Bosque atlántico, en verde escuro, e masas de eucalipto, en verde claro, dentro dos límites do parque das Fragas do Eume en 2011. Mapa elaborado por Diego Cidrás.
Bosque atlántico, en verde escuro, e masas de eucalipto, en verde claro, dentro dos límites do parque das Fragas do Eume en 2011. Mapa elaborado por Diego Cidrás.

“A expansión do eucalipto nas Fragas no Eume non foi natural”

Na primavera de 2012, un gran incendio arrasou máis de 1.000 hectáreas nun dos paraísos naturais de Galicia, as Fragas do Eume. O lume levou por diante centenarias árbores caducifolias, e danou seriamente algúns dos enclaves máis emblemáticos deste Parque Natural. Pero sobre todo, propagouse a través das plantacións de eucaliptos que se estendían dentro desta zona protexida. Como chegaron ata alí?

O xeógrafo Diego Cidrás, investigador predoutoral da Universidade de Compostela, estuda desde hai anos a conflitividade social asociada ao eucalipto en Galicia. Un asunto con moitas arestas e, por tanto, necesitado de análises sosegadas para atopar puntos de encontro. En xullo deste ano presentou unha investigación sobre a consolidación desta especie no espazo natural.

Os datos do estudo abranguen entre 1997 e 2011, xusto un ano antes do incendio, e tal e como se ve na imaxe baixo estas liñas, o eucalipto foi avanzando en zonas ocupadas antes por especies autóctonas, tanto as de maior valor ecolóxico e máis protección (zonas 1 e 2), como nas que contan con menos restriccións (zona 3). “Isto só se pode explicar a partir dunha análise da xestión pública do Parque. A expansión do eucalipto nas Fragas do Eume non foi nin moito menos natural”, conta Cidrás a GCiencia.

(move o cursor sobre a liña para ver a comparación de 1998 a 2011)

O eucalipto nas Fragas do Eume

Que aconteceu, entón? Neste punto, Cidrás remite ao debate que tivo lugar nos últimos meses, sobre o posible carácter invasor desta árbore. “Non existe consenso científico en termos estritamente biolóxicos, pero penso que si que podemos falar con tranquilidade sobre o carácter invasor que induce o ser humano, ben por dinámicas de abandono ou ben mediante a proliferación de novas plantacións”.

Cos datos na man, sinala o investigador, “eu entendo que a administración debería ser estrita nos espazos de maior valor ecolóxico e intervir con maior determinación para restaurar o bosque autóctono degradado. Na protección do bosque de ribeira non debería haber moito que negociar”. Sinala que “mesmo a industria madeireira asumiría non intervir nestas zonas, polo que desde esta perspectiva, a chave da resolución do conflito semella non estar demasiado agochada, posto que unha intervención pública socialmente aceptada nas Fragas do Eume podería acabar coa presenza do eucalipto”.

“Desde a constitución do Parque Natural, en 1997, houbo unha certa deixadez na xestión”

Porén, engade Diego, “en canto amplías a escala de análise e te achegas ao lugar en cuestión, comprendes que a realidade non é tan simple“. O estudo afonda nunha reflexión que xorde moitas veces cando se fala das ferramentas de protección dos parques naturais. “Tradicionalmente, estas medidas caracterizáronse por infravalorar, mesmo penalizar, toda actividade humana desenvolvida nese espazo. Isto implicou infinitos desprazamentos de poboación que en numerosas ocasións motivaron, paradoxalmente, unha degradación dos espazos naturais en cuestión, contra o que se pretendía”. Este proceso tamén aconteceu noutros lugares como O Invernadeiro, que ten mesmo limitacións de acceso, e que ardeu hai unhas semanas.

Superficie de eucalipto e bosque atlántico no parque natural das Fragas do Eume (1998-2011). Imaxe extraída do traballo de Diego Cidrás. Fonte: MAPAMA.
Superficie de eucalipto e bosque atlántico no parque natural das Fragas do Eume (1998-2011). Imaxe extraída do traballo de Diego Cidrás. Fonte: MAPAMA.

Así, cre que habería que buscar outras solucións nas zonas máis altas do parque, “onde si que cómpre consensuar os usos do solo cos propietarios para acadarmos unha maior harmonía social e unha estabilidade do seu modo de vida”. Nestes espazos, explica o autor, “semella que hai unha masa de propietarios con eucaliptais que están a demandar maiores contraprestacións económicas das que xa lles ofrecen para retirar o eucalipto, así como unha maior participación la elaboración do PRUX. Son cuestións complexas que a Xunta debe resolver con axilidade e tacto, polo ben do Parque en primeira instancia, mais tamén da xente que habita pola zona”.

Aclara Cidrás, con todo, que “con isto non pretendo defender a presenza do eucalipto nas Fragas – persoalmente, opino que se debería prescindir del e ofrecer alternativas aos propietarios – pero si que procuro facer ver que a xestión dos espazos naturais tende cada vez a ser máis negociada coa poboación que os habita”, expón o investigador.

Cuestión do discurso institucional

Así, con estes datos, o traballo “pretende poñer en cuestión o discurso institucional que existe respecto ao proxecto de conservación das Fragas do Eume”, segundo indica o autor, que explica deste xeito a evolución desta zona protexida desde a constitución do parque: “Desde 1997, e tras a aprobación do PORN (Plan de Ordenación de Recursos Naturais) un ano antes, en 1996, percibo que houbo unha certa deixadez en termos de planificación e xestión do Parque”. Como mostra, Cidrás expón que “en 2018 aínda seguimos a voltas coa aprobación do PRUX (Plan Reitor de Usos e Xestión), que é o documento que verdadeiramente formula unha xestión dos usos do Parque”.

Porén, neste tempo, si que se desenvolveu unha notable promoción turística, segundo explica o xeógrafo, que “son moi lícitos, mesmo necesarios para reencontrar dalgún modo á poboación cos espazos naturais de maior valor; con todo, a xestión do Parque e restauración dos seus espazos degradados entendo que deben ser sempre prioritarios, sempre e cando a idea dun espazo protexido sexa realmente protexelo”.

“O incendio foi un toque de atención”

Tal e como se explica no traballo, os datos usados para investigar recolléronse ata 2011, antes de que o lume arrasara parte das Fragas. Diego e o equipo no que investiga están analizando agora a evolución das masas de eucalipto a partir do 2012 para ver como respondeu o bosque a aqueles feitos. Con todo, sinala que “aquilo foi un evidente toque de atención”.

A investigación continúa: “A miña meta, a tres anos vista, é ofrecer á Administración mecanismos que lle permitan reducir, mediante os diferentes documentos de planificación territorial, a conflitividade ligada a esta especie”, explica Cidrás. Para isto, di, “preciso comprender infinitas realidades e perspectivas que me permitan darlle unha forma ao conflito. Neste marco, a xestión dos espazos naturais é unha cuestión non menor”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.