Un proxecto da UVigo estuda como obter bioetanol a partir de eucalipto e mimosa

O obxectivo é investigar novas rutas de aproveitamento de biomasa forestal, concretamente de especies moi abundantes e invasoras en Galicia

Un equipo formado por persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense está a desenvolver o proxecto InBioVal. O seu obxectivo é investigar novas rutas de aproveitamento integral de biomasa forestal, concretamente de especies moi abundantes e invasoras en Galicia como o eucalipto e a mimosa,  para obter compostos de alto valor engadido.

InBioVal arrancou en outubro de 2022 e continuará ata 2026. Cun orzamento de 115.000 euros, o proxecto está financiado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e e Universidades da Xunta de Galicia. O equipo da Universidade de Vigo que participa nel está encabezado por Aloia Romaní (investigadora principal e membro do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1) e formado por Elena Martínez Carballo (do grupo Food and Health Omics CF1); Andrés Moure (do grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostenible EQ2) e Alexandre Rubira, investigador de predoutoramento.

Publicidade

No escenario actual de recursos limitados e demanda enerxética en constante aumento, a Unión Europea, explica o equipo do proxecto, ten exposto a necesidade de avanzar cara unha bioeconomía circular, baseada no uso de recursos renovables e a súa valorización a través de procesos convencionais ou novidosos en novos produtos, materiais e enerxía. Neste contexto, o sector forestal en Galicia, detallan, supón “unha fonte de recursos renovables de grande importancia que podería ser aproveitada dentro dun esquema de biorrefinería”. Segundo explican as e os investigadores da UVigo, a biorrefinería, que foi definida pola Unión Europea como unha das áreas prioritarias para o desenvolvemento industrial, consiste no aproveitamento de maneira sostible de recursos renovables.

Recuperar oligosacáridos e nanopartículas de lignina

Neste contexto, InBioVal pretende desenvolver esquemas de biorrefinería en cascada para a obtención de múltiples produtos, mediante o aproveitamento integral de biomasas forestais como as de Eucalyptus globulus (eucalipto) e Acacia dealbata (mimosa). Para iso, no proxecto avaliaranse e optimizaranse procesos secuenciais para recuperar a hemicelulosa en forma de oligosacáridos (con tratamento de autohidrólise) nunha primeira etapa, seguido dunha deslignificación da fase sólida con solventes eutécticos profundos como alternativa aos procesos de deslignificación convencionais que usan álcalis e solventes orgánicos. Ademais da deslignificación das biomasas forestais, preténdese “recuperar a lignina nunha corrente separada como un produto de alto valor, concretamente nanopartículas de lignina”.

Publicidade

Doutra banda, no proxecto estudarase e optimizarase un proceso alternativo á catálise química para a co-produción de bioetanol e nanocelulosa mediante sacarificación e fermentación simultánea. Ademais, empregaranse tecnoloxías emerxentes, como microondas e ultrasóns, para mellorar os rendementos de produción de nanocelulosa e nanopartículas de lignina. Os resultados obtidos neste proxecto, indica o equipo da UVigo, contribuirán “a ampliar o coñecemento destes solventes combinado co emprego de tecnoloxías emerxentes para un fraccionamento axeitado da biomasa, brindando solucións alternativas que permitan o desenvolvemento economicamente viable das biorrefinerías lignocelulósicas”.

Liña de investigación consolidada

Este estudo dá continuidade á dilatada experiencia do equipo de investigación participante en procesamento e fraccionamento de biomasas lignocelulósicas mediante tratamentos respectuosos co medio ambiente; en procesos de sacarificación e fermentación; en química analítica e determinación de compostos en matrices agroambientais e en tecnoloxías non convencionais para a extracción de compostos bioactivos e procesos de separación. No marco desta liña de traballo teñen desenvolvido, entre outros, proxectos como Avances cara unha biorrefinería sostible baseada na valorización de especies invasoras Biososinv (financiado pola convocatoria de 2019 de Proxecto de I+D+i de Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación) e Tec-SosVal (financiado pola Xunta de Galicia).


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación