Galicia rexistra 2.500 raios nunha xornada de inundacións en Vigo

A cidade olívica foi a máis afectada pola influencia da borrasca Óscar, con anegamentos en rotondas, rúas e almacéns

A borrasca Óscar non dá tregua. Este xoves deixou 2.500 raios en toda Galicia e acumulacións de 12 litros por metro cadrado en apenas unha hora, sobre todo na montaña de Ourense. A xornada foi especialmente dura en Vigo, con baixos e rotondas inundados debido a unha forte treboada que comezou ás 16.00 horas. Entre as incidencias rexistradas polo 112 na cidade olívica, están o colapso dun sumidoiro de auga nunha rúa, que provocou a inundación da planta baixa dun almacén. Malia que Vigo foi a cidade máis afectada polas treboadas do xoves, as chuvias tamén azoutaron con forza outros municipios, como Santiago e Sanxenxo, onde tamén se produciron anegamentos en varias vías.

Segundo explican dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a borrasca Óscar é a responsable das treboadas que chegaron a Galicia dende o mércores. O sistema comeza a desprazarse cara ao norte, polo que o seu centro atópase agora ao noroeste de Galicia. Iso significa que, progresivamente, vai perdendo forza e influencia sobre o territorio. De feito, dende Meteogalicia prevese que na xornada deste venres continúen predominando as precipitacións. Fronte á intensidade do xoves, prognostícase un día con chuvias máis persistentes e menos treboentas. As precipitacións serán menos frecuentes conforme se achegue a noite.

Publicidade

https://twitter.com/loves_galicia/status/1666926229650300930

Progresiva estabilidade nos vindeiros días

Este escenario de inestabilidade que predominou en Galicia durante ás últimas semanas continuará connosco, polo menos, ata comezos da vindeira semana. Con todo, como Óscar vai perdendo forza no seu desprazamento cara ao norte, prevese que o sábado e domingo as precipitacións xa sexan máis illadas e ocasionais. Isto deberase a que Galicia estará situada nunha posición intermedia entre as altas presións, situadas ao sur da península, e a borrasca Óscar, xa debilitada, ao noso noroeste. Así é que o sábado se agardan chuvascos intermitentes que serán máis activos pola mañá no oeste e que, conforme vaia transcorrendo o día, iranse desprazando cara ao leste. O domingo será unha xornada de maior estabilidade na vertente atlántica, cun chuvascos tormentosos no interior durante a tarde.

A partir do mércores, a tendencia é de tempo seco e progresivo aumento das temperaturas

A vindeira semana tamén comenzará coas precipitacións como protagonistas. De feito, dende Meteogalicia prevese unha “alta probabilidade” de chuvascos tormentosos. Porén, Galicia parece que comeza a despedir as últimas semanas de inestabilidade, cun cambio de tempo que se rexistrará a partir do mércores. “A tendencia é de tempo seco e progresivo ascenso das temperaturas”, apuntan dende o servizo meteorolóxico. O responsable será o anticiclón das Azores, que se situará ao sur do Reino Unido, e exercerá como bloqueo das borrascas que predominaron nas últimas semanas en Galicia. Non se sabe con certeza ata cando durará esta situación anticiclónica, máis propia de xuño e da benvida do verán.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos