O traballo do fotógrafo e cineasta italiano Armin Linke é o protagonista da exposición Instrumentos de Visión, que será inaugurada este venres na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela como resultado dunha colaboración entre o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), que celebra o seu 25 aniversario, e a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), que acada os 70 anos de vida.
A exposición, comisariada pola galega Mónica Bello, recolle fotografías realizadas por Linke nos máis de 20 anos que leva documentando o traballo científico. Neste caso, o obxectivo era mostrar, a través da súa visión, o desenvolvemento de instrumentos complexos que axudan a revelar o funcionamento dos elementos fundamentais da materia. “Non son imaxes que busquen reter algo concreto ou particular, senón a propia escena. Por iso tampouco podemos pensar na exposición como unha fotografía individual seguida doutra. É unha composición. Tivemos que concibir como levar un laboratorio, ou as prácticas que se levan a cabo nel, a unha igrexa barroca e creo que está moi conseguido. Grazas ás imaxes de Armin, as persoas que visiten a exposición poderán aproximarse ao que significa estar investigando en física de partículas hoxe en día”, relata Bello, directora de Arts at CERN e historiadora da arte.
Como complemento a esta exposición, o sábado celebrarase o coloquio A ciencia e a condición contemporánea, celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e coas intervencións de Armin Linke, Mónica Bello e Carlos Salgado, director do IGFAE. Ademais, ata o 28 de agosto, último día da exposición, o persoal do IGFAE estará desenvolvendo na igrexa da Universidade iniciativas vinculadas á transferencia de tecnoloxía, coñecemento e innovación cara á sociedade, así como un servizo de visitas guiadas da exposición.
A física a través da arte
Para esta ocasión, Armin Linke tamén realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das colaboracións científicas internacionais máis importantes no eido da física de partículas, como o experimento LHCb do CERN. “A física, e sobre todo a física de altas enerxías, é unha disciplina moi pouco coñecida. Escoitamos falar de descubrimentos, de premios Nobel, do gran colisionador de partículas… Mais a maneira na que se leva a cabo a investigación é moi descoñecida. A través deste título e da visión deste artista, queríamos contar como se constrúe a ciencia, como unha composición da comunidade investigadora, lugares e instrumentos. Este é un campo altamente teórico que nos describe algo que non podemos ver. A través desas teorías e desa experimentación, imaxinámolo. E ao imaxinalo, estamos vendo inmediatamente. É o paradoxo do saber contemporáneo”, explica Bello.

Así, a responsable de Arts at CERN pon en valor a aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade e non pecha a porta a futuras colaboracións entre ambas institucións.
Por outra banda, Bello tamén sinala a importancia da relación entre as artes e as ciencias, sendo estas dúas disciplinas con elementos en común no tocante á exploración, a investigación, a produción e a comunicación social: “Ao longo do último século, a ciencia ten influído moito na forma na que concibimos a natureza, o noso corpo ou o universo en xeral. Os artistas están preguntándose constantemente de que maneira percibimos estes fenómenos. Por iso, estamos nun momento clave para que ese canon que nos dá a ciencia se una cunha práctica artística crítica, que cuestione as nosas crenzas e a maneira na que entendemos as cousas. Isto é moi importante porque permite enriquecer a nosa cultura xeral, democratizar o coñecemento e aproximarnos, como cidadanía, a participar dos procesos que nos contan. A arte non é necesariamente comunicación científica, senón unha aproximación e participación do coñecemento. Esa é a nosa visión en Arts at CERN: como podemos facilitar o diálogo entre ciencia, sociedade, artista e cultura?”.
Arts at CERN
A primeira residencia artística no CERN tivo lugar no ano 2012. Desde entón, este é o núcleo do programa da institución, sendo a vía por excelencia para que profesionais de todo o mundo puideran descubrir e experimentar como a ciencia busca respostas ás grandes preguntas do universo. “Co que me quedo cando facemos estas residencias é a comprobación de que a ciencia é unha rede de persoas global, como ocorre coa arte. Son disciplinas que non pertencen a ningún lugar e saberes que, unha vez que se transmiten, pertencen a todo o mundo. Ciencia e arte enténdense moi ben porque son ideas de todas as persoas, dunha gran rede de xente traballando por saber máis”, manifesta Bello.
Como directora do programa, a historiadora da arte atopa certos puntos en común nas temáticas tratadas entre as persoas que chegan ás residencias do CERN. Entre elas, salientan as preguntas fundamentais habituais: que é o tempo, de que está feita a materia, cal é a fin do universo… Con todo, tamén salienta o intercambio que se produce neste marco: “Hai moitos artistas interesados en entender a comunidade científica e en contar as súas historias, as formas de traballar en distintas xeografías e con distintas culturas. Por iso, hai unha especie de efecto contaxio entre os propios artistas, que se escoitan os uns aos outros, mais tamén unha conexión con outros laboratorios e observatorios. Unha vez que rematan a residencia é habitual que sintan interese por coñecer outras formas de facer, de maneira que alá onde vaian conectan con outros científicos. Para nós é moi interesante pasar este relevo e por iso sempre intentamos colaborar con outros laboratorios. Isto mesmo podería pasar no IGFAE”.














