Este é o clima que prefiren os galegos

Agora que chega a chuvia do outono, hai división de opinións na sociedade galega. Unhas persoas prefiren que chegue a hora do paraugas e o abrigo, e outros, se por eles fose, seguirían nun clima de verán eterno todo o ano. Pero, cal é realmente a preferencia climática dos galegos? Os investigadores Alberto Martí e Damián Caballero decidiron realizar unha enquisa para responder esta cuestión e outras, como cal sería o lugar de Galicia coa mellor aptitude climática.

Os datos revelan que o clima ideal para unha maioría da poboación galega sería aquel con veráns con temperaturas suaves, moitas horas de sol e poucos días de choiva, e invernos suaves, ademais de ventos frouxos ou escasos e unha humidade media/baixa, segundo contan desde a USC.

Publicidade

Cualidades climáticas preferidas polos galegos e galegas para o lugar onde vivir. Fonte: USC.
Cualidades climáticas preferidas polos galegos e galegas para o lugar onde vivir. Fonte: USC.

Diferenzas e paradoxos do clima

Porén, os investigadores atoparon tamén distintas preferencias sobre o clima en función do xénero, a idade ou o lugar de residencia. As mulleres, a poboación urbana e a costeira prefiren poucos días de choiva. Non en tanto, os homes das zonas rurais prefiren invernos fríos. E as mulleres e persoas de máis de 70 anos prefírenos suaves.

Por outra banda, a poboación urbana prefire os veráns cálidos, algo do que escapan as persoas maiores de 70 anos, “seguramente polos efectos prexudiciais das altas temperaturas sobre a súa saúde”, explican os autores do estudo.

Publicidade

Tamén son curiosas outras respostas, como as que indican que moitos dos participantes na enquisa escollen condicións climáticas opostas ao lugar no que viven. Así, na provincia de Ourense prefiren veráns suaves, pero os de Lugo decántanse polos estíos calorosos e os invernos suaves.

Os mellores e os peores lugares

Así, coas respostas obtidas, os investigadores tamén puideron determinar os espazos con maior aptitude climática. Son as áreas das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa e os concellos do Baixo Miño, entre Tui e A Guarda. Segundo explican os autores do estudo, a proximidade do mar “favorece a moderación das temperaturas durante todo o ano e ambientes suaves tanto en verán como en inverno, ademais dunha maior insolación”.

Unha situación semellante dase na comarca do Bolo, o Val do Bibei, e zonas de mediana altitude na Baixa Limia, en Ourense, grazas á elevada insolación, a pouca chuvia e as máximas suaves debido ao efecto da altitude.

No lado contrario, as zonas máis desapacibles de Galicia son as áreas de clima de montaña, como a Serra de Ancares, Macizo de Trevinca ou en Cabeza de Manzaneda, e o norte das provincias de Lugo e A Coruña (serras da Faladoira, Xistral, Lourenzá ou Meira), debido á abundante nubosidade e ás poucas horas de sol, ás que hai que engadir un maior número de días de choiva, invernos moi fríos e veráns frescos.

Ademais, o estudo indica que a maior parte do interior de Galicia presenta uns valores de aptitude climática intermedios. Nuns casos debido á maior frecuencia de días de precipitación, á menor insolación e a temperaturas invernais baixas ou moi baixas, como o interior das provincias da Coruña e Lugo. Noutros, polos valores térmicos extremos que teñen lugar, tanto en inverno como, sobre todo, en verán, como é o caso das depresións interiores de Monforte, Verín e Ourense, o val do río Miño ao seu paso polas comarcas de Ribeiro, Paradanta e Condado, o val do río Sil en Valdeorras ou o do Tea ao sur da provincia de Pontevedra, onde os veráns acostuman ser moi calorosos.

1 comentario

  1. Paréceme una estupidez , se non chovera e fixera moito sol non sería Galicia , sería Andalucia. Non tedes nin idea do que decís , temos un boísimo clima , sen extremos , excepto en algunas zonas de Ourense e Lugo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire atlántico suaviza as temperaturas no litoral pero o interior activa a alerta por calor

Parte das provincias de Lugo e Ourense rexistrarán temperaturas por enriba dos 36 graos ao longo da semana

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Domo de calor, máximas de 40 graos e ventos do sur: as claves do tempo en Galicia na fin de semana

MeteoGalicia indica que o sur da comunidade será o máis afectado, en especial a zona de Ourense

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé