Venres 29 Marzo 2024

Galicia perdeu máis dun millón de gorrións nos últimos 10 anos

Os datos de SEO Bird/Life reflicten un declive do 20% na poboación do pardal común desde 2008, cun descenso notable tanto nas cidades como no rural

Segue sendo unha das aves máis abundantes na península Ibérica. Os gorrións, tamén chamados pardais en galego, pertencen á familia dos paséridos (Passeridae) e abranguen varias especies, entre as que destacan, por abundancia, o pardal común (Passer domesticus), o pardal montés (Passer montanus) – bastante presente en Galicia- ou o pardal das rochas (Petronia petronia). Pero a sensación que hai na sociedade, do mesmo xeito que acontece con outros animais, como os insectos, é que esmorecen paseniño nas cidades e no campo. E Galicia non é allea á situación.

“A percepción da xente que sae a ver aves en Galicia é de descenso xeralizado dos pardais, tanto do común coma do montés; sobre todo este último, unha especie que sufriu un dramático descenso nas últimas décadas, convertíndose nunha autentica rareza nos campos galegos”, conta Óscar Rivas, da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Publicidade

O aviso lanzouno de novo esta semana SEO/BirdLife, co gallo do Día Mundial dedicado a esta ave: o declive da poboación de gorrións en España cóntase por millóns, segundo os datos do programa Sacre, un programa de ciencia cidadá que conta con miles de voluntarios en España para calcular a presenza das aves máis comúns.

Gorrións comúns (Passer domesticus) macho e femia. Debuxo: Juan Varela/SEO BirdLife.
Gorrións comúns (Passer domesticus) macho e femia.
Debuxo: Juan Varela/SEO BirdLife.

Os gorrións son aves que se teñen adaptado moi ben á actividade humana, e de feito é difícil atopalos onde non hai cidades, vilas ou aldeas, pero as agresións ao seu modo de vida están deixando pegada. “En cidades como Londres levan anos sen ver gorrións pola rúa”, sosteñen desde SEO. Dase un paradoxo: a gran adaptación ás urbes acaba agora con eles: “Aos gorrións aféctalles o exceso de contaminación (do aire, o ruído e a luminosa) e a escasez de espacios verdes onde alimentarse equilibradamente”, explica Juan Carlos del Moral, coordinador da Área de Ciencia Cidadá da entidade conservacionista.

Así, as investigacións sobre o gorrión común falan de problemas de anemia, menores taxas de reprodución, malnutrición e un funcionamento deficitario do sistema inmunitario: isto redunda en individuos máis febles que non sobreviven na xungla de asfalto. Nos núcleos máis pequenos e no campo mantéñense algo mellor (mesmo outras especies menos abundantes, , pero o declive é xeral. Hai tamén outros factores, que van desde a estrutura dos novos edificios, máis herméticos, e que dificultan a cría dos gorrións, que son cavernícolas, no sentido de que crían en cavidades; e tamén a presenza de diversas especies que compiten no hábitat, como as pombas.

Os gorrións en Galicia

No último decenio, a partir de 2008, os datos comezaron a ser preocupantes. “Hai que ter en conta que os gorrións teñen flutuacións notables dun ano para outro, pero as tendencias amosan un declive claro en Galicia e todo o noroeste peninsular”, explica Del Moral. Entre 1998 e 2008, as oscilacións ían compensándose; había caídas, pero tamén recuperacións. Non en tanto, o habitual comezaron a ser as caídas notables. “Para Galicia estimábase unha poboación duns cinco millóns en 2008, e houbo un declive desde entón do 20%, o que supón un millón menos de gorrións”.

Ademais dos problemas urbanos, Óscar Rivas apunta cara a factores que están acontecendo no rural, e que tamén contribúen ao declive: “Ao paso da agricultura tradicional á agricultura intensiva, moito máis invasiva e menos saudable coa biodiversidade, uníuselle un proceso de marcada desagrarización e plantación masiva de especies forestais de crecemento rápido que nos leva ao estado actual, onde se está a producir un colapso das poboacións das especies ligadas aos medios agrarios”, conclúe Rivas.

Referencias e máis información: Informe de SEO BirdLife sobre os gorrións comúns (ligazón en PDF).

3 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Primeiro caso de gripe aviaria en humanos en España: cales son os riscos?

O investigador da USC Gonzalo Fernández asegura que os "poucos contaxios" notificados ata o momento foron leves ou asintomáticos