Daniel Landa é unha voz autorizada para falar de viaxes porque vive practicamente en ruta. O seu gran labor como documentalista puido verse nas series “Un mundo aparte” e “Pacífico”. Nesta última viaxou xunto a outros dous compañeiros durante un ano por Asia, Australia e Nova Zelandia para mostrar de forma maxistral ao espectador a fascinante natureza e a diversa xeografía humana da zona.
O seu novo proxecto comezará en poucas semanas en Fisterra e tamén terminará en Galicia. Chámase “Atlántico” e supón viaxar durante dous anos nos que o seu equipo transitará por Europa, África e América para concluír realizando a pé o Camiño de Santiago. Alén dos quilómetros percorridos, Landa insiste en que o que define ao viaxeiro é a inquietude por coñecer novas cousas.

– En que consiste o voso próximo proxecto, Atlántico, que ides iniciar en breve en Fisterra?
– Atlántico dá continuidade ao noso proxecto anterior, Pacífico, e pretende cambiar de localización pero sen cambiar o sentido último, que é achegarnos ás comunidades indíxenas que imos atopar na ruta. Trátase de unir viaxe e antropoloxía. Comezaremos a viaxe nun lugar máxico como é Fisterra e logo baixaremos ata África para chegar ao extremo sur dese continente, o Cabo das Agullas. Desde aí saltaremos á illa de Tristán da Cunha e despois ao extremo sur de Arxentina, Ushuaia. Percorreremos todo o continente americano seguindo a costa atlántica ao longo do ano 2020. Despois cruzaremos a Groenlandia e Islandia e á Europa continental. Xa no ano 2021 chegaremos a Roncesvalles e emprenderemos a etapa final da viaxe a pé facendo o Camiño Francés. Gustábanos a idea de terminar a viaxe no noso país e facelo andando no Ano Xacobeo.
– En Pacífico o interese polos pobos indíxenas e os contrastes con outras formas de vida era un dos eixos da serie, vai ser tamén un dos obxectivos de Atlántico?
– Si, aquí imos ter uns contrastes interesantísimos porque imos, por exemplo, a remontar o río Congo e a atoparnos coas tribos que hai alí, pero tamén imos explorar Nova York e ver como se vive nas vilas das Rías Baixas galegas. Viaxaremos polo Amazonas pero tamén visitaremos as Antillas e os poboados esquimós. Queremos ir alén da visión máis habitual dos pobos indíxenas. En definitiva, o que levo facendo ao longo de toda a miña carreira é tratar de tender unha ponte con estas culturas para entender ao ser humano en toda a súa complexidade e rescatar valores que en Occidente están esquecidos. E non se trata tanto de criticar á nosa sociedade como de mostrar os contrastes que existen no mundo.
– Na parte final ides percorrer o Camiño de Santiago a pé. Cres que esta ruta resume en certa maneira as características ideais do concepto de viaxe?
– Sen dúbida que para min o Camiño reúne as características ideais da viaxe. Xa tiven a oportunidade de facelo en 2011 cando percorrín os 900 quilómetros a pé. Hai que ter en conta que é unha viaxe que moita xente comeza en solitario e termina acompañada. Posiblemente trátase da viaxe interior por excelencia aínda que eu creo que a viaxe ten que ser unha experiencia exterior tamén. No Camiño pódese atopar esa viaxe cun pouso humano e máis reflexivo e pode chegar a cambiarte en moi pouco tempo dunha maneira moi importante. Permite atoparte de novo contigo mesmo e iso convérteo nunha gran viaxe.
“O Camiño de Santiago é unha viaxe máis reflexiva e pode chegar a cambiarte en pouco tempo de maneira importante”
– A que crees que se debe a forza que ten o Camiño en todo o mundo e que tanta xente veña a facelo?
– O Camiño atrae á xente inqueda, é unha contorna perfecta para coñecer xente e iso faino moi atractivo. Trátase dunha peregrinación, e sexa relixiosa ou non, hai unha parte espiritual que supón que as almas se van acompañando durante a viaxe. Máis que de chegar a coñecer moita xente a idea creo que é a de compartir un camiño e iso convérteo en algo especial. Ademais, vivimos nunha época de sobreexposición a cousas intanxibles e o Camiño permite desconectar diso e engánchate a outros valores. Podes falar con xentes de lugares moi diversos e descubrir a conexión que se constrúe entre eles. Nas miñas viaxes trato de desconectar e gozar das cousas sen as redes sociais e no Camiño é fácil facelo.
– Percorreches boa parte do mundo durante as túas viaxes; que paisaxe ou experiencia resultou máis sorprendente?
– As experiencias máis sedutoras son as que vives nas antípodas culturais, en contornas hostís onde acabas descubrindo que tamén hai unha gran humanidade. Sucedeunos na illa de Diomedes, a metade de camiño entre Rusia e Alaska. Recibíronnos con desconfianza porque tiveran un problema con xornalistas anteriormente e pasamos uns días complicados a unhas temperaturas moi extremas, pero ao final fóronse abrindo e acabamos pescando e comendo carne de oso polar coa xente do lugar. Este tipo de cousas conmóvente. Nun lugar totalmente distinto como Papúa-Nova Guinea pasounos algo similar cos indios Korowai. Alí gañámonos a súa confianza tamén aos poucos e ao final tratábannos como a un deles. Ao final nestes lugares acábanse rexendo por normas sinxelas como a honra, o amor ou a confianza.

– Viaxar é unha forma de vida que a todo o mundo parece seducirlle nun principio, pero o viaxeiro nace ou faise? Hai que reunir unhas características especiais para ser viaxeiro?
– Para min o que define ao viaxeiro é sentir inquietude, e punto. Discrepo dos tópicos que hai neste sentido porque creo que ás veces a aventura extrema afástate da verdadeira viaxe. Subir as montañas afástate en certa forma da xente que vive nelas. Non creo que haxa unha viaxe mellor ca outra nin que haxa que diferenciar entre turista e viaxeiro. Nunha viaxe a Segovia pódese gozar máis que nunha a Borneo. Non se pode cuantificar a experiencia en quilómetros percorridos nin en países visitados. O viaxeiro é todo aquel que vai con actitude inquieta polo mundo que lle rodea e viaxar non é máis que unha forma de satisfacer esa curiosidade.