Galicia, cunha misión: “Salvar o que teño máis cerca”.
En fin… se o rewilding consiste en protexer o que aparece na fotografía, que é un grande cultivo de eucaliptos, vaia por Deus todo! O rewilding sería restaurar bosques (non cultivos) autóctonos basicamente dominados na meirande parte de Galicia por carballos, cerquiños, bidueiros, aciñeiras ou faias. Espero que este home non creerá que un eucaliptal ten algo a ver cun bosque cando é, desde o ponto de vista ambiental, xusto o oposto. Nese caso resulta ambientalmente moito menos perxudicial un prado, especialmente se é un prado natural ou semi natural dos que cada vez hai menos ou mesmo un prado dos artificiais que tanto proliferaron nos últimos anos é ambientalmente moito mais perxudicial que un cultivo de eucaliptos. O mesmo acontece coas matogueiras de toxos e ericas dominantes en Galicia denostadas por moita xente cando son ecoloxicamente esenciais no territorio. Amais da perda brutal de biodiversidade que provocan os eucaliptos, o risco de incendios que xeneran xunto con outros aspectos que se estan comezando a estudar agora, indicannos que, con moita probabilidade, o exceso abrumador do cultivo de eucalipto dos últimos tempos esta detras da baixada de productividade pesqueira e marisqueira das rías galegas e mesmo, por exemplo, da reducción aguda da presenza de salmón nos rios galegos.
Estaba a pensar o mesmo que escribes
Coido que non interpretachedes ben a nova. Precisamente é todo o contrario o que escribiches. Trata de poñer en valor o bosque autóctono, recupérando espacio o monte de eucalipto.
Eu tería un pouco máis de coidado á hora de expresar certas ideas. As palabras son importantes. Dende hai xa uns anos, vense facendo unha campaña por distintos medios e institucións que inciden na idea de que a agricultura dana o medio, ben contaminando por medio de gases de efecto invernadoiro ou ben por medio da erosión. Se ben todo isto é certo, eu faría unha pregunta. Que agricultura? Non vou falar da agricultura ecolóxica formalmente entendida que é case unha brincadeira, pero hai modelos como a agricultura rexenerativa que fai o mesmo que este home propón, pero integrando a produción de alimentos nos procesos de conservación. Existe unha fenda entre o rural e o urbano e sempre hai quen, sen comprender nada de nada, ofrece solucións máxicas. Pasamos dos “agropijos” aos “ecopijos” e seguimos sen entender cal é o verdadeiro lugar do rural.
Se nom entendim mal, o que se propom já existe desde há décadas, chámase Custodia do Territorio, e na Galiza há várias associaçons q levam tempo comprando ou alugando terreo para conservar.
O caso mais velho quizais seja Ridimoas em Ourense com quase 500ha adquiridas no Ribeiro, mas também a gente de Lousame, Monte Escola, ou a Asoc galega de custódia tenhem comprado zonas para erradicar as sp. invasoras ou proteger sp endémicas.