O mar aínda pode producir un 74% máis de alimentos

A científica da Uvigo Elena Ojea participa nesta investigación internacional que revela que os océanos poderán satisfacer as necesidades alimentarias no 2050

Elena Ojea xunto cun dos coordinadores do estudo, Christopher Costello.

Dar resposta á pregunta de que cantidade de alimentos podería producir o mar de forma sustentable no ano 2050 é o obxectivo do estudo que publican, na prestixiosa revista Nature, un grupo de 22 investigadores e investigadoras de dez países, entre os que se atopa a responsable do grupo Future Oceans Lab, do CIM-UVigo Elena Ojea.

Partindo da análise de múltiples factores biolóxicos, ecolóxicos e económicos, os expertos e expertas sinalan que no 2050 a produción de alimentos do mar, englobando pesca, acuicultura e marisqueo, podería incrementar entre un 36% e un 74% os 59 millóns de toneladas de alimentos que xera na actualidade.

Coordinado por Christopher Costello, da University of California, Ling Cao, da Shanghai Jiao Tong University, e Stefan Gelcich, da Ponficia Universidad Católica de Chile, o artigo The future of food from the sea está baseado no Blue Paper encargado a un equipo multidisciplinar de expertos internacionais polo High Level Panel for a Sustainable Ocean Economy, promovido por Nacións Unidas. Presentado en novembro de 2019 na Organización Mundial da Alimentación (FAO) en Roma, o informe foi realizado por un equipo de investigadores e investigadoras dos eidos da economía, bioloxía, ecoloxía, nutrición, pesca e acuicultura, entre os que figuraba Ojea como única representante española.

A partires deste Blue Paper, explica a investigadora da Universidade de Vigo, “refinamos os métodos e análise” para dar lugar a esta publicación en Nature, “que garante o impacto global do estudo”, necesario, sinala, para dar maior visibilidade a “un debate sobre como alimentar no futuro a unha poboación mundial en aumento e que ten recursos limitados”. Nese senso, o estudo pon de relevo o “importante rol” que océanos poden xogar á hora de dar resposta, dun xeito sustentable, a este aumento da demanda alimentaria a través dun “incremento substancial” da produción para o que, sinalan, “precísase unha mellora na xestión da pesca, cambios nos regulamentos e innovacións tecnolóxicas”.

Diferentes escenarios de crecemento

Tendo en conta múltiples factores, “desde as limitacións biolóxicas e ecolóxicas vinculadas ás poboacións de peixes mariños, a súa distribución e crecemento, como a dispoñibilidade de áreas e recursos para expandir a acuicultura sostible”, como o equilibrio entre oferta e demanda, o estudo presenta unha serie de “rangos de crecemento que teñen en conta diferentes escenarios”, explica Ojea.

Tendo en conta esas limitacións ecolóxicas, económicas e tecnolóxicas, preséntanse unha serie de “curvas de provisión sostibles” que sitúan entre un 36% e un 74% o potencial de incremento da produción con respecto aos 59 millóns de toneladas xerados actualmente por estes tres sectores produtivos. Este potencial de crecemento, explica Ojea, “depende de tres factores”; dunha “reforma na xestión da pesca e acuicultura cara formas máis sostibles a longo prazo”, de que a demanda global se axuste a esta produción e de que, “o máis complicado, que limitacións actuais como os ratios de alimento na acuicultura melloren grazas a avances tecnolóxicos”. Nese senso, Ojea aclara que se ben o crecemento dun 36% sería posible xa coas tecnoloxías actuais “mellorando a xestión”, o maior dos incrementos previstos “depende en gran medida de melloras tecnolóxicas que están por facerse”.

Crecemento nos tres sectores

Segundo recolle o artigo, os alimentos xerados no mar, procedentes nun 80% da pesca, representan na actualidade o 17% da produción de carne comestible do mundo, porcentaxe que podería chegar a situarse no 25% no 2050 a través dun incremento substancial da produción. O estudo conclúe de feito que a produción podería aumentar tanto na pesca e no marisqueo como na acuicultura mariña, sendo esta última a que experimentaría un maior crecemento, para o que serán precisas, engade o artigo, “prácticas de xestión e políticas que permitan unha expansión ambientalmente sustentable”.

“Os alimentos procedentes do mar poderían contribuír de maneira excepcional á seguridade alimentaria e nutricional global”

Dar resposta ao aumento das necesidades de carne comestible a través dunha “expansión terrestre”, sinala o estudo, podería agravar os problemas derivados do cambio climático, á vez que provocar a perda de biodiversidade. Fronte a esta situación, os alimentos procedentes do mar poderían contribuír “de maneira excepcional á seguridade alimentaria e nutricional global”, dado que tamén son unha fonte de proteínas e de ácidos graxos esenciais “que non son doados de atopar noutros alimentos”.

“Amosamos como este obxectivo da alimentación para todos pódese acadar a través da xestión sustentable do mar, incluíndo pesca e acuicultura mariña”, salienta Ojea, que pon o foco en Galicia como “un dos lugares que pode ter maior potencial para mellorar a súa produción pesqueira e acuícola de forma sustentable”. Deste xeito, conclúe, “poñemos ao sector mariño no medio da resposta á gran pregunta de como alimentar ao planeta no futuro”.

Aquí podes ler a nota no Duvi da UVigo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.