Venres 11 Outubro 2024

Crean unha vacina contra o virus asociado á esclerose múltiple e a varios cancros

Os investigarores aseguran que "provoca potentes anticorpos neutralizantes" en animais e os ensaios clínicos en humanos poderían comezar o vindeiro ano

A ciencia volve ser unha fonte de boas noticias. Un equipo de investigadores da farmacéutica Sanofi vén de anunciar a creación dunha vacina experimental contra o virus de Epstein-Barr, principal causante da mononucleose e recentemente asociado coa esclerose múltiple, así como son diversos tipos de cancro. A noticia, que adiantou onte o diario La Vanguardia, é moi prometedora, posto que actualmente non hai ningunha vacina que protexa contra a infección. O artigo acaba de ser publicado na revista Science Translational Medicine.

O fármaco xa conseguiu inducir unha resposta inmunitaria en ratos, furóns e e monos. De feito, e segundo a información facilitada polo medio especializado NewScientist, prevese que os ensaios clínicos con humanos comecen en 2023. “Esta vacina bivalente de nanopartículas representa un candidato prometedor para previr a infección e as neoplasias malignas relacionadas co virus en humanos”, apuntan os investigadores no estudo, onde insisten en que o fármaco “provoca potentes anticorpos neutralizantes” que protexen contra a infección.

Publicidade

“Esta vacina bivalente de nanopartículas representa un candidato prometedor para previr a infección”

Segundo os datos facilitados por NewScientist, os investigadores deseñaron ratos con sistemas inmunolóxicos similares aos humanos. “Cando se expuxeron ao virus de Epstein-Barr, só o 17% dos ratos se infectaron despois de recibir anticorpos doutros roedores vacinados. Polo contrario, o 100% dos ratos sen anticorpos infectáronse”, tal e como recollen no seu artigo.

Resultados prometedores

“Foi un resultado moi prometedor porque basicamente puidemos bloquear a infección do virus case por completo e evitar que causara incluso unha infección de baixo nivel”, apuntan os investigadores, en declaracións recollidas por NewScientist. Ademais, ningún dos ratos que recibiron os anticorpos inducidos pola vacina desenvolveu os cancros asociados cada vez con máis frecuencia ao virus de Epstein-Barr, como os linfomas.

Publicidade

Os autores da investigación indican que se finalmente se demostra que pode ser segura e eficaz nas persoas, podería administrarse aos nenos para evitar que desenvolvan, no futuro, doenzas derivadas da infección. Malia isto, fontes consultadas por NewScientist apuntan a que as vacinas son prometedoras, pero habería que ver o seu efecto sobre a esclerose múltiple, recentemente asociada ao virus de Epstein-Barr. “Se puideramos vacinar a todos os nenos, teriamos que esperar 25 anos para ver se desenvolven a enfermidade”, apuntan.

“habería que esperar 25 anos para saber se os vacinados desenvolven esclerose Múltiple”

Máis do 95% dos adultos de todo o mundo están infectados con este virus, posto que é un dos máis comúns nos seres humanos. Segundo o Centro para el Control y la Prevención de Enfermedades (CDC) dos Estados Unidos tamén se coñece como o virus do herpes humano 4 e adoita propagarse por medio da saliva. De feito, o VEB é a principal causa da mononucleose, popularmente coñecida como a enfermidade do bico.

Un estudo sinala o virus da mononucleose como causa principal da esclerose múltiple


Referencia: A bivalent Epstein-Barr virus vaccine induces neutralizing antibodies that block infection and confer immunity in humanized mice (Publicado en Science Translational Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pilar Domingo Calap, Premio Zendal: “A sociedade é clave para frear bacterias resistentes”

A viróloga deseña novas solucións médicas baseadas en fagos que atopa na natureza

Xavier Montalbán: “O virus de Epstein-Barr é unha condición sine qua non para padecer esclerose múltiple”

O neurólogo é recoñecido polas súas aportacións nos últimos avances na mellora do prognóstico e tratamento da enfermidade

Un fármaco para a esclerose restaura o dano cardíaco en ratos tras un infarto

Un novo estudo mostra como un medicamento reutilizado protexe as células musculares do corazón da morte celular

A IA predí como será a vida dos pacientes de esclerose múltiple dentro de 10 anos

Investigadores galegos empregan as resonancias magnéticas dos pacientes para prognosticar a evolución da enfermidade autoinmune cunha certeza do 90 %