Denuncia ecoloxista pola construción dunha escolleira no esteiro do Miño

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación Naturalista Baixo Miño protestan pola destrución de hábitats protexidos na praia da Lamiña

A pasada semana, a Asociación Naturalista do Baixo Miño (Anabam) presentou ante a Fiscalía unha denuncia polas obras que se están a realizar na praia da Lamiña, en Camposancos (A Guarda), no esteiro do río Miño, por un “posible delito contra o Medio Ambiente”. A zona está a sufrir nos últimos anos un proceso erosivo, que tamén está tendo lugar noutros puntos de Galicia, que chega xa a un piñeiral próximo. Ante esta situación, Costas está a desenvolver actuacións de carácter urxente, coas que se construirá un dique de setenta metros de longo para frear a erosión.

A entidade tamén advirte na súa denuncia do “deterioro irreversible” das obras “nunha área de presenza da píllara das dunas“. A esta protesta sumouse estes días a Sociedade Galega de Historia Natural, que advirte que a obra “non determina de forma exhaustiva os hábitats naturais e as especies que están en perigo de ser erosionados nin sobre os que se pretende facer a escolleira”, ademais de apuntar que “tampouco se lle realizou a correspondente Avaliación de Impacto Ambiental”.

Publicidade

Os traballos que xa se están a desenvolver na zona con maquinaria pesada, segundo a SGHN, eliminan “a conformación natural do intermareal destruíndo os ecosistemas estuarinos e eliminando áreas de alimentación de aves acuáticas”, polo que se “altera e destrúe” hábitats de dunas móbiles e fixas cualificados como protexidos.

Unha actuación “inútil”

Ante isto, a entidade ecoloxista considera “que non existe xustificación de urxencia para realizar esta actuación en inverno polas condicións hidrográficas, ademais de ter en conta as perspectivas de subida do nivel do mar, “polo que é de supor un proceso de erosión por toda a costa, máis patente nos areais”, ante o que “carece de senso ó actuar nunha zona concreta, sen atender ás causas globais, polo que é unha actuación localizada e inútil”.

Publicidade

Deste xeito, a SGHN solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e ao Ministerio para la Transición Ecológica que “se ordene a comprobación dos feitos denunciados“,  “se incoen as dilixencias que se orixinen, depurando as responsabilidades que poidan existir”, así como a determinación dos danos sobre a flora e fauna local e que se manteña á entidade informada do seguimento das actuacións derivadas da denuncia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Capturado un raio verde no solpor da Guarda

A fotógrafa afeccionada Sandra Sánchez retrata o famoso fenómeno dende o porto do concello pontevedrés

Un fortín defensivo contra Portugal? A principal hipótese dun xacemento no Baixo Miño

Unha intervención arqueolóxica identifica o acceso, os foxos e a contramuralla dunha fortificación construída sobre antigas explotacións mineiras romanas

Cales son as praias coa auga máis quente de Galicia? Atópaas no mapa térmico do mar

Mentres que a temperatura no norte da comunidade supera estes días os 17°C, a máis fría de Galicia rexistrouse na Guarda, con só 12,7°C

Por que se curva o lombo coa idade? Isto é o que podes facer para evitalo

A linguaxe popular fala de "chepa" e o termo médico é "cifose", que pode provocar dor e mobilidade reducida en casos graves