A praia galega que traspasou fronteiras ao ser considerada a mellor do mundo está en serio retroceso. O paradisíaco areal de Rodas, nas Illas Cíes, está perdendo grandes volumes de area, e o proceso estase a acelerar nos últimos anos debido á actividade humana. Así o constata unha investigación realizada polos investigadores Alejandro Gómez Pazo, Augusto Pérez Alberti e Xosé Lois Otero Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, mediante a análise con sistemas de información xeográfica e imaxes tomadas desde 1956, co voo americano.
“Puido comprobarse a existencia de distintas fases erosivas no sistema de Rodas, destacando a primeira vinculada á extracción de area na zona, e unha última desde o ano 2010 que en parte podería estar relacionada coa ampliación das infraestruturas e coa incidencia dos temporais“, explica Alejandro Gómez, autor da investigación publicada no Journal of Marine Science and Engineering.
O xeógrafo, que xunto a Pérez Alberti presentou recentemente un índice de vulnerabilidade costeira de Galicia, salienta que o caso de Rodas é unha das zonas máis delicadas do litoral debido á súa situación. A proximidade da coñecida como Lagoa dos Nenos, conectada co mar aberto, “é tamén significante”, subliñan no traballo. “Durante os eventos máis enerxéticos (que se corresponden con temporais no mar) esta situación facilita a erosión da duna, e incluso chega a abrir unha canle no norte da área sedimentaria en momentos de tormenta e fortes ondadas”, expón a investigación.
Problema acelerado na zona norte

As medicións realizadas ao longo do sistema dunar constatan o dano causado pola extracción de area, sobre todo entre os anos 50 e 70 do século XX, o que provocou unha regresión de 30 metros entre 1956 e 1981. Porén, nos últimos anos, o problema estase agravando no sector norte de Rodas, o que máis impacto soporta debido ao incremento de visitantes e á proximidade do peirao, ampliado en 2010, onde chegan máis de 200.000 persoas todos os anos.
Así, desde o 2010, “a liña de costa no sector norte do sistema de Rodas retrocedeu máis de 14 metros“, expón a investigación. As posibles causas hainas que buscar “na ampliación do peirao e na apertura da canle no inverno desde a lagoa”. Este último é un problema “particularmente importante” cando se suceden os fortes temporais. Así, neste tempo, o traballo salienta varios episodios de grandes ondas en 2013 e 2014 que “poderían ter contribuído á erosión máis severa no sector norte”.
Con este panorama, os investigadores tiran varias conclusións do estudo. Nelas expoñen que, a pesar do retroceso da liña de costa, “o 83% da superficie analizada aumentou a súa elevación, principalmente na fronte dunar e en parte da zona norte”. Un episodio que pode deberse ás condicións dos temporais do inverno e, por outra banda, cabe tamén a posibilidade de que o sistema poida estar experimentando unha leve recuperación en zonas moi concretas.
Do mesmo xeito, o traballo conclúe que as actividades humanas, como o aumento da presión turística, a extracción de area ou a construción do novo peirao, poden ter modificado a dinámica do sistema costeiro, coa consecuente perda de sedimentos e o retroceso da liña de costa.
Con todo, os investigadores subliñan a necesidade de afondar nesta situación: “Sería interesante analizar o sistema da praia de Rodas cunha resolución temporal maior, tanto temporal como espacial, para determinar o comportamento dos sedimentos con maior detalle. Deste xeito poderíanse analizar as dinámicas estacionais e anuais do sistema para estimar a influencia que os temporais e a actividade humana teñen sobre Rodas”, expoñen.
A investigación forma parte do proxecto “Monitoraxe dos procesos bioxeoquímicos en solos de cantís e augas costeiras en relación coa influencia das colonias de aves mariñas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia”, financiado polo Organismo Autónomo Parques Nacionais do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
Referencia: Recent Evolution (1956–2017) of Rodas Beach on the Cíes Islands, Galicia, NW Spain (Publicado en Journal of Marine Science and Engineering, 30 de abril de 2019).