Galicia rexistrou en 2024 o terceiro ano máis cálido das últimas seis décadas

O informe anual de Meteogalicia indica que a temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos, só por debaixo de 2022 e 2023

Galicia rexistrou en 2024 o terceiro ano máis cálido das últimas seis décadas, segundo os datos do informe climatolóxico anual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Segundo os datos recollidos nas estacións de temperatura e precipitacións distribuídas por toda Galicia, 2024 caracterizouse por ser un período “extremadamente cálido e húmido”.

Nesa liña, a temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos. Segundo explicou a conselleira, este valor considérase “como “extremadamente cálido” e converte 2024 no terceiro ano máis cálido desde 1961. No podio están o 2022 e o 2023, que obtiveron datos moi similares con apenas unhas décimas de diferenza con respecto ao ano pasado.

Publicidade

Sete meses moi cálidos

Máis polo miúdo, as temperaturas mínimas rexistraron uns valores medios 1,4 graos superiores ao habitual e as máximas estiveron 8 décimas por riba do agardado. Dos 12 meses do ano, 7 foron moi cálidos ou cálidos. Destaca novembro, que foi o máis cálido desde 1961, e agosto, que ocupa a quinta posición desde ese ano de referencia. Por outra banda, xaneiro foi extremadamente cálido; xuño, normal; setembro, moi frío, e marzo e maio consideráronse fríos.

Un 14% máis de chuvias do habitual

No que atinxe ás chuvias, Ángeles Vázquez indicou que “a precipitación media en Galicia foi de 1.469 litros por metro cadrado”. Isto representa un 14% máis do habitual, polo que 2024 se considera un ano húmido. En concreto, o pasado ano 5 meses foron moi húmidos —febreiro, marzo, maio, setembro e outubro— e xuño foi húmido. Pola contra, novembro foi seco mentres que agosto e decembro considéranse moi secos. Os meses restantes —xaneiro, abril e xullo— foron normais en canto ás precipitacións.

Publicidade

A maiores, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e do coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, reiterou a solicitude ao Goberno central das transferencias das competencias en materia de meteoroloxía e engadiu que nos vindeiros meses se avanzará lexislativamente nesta cuestión. O obxectivo é que as competencias en meteoroloxía se presten de forma racional e sen duplicidades para ofrecer o mellor servizo á cidadanía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro