Galicia vive 48 horas de frío intenso pola interacción entre a borrasca Juan e o anticiclón das Azores

Lugo, Santiago e Ourense acadarán temperaturas baixo cero durante a madrugada do sábado e o resto de cidades galegas non superarán os 2 graos

Algúns puntos de Galicia acadarán temperaturas baixo cero durante esta fin de semana. O resto do territorio tamén vivirá un episodio de frío intenso, pero breve, que non durará máis de 48 horas. A responsable desta drástica baixada dos termómetros, despois de días de temperaturas agradables, é a interacción entre dúas grandes masas de aire. Por un lado está a borrasca Juan, que ao longo deste venres percorrerá a península. Polo outro, o anticiclón das Azores que, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), entrará en forma de cuña polo oeste de Francia. O choque destes dous fenómenos, e a masa de aire frío que se desliza polo sur do anticiclón, “provocará unha semana invernal”. Con todo, as temperatuas, segundo di o organismo estatal, serán típicas para esta época do ano.

Dende Meteogalicia confirman que non se rexistrarán precipitacións en Galicia este venres, agás chuvascos puntuais no norte da provincia de Lugo ao longo da mañá. De feito, conforme avance a xornada os ceos tenderán a despexarse e, como consecuencia, as temperatura tamén descenderán. Os valores demostran que o frío se estenderá por todos os recunchos de Galicia, incluso nas zonas de costa. As mínimas non subirán dos 5 graos en ningunha das cidades galegas.

Publicidade

O frío será aínda máis intenso ao longo da xornada do sábado, cando xa predominará a influencia anticiclónica. “As altas presións estarán centradas no nordeste da península, collendo a Galicia no límite do seu radio de acción”, informan dende Meteogalicia. O escenario será semellante ao venres no que respecta ás precipitacións, dado que predominará o tempo seco en todo o territorio agás no noroeste, onde pode haber máis nubosidade pola chegada dunha “fronte pouco activa”. O máis notable da xornada serán as temperaturas mínimas, que volverán descender. De feito, agárdanse xeadas xeneralizadas durante a finde de semana. Segundo o prognóstico facilitado por Meteogalicia, Lugo chegará aos -4 graos. Tamén estarán baixo cero as cidadades de Santiago, con -2, e Ourense, con -1. Pontevedra non baixará dos cero; A Coruña e Ferrol acadarán 1 grao; e Vigo notificará 2.

O episodio, tal e como concordan AEMET e Meteogalicia, será intenso pero tamén breve. O domingo xa comezarán a subir as temperaturas e as mínimas situaranse nos 9 graos na Coruña —oito máis que o día anterior—. Unha situación semellante vivirán o resto das cidades galegas, con Ourense rexistrarndo a mínima e non superando os 3 graos durante a madrugada. Isto deberase, segundo o organismo galego, a que Galicia quedará durante o domingo nunha situación intermedia entre as altas presións e unha profunda borrasca ao oeste de Irlanda. Con todo, e pese ao incerto do prognóstico, a próxima semana non se agardan chuvias, dado que Galicia continuará nunha posición media entre o anticiclón das Azores e as borrascas atlánticas.

Publicidade

Debido a este episodio de aire frío que está a vivir Galicia, a Consellería de Sanidade da Xunta acaba de lanzar unha serie de recomendacións para facerlle fronte ás baixas temperaturas. “A sensación térmica estará en xeral bastante por debaixo do que marque o termómetro debido ao vento intenso”, advirten dende a consellería, resaltando que os valores serán especialmente baixos durante a madrugada do sábado. Por iso aconsellan usar varias capas de roupa e protexer especialmente a cabeza, o pescozo, os pés e as mans, dado que son as zonas de maior perda de calor. Tamén é recomendable permanecer seco, empregar roupa de abrigo que sexa resistente ao vento, á humidade e calzado que non escorregue.

Así mesmo, débese respirar polo nariz e non pola boca porque o aire quéntase ao pasar polas fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns. Dende Sanidade tamén aconsellan beber líquidos quentes e azucrados, agás se hai unha contraindicación médica, e débense evitar as bebidas alcohólicas. Tamén se deben extremar as precaucións na rúa en caso de que haxa xeo para evitar caídas, e se hai que traballar baixo o frío, extremar o coidado. Sanidade tamén recomenda manter o contacto coas persoas máis vulnerables, para evitar que sufran efectos graves derivados das altas temperaturas.


Podes chamar ao 061 ou ao 112 en caso de ser necesario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Coller frío enférmanos? Por que as infeccións aumentan no inverno

A baixa temperatura favorece a transmisión viral e debilita as defensas nasais, explicando o incremento das patoloxía durante a estación

O fenómeno de Raynaud: cando os dedos cambian de cor por culpa do frío

A síndrome circulatoria provoca episodios temporais de cambio de cor, entumecemento e dor debido á constrición dos vasos sanguíneos

Por que o inverno meteorolóxico empeza o 1 de decembro e o astronómico o 21?

A AEMET explica as razóns polas que as estacións definidas polo clima seguen un criterio fixo diferente ao marcado pola órbita terrestre

Galicia treme en novembro: madrugadas en negativo e máximas que non pasan dos 13°C

A estación de Mouriscade, en Lalín, rexistrou valores baixo cero durante un episodio de frío que comezará a suavizarse a partir do venres