Con que frecuencia deberías alimentar o teu can?

Investigadores estadounidenses conclúen que os animais que só comen unha vez ao día desenvolven menos trastornos cognitivos

Can comendo
Can comendo

Cada can é diferente e, dependendo de aspectos como a súa raza, tamaño, idade e saúde, as súas necesidades dietéticas particulares tamén poden ser diferentes, incluíndo o que se debe alimentar e a cantidade. Pero, con que frecuencia debemos facer isto? Un novo estudo no que se avaliaron máis de 10.000 cans ofrece algúns datos sobre a aparente relación entre a frecuencia da alimentación e a saúde canina.

Segundo a investigación, os cans adultos que se alimentan unha soa vez ao día tenden a obter unha puntuación significativamente mellor en varios indicadores de saúde, en comparación cos cans que se alimentan con máis frecuencia. “Controlando o sexo, a idade, a raza e outros posibles factores de confusión, descubrimos que os cans alimentados unha vez ao día, en lugar de con máis frecuencia, tiñan puntuacións medias máis baixas nunha escala de disfunción cognitiva e menores probabilidades de ter problemas gastrointestinais, dentais, ortopédicos, renais/urinarios, e trastornos hepáticos ou de páncreas”, explica a primeira autora do estudo, Emily Bray, investigadora na Universidade de Arizona.

“Non confiabamos en ver diferenzas na saúde ou a cognición dos cans en función da frecuencia da alimentación”

Aínda que non hai que apresurarse a cambiar a rutina de alimentación, os resultados suxiren que o tipo de beneficios que parece achegar a restrición de tempo na alimentación -observados sobre todo en experimentos de laboratorio con roedores ata a data- podería estenderse tamén aos cans de compañía.

Os resultados

Non é que os resultados non sexan unha sorpresa, nin sequera para os científicos que realizaron a investigación. “Non confiabamos en absoluto en que veriamos diferenzas na saúde ou a cognición dos cans en función da frecuencia da alimentación”, explicou a bioestadística e outra das autoras do esutdo, Kathleen Kerr, da Universidade de Washington, cando se anunciaron os resultados preliminares en decembro.

Mentres que unha frecuencia de alimentación dunha comida ao día relacionouse con mellores resultados para os cans nalgunhas áreas, noutras non estaba tan claro. As medicións do risco de enfermidade en termos de saúde cardíaca, cutánea e neurolóxica, así como a incidencia do cancro, non mostraron efectos estatisticamente significativos.

A parte disto, os investigadores recoñecen unha serie de limitacións a ter en conta no seu estudo. Todos os datos sobre a alimentación foron comunicados polos propios donos dos cans, o que significa que están suxeitos a erros de recordo e interpretación, e o estudo non puido separar a posible influencia da restrición calórica (que non se mediu no estudo) da frecuencia da alimentación. Con todo, a pesar das limitacións, o equipo afirma que se trata do maior estudo realizado ata a data sobre a frecuencia da alimentación en cans de compañía, e está claro que hai algo que suxire que alimentar ao can só unha vez ao día está relacionado con certos beneficios para a súa saúde.

Unha asociación sen conclusións definitivas

En canto ao que é, exactamente, segue sendo descoñecido, e os investigadores subliñan que os resultados só mostran unha asociación, e non demostran causalidade. Isto significa que non podemos concluír que unha menor frecuencia de alimentación realmente causa unha mellor saúde nos cans.

Por exemplo, pode haber moitas razóns polas que os cans con peor saúde se alimenten con máis frecuencia que os sans (por exemplo, que se lles dean comidas extra para tomar a medicación), como sinala Bray. Ata que non se saiba moito máis sobre os mecanismos subxacentes a este aparente fenómeno -e as investigacións posteriores poidan explicar dalgún modo os resultados-, ninguén debería cambiar a frecuencia coa que alimenta ao seu can baseándose neste único estudo, din os investigadores.

“Con todo, se o corroboran futuros estudos, pode ser prudente revisar a recomendación actualmente predominante de alimentar os cans adultos dúas veces ao día”, conclúe o equipo. “A xustificación da alimentación dúas veces ao día nos cans non está clara. E o noso estudo suxire que unha alimentación máis frecuente pode, de feito, ser subóptima para varios resultados de saúde relacionados coa idade”.


Referencia: Once-daily feeding is associated with better health in companion dogs: results from the Dog Aging Project (Publicado en GeroScience)

*O artigo orixinal foi publicado no portal de noticias ScienceAlert. Podes lelo na seguinte ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.