Faneca, lirio, xurelo e pescada: os catro piares da dieta da toniña en Galicia

Un estudo do IEO e da UVigo analizou o contido estomacal de 72 cetáceos varados no litoral galego entre 1990 e 2018

Un estudo liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO), e no que participa a Universidade de Vigo (UVigo), revela a dieta da toniña (Phocoena phocoena) que habita en augas de Galicia. A investigación, na que tamén colabora a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e as universidades de Aberdeen, Aveiro e o Algarve, acaba de ser publicado na revista Endangered Species Research.

As toniñas obxecto de estudo pertencen á poboación ibérica, e caracterízanse por ser xeneticamente distintas das toniñas que habitan noutras rexións de Europa. En total, as toniñas ibéricas contan cunha poboación de arredor de 3.000 individuos en toda a súa área distribución. España pode albergar menos do 20% na súa área costeira, polo que está catalogada como en perigo de extinción.

Publicidade

O artigo, que ten como primeiro asinante a Alberto Hernández González, investigador do IEO e da UVigo, permitiu mellorar o coñecemento sobre a ecoloxía alimentaria desta esquiva especie a partir da análise do contido estomacal de 72 toniñas que vararon en Galicia entre 1990 e 2018. O obxectivo da investigación era determinar a composición da dieta, estudar que factores afectan á súa variabilidade e estimar a superposición entre a dieta da toniña e as especies obxectivo das pescarías na área de estudo, unha das rexións pesqueiras máis importantes de Europa.

A dieta da toniña en catro especies

Os resultados revelan que estes pequenos cetáceos son principalmente piscívoros, aínda que poden alimentarse de ata un total de 33 especies de presas diferentes, incluíndo cefalópodos. As catro especies que predominan na súa dieta son a faneca (xénero Trisopterus), o lirio (Micromesistius poutassou), o xurelo (Trachurus trachurus) e a pescada (Merluccius merluccius).

Publicidade

Tras examinar os cambios producidos na dieta ao longo dos anos, os investigadores detectaron que o consumo de lirio e pescada aumentou na última década. Por outra parte, non se detectaron diferenzas na dieta entre sexos nin entre estación. Non obstante, si que se atopou disparidade na composición da dieta entre adultos e xóvenes, alimentándose estes últimos de presas máis costeiras.

Segundo explica Alberto Hernández González, “o estudo constata que hai un solapamento parcial entre as especies comerciais capturadas polas pescarías e as consumidas polas toniñas”. Afirma que, “ao mesmo tempo, tamén se constatou que ambas, pescarías e toniñas, coinciden parcialmente no tamaño das especies que obteñen do medio mariño”. Isto, engade o científico, “corrobora que a toniña ibérica é vulnerable aos efectos da actividade pesqueira, tanto polas capturas accidentais como pola redución na dispoñibilidade das súas presas principais”.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro