Xoves 28 Marzo 2024

Dez lugares de Galicia que estarán ameazados polo mar en 2050

Unha nova predición triplica o número de persoas en risco de perder os seus fogares por mor da subida do nivel do mar

Unha nova advertencia sobre o impacto da crise climática apareceu esta semana nas páxinas de Nature Communications. Un estudo publicado por Scott Kulp e Benjamin Strauss, da organización Climate Central, expón que alomenos 300 millóns de persoas, sobre todo no sudeste asiático, se verán afectadas directamente en 2050 pola subida do nivel do mar. O problema é xa unha realidade en megalópoles como Jakarta, capital de Indonesia, asolagada polas inundacións e a contaminación, e que obrigou ao goberno indonesio a proxectar a construción dunha nova capital na illa de Borneo. E outras grandes áreas de Bangladesh, India, China ou Tailandia, onde viven centos de millóns de persoas, teñen unhas perspectivas moi complicadas.

Segundo o artigo publicado esta semana, coas peores perspectivas de subida de nivel do mar e en caso de que se manteñan as altas emisións de gases de efecto invernadoiro, a predición apunta a que ata 340 millóns de persoas vivirán por debaixo do nivel do mar dentro de 30 anos, en 2050. Hoxe en día, uns 1.000 millóns de persoas viven en terreos situados a menos de 10 metros sobre o nivel do mar, o que amosa a cantidade de persoas en zonas que poderían verse afectadas por esta crise climática.

Publicidade

En Europa, algunhas rexións dos Países Baixos, Bélxica e Inglaterra tamén se sitúan en áreas de risco, o mesmo que o delta do Ebro e Doñana, en España. En Galicia, a accidentada orografía mantería a salvo a maioría das zonas do litoral, pero outras aparecen ameazadas mesmo polas predicións máis optimistas. É o caso de espazos de dunas e grandes praias, como Corrubedo, Carnota, Razo-Baldaio ou Valdoviño, e as beiras da ría de Arousa.

Son datos xa adiantados en estudos anteriores realizados por investigadores galegos, como o índice de vulnerabilidade costeira publicado en 2018 polos xeógrafos Alejandro Gómez Pazo e Augusto Pérez Alberti, da USC, que describe este problema nos sistemas dunares. E os exemplos disto son xa patentes en lugares como as Cíes, onde a praia de Rodas experimentou un notable retroceso nas últimas décadas.

O mar está comendo a cachos a costa de Galicia

As zonas de risco, sinaladas en vermello no mapa publicado por Climate Central, varían en función dos diferentes escenarios de emisión de gases de efecto invernadoiro e de aumento do desxeo. A incerteza é maior segundo se avanza no tempo, e en 2100 os escenarios comezan a ser moi preocupantes. Con todo, os datos para 2050, en apenas 30 anos, algo que poderán comprobar moitos dos lectores destas liñas, amosan o risco para moitos puntos do litoral galego.

En moitos destes lugares xa existen problemas periódicos por temporais e inundacións, que se poderían agravar nas vindeiras décadas ata converterse en lugares a mercé do mar. Aquí van algúns exemplos de como podería ser a situación en 2050:

  1. Ría de Ortigueira

    As zonas máis baixas deste esteiro, como a praia de Morouzos ou o humidal da parte máis interior da ría, poderían verse asolagadas en apenas 30 anos.

  2. Praia e Lagoa de Valdoviño

    Nos últimos anos freáronse mediante accións de desaugamento as habituais inundacións causadas pola lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, pero as perspectivas ante o aumento do nivel do mar volven poñer o foco na zona. A praia de Pantín tamén se vería afectada.

  3. Ría de Ferrol


    As zonas máis baixas da cidade, como A Malata, o porto e o arsenal, poderían sufrir os embates do mar moito máis a miúdo. Na outra beira da ría, zonas como Perlío e o paseo marítimo de Neda quedarían tamén nunha situación delicada.

  4. Ría de Betanzos

    O último tramo do Mandeo, caracterizado polas terras baixas (onde se proxectou un sistema de diques semellante ao dos Países Baixos), é outro dos puntos sinalados en vermello. As inundacións debido á marea alta adoitan afectar á propia vila de Betanzos, onde se desenvolveron recentes actuacións para frear este problema.

  5. A Coruña

    Ademais do risco para o porto exterior de Langosteira, a cidade e os seus arredores verían en risco os terreos onde se ubica o porto e algunhas zonas da beira da ría do Burgo.

  6. Razo e Baldaio

    Un dos areais máis extensos de Galicia, que conta tamén cun sistema dunar e unha lagoa cunha importante biodiversidade, ficaría tamén baixo a auga de cumprirse as peores predicións que amosa Climate Central.

  7. Esteiro do Anllóns e espazo de Traba


    A desembocadura do río Anllóns, outro espazo protexido de importante valor ambiental, quedaría tamén nunha situación complicada. Algo semellante acontecería con outra zona próxima, a praia e lagoa de Traba, en Laxe, un humidal cun enorme valor ornitolóxico.

  8. Praia de Carnota


    O areal máis extenso de Galicia, que adoita quedar dividido a mercé das mareas en moitas ocasións, podería experimentar unha alteración moi importante de cumprirse as predicións do estudo publicado esta semana.

  9. Corrubedo e ría de Arousa

    Un dos sistemas dunares máis importantes de Galicia tamén quedaría seriamente afectado pola proxección para 2050. Parte de Corrubedo podería ficar baixo as augas. Do mesmo xeito, a illa de Arousa perdería parte da súa superficie, e O Grove podería quedar convertido nunha illa debido a que o istmo da Lanzada quedaría reducido á mínima expresión. Tamén habería problemas na desembocadura do Umia.

  10. Esteiro do Ulla

    Os problemas coas inundacions son frecuentes en Padrón. E o curso baixo do Ulla tamén se verá afectado polo aumento do nivel do mar. Así é a predición de Climate Central na zona.


ReferenciaNew elevation data triple estimates of global vulnerability to sea-level rise and coastal flooding (Publicado en Nature Communications).

O mapa de Climate Central pode consultarse nesta ligazón.

2 COMENTÁRIOS

  1. Ribeira en galego normativo (e oficialmente) é con b. En reintegrado normativo é o con uve. Aquí utilizan lexitimamente o galego normativo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro
00:01:08

Anatomía do desxeo da Antártida: “Necesitamos saber canto retroceden os glaciares para entender o futuro”

O proxecto PARANTAR, do que participa o xeógrafo galego Alejandro Gómez, busca unha cartografía das fases de deglaciación e recrear a estensión do xeo

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso