Luns 4 Marzo 2024

Galicia volve ter o último solpor da Europa continental

O cabo Touriñán recupera ata o 19 de setembro este privilexio que noutra época do ano ten a vila de Tromso, en Noruega

Esta semana, Galicia recuperou o derradeiro solpor de Europa. Todos os anos, entre o 24 de marzo e o 24 de abril e dende o 18 de agosto ata o 19 de setembro, o Cabo Touriñán, en Muxía, na Costa da Morte, é o último lugar da Europa Continental no que se pon o sol. Ao longo do ano, non existe un único punto xeográfico fixo desde o que se contempla o último solpor nesta parte do planeta. Así, por mor da inclinación do eixo de rotación da terra sobre o plano da eclíptica, cinco lugares da costa atlántica europea, situados en Galicia, Portugal e Noruega, repártense esta honra.

O catedrático de Electromagnetismo na USC Jorge Mira Pérez publicou un artigo no que rastrexa a última posta de sol na Europa continental. Apareceu na revista Cartography and Geographic Information Science, incluída entre as de máis alto impacto no eido temático da Xeografía.

Publicidade

Xunto aos períodos nos que este último solpor se pode observar dende a terra galega, Jorge Mira sinala os outros catro emprazamentos: entre o 19 de outubro e o 21 de febreiro, o solpor da Europa continental localízase no Cabo de São Vicente en Portugal, ao que toma o relevo Cabo da Roca, tamén en territorio luso, entre o 21 de febreiro e poucos días despois do equinoccio de primavera e dende uns días antes do equinoccio de outono ata o 19 de outubro. As outras dúas localizacións destacadas son un lugar próximo a Aglapsvik, no sur continental de Tromsø (Noruega) aproximadamente do 24 de abril ao 1 de maio e do 11 ao 18 de agosto, e unha localización no municipio de Måsøy ao sur de Havøysund, tamén en Noruega (aproximadamente do 1 ao 11 de maio e do 1 ao 11 de agosto).

Os cambios nestes lugares débense “á cambiante orientación do eixe de rotación da terra con respecto ao Sol”. Como engade o autor do traballo, os cálculos teóricos das horas de saída e posta do sol aplícanse só a nivel do mar. Explica tamén Mira que os tempos reais en que se observa que o sol sube e se establece nun lugar particular difiren do cálculo teórico “debido ás condicións da atmosfera, á presión e á composición atmosférica e outras variables tales como os efectos da refracción da luz no tempo de posta do sol en latitudes máis altas, que crean discrepancias aínda maiores na área ártica”.

O profesor Mira especifica que nas datas nas que a posta de sol cambia dun punto a outro, “oscilan entre un día e o seguinte cun período duns anos, principalmente debido ao calendario de ano bisesto, ao igual que os dos equinoccios e solsticios”.

No mesmo artigo Jorge Mira tamén localiza o primeiro punto no que se pode contemplar o amencer na península Ibérica. Contra a crenza de que se produce no punto máis oriental de España, cerca de Mahón -na illa de Menorca-, “atopámonos que iso non é así durante todo o ano, senón que nun período de catro meses, dende o 21 de abril ao 21 de agosto, ese primeiro amencer en España prodúcese no Cabo de Creus en Girona”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha profunda borrasca atlántica azouta Galicia esta fin de semana con chuvia, vento e neve

O centro de baixas presións situado sobre Irlanda enviará unha fronte fría na madrugada do sábado
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A borrasca Louis activa a alerta vermella en Galicia por ondas de ata 8 metros

As baixas presións situadas en Islandia provocan un forte temporal marítimo e envían chuvia, vento e neve ao noroeste peninsular

Unha potente borrasca traerá chuvia abundante e desplome de temperaturas a partir do xoves

Galicia acadará os 22 graos entre luns e martes mentres que a fin de semana estará marcada por un "temporal invernal"