“Non se pode tratar ás Cíes cos criterios de Port Aventura”

As Illas Cíes, emblema do único Parque Nacional que existe en Galicia, foron de novo noticia este verán pola masificación do turismo. Ante a sobrevenda de billetes, a Xunta, que xestiona o parque, abriu expediente a dúas navieiras e a Garda Civil chegou a impedir o desembarco de centos de persoas no peirao das Cïes, co lóxico malestar dos turistas.

As Cíes ocupan unha superficie terrestre de algo máis de catro quilómetros cadrados, unha área que se reduce sensiblemente se excluímos as zonas de reserva, nas que está prohibido o acceso. Así, un sinxelo cálculo leva a concluír que a densidade de poboación que soporta esta parte do Parque Nacional nos días de maior afluencia é comparable á da cidade de Vigo (2684,92 hab./km²).

Publicidade

Son moitas as preguntas que xorden ante isto: É sostible este nivel de afluencia? Por que se poden vender máis billetes dos permitidos sen que ninguén o impida? E, como non, hai quen teme que esta avalancha poida danar os ricos ecosistemas das illas.

Alén dos problemas de seguridade e loxística que derivan de albergar a máis de 5.000 persoas nas illas, o principal problema da saturación é o perigo que conleva para a flora, a fauna e o patrimonio. “O impacto concéntrase nunha parte moi pequena de dúas illas, que reciben unha presión por superficie semellante á que pode ter a rúa Príncipe de Vigo”, exemplifica Ignacio Munilla, ecólogo, investigador e autor de varios traballos sobre aves mariñas nas Illas Atlánticas.

Publicidade

Tal e como explica Munilla, a superficie aberta ao uso público é moi pequena (restaurantes, aseos, praias, camiños e outras zonas, como os faros e os miradoiros). Pero precisamente por iso, o dano é moito maior nalgúns lugares en concreto. “Son moitos pés erosionando os camiños, e estamos falando de solos moi fráxiles, que soportan moi mal o pisoteo constante”.

O ecólogo dá por feito que a gran maioría dos visitantes é respectuosa co entorno, mais canta máis xente chegue ás illas, máis posibilidades hai de que aparezan problemas. “Poñamos que un 1 por cento dos visitantes comete algunha neglixencia, como botar lixo ou invadir espazos vedados. Pero non é o mesmo o 1% de 500 que o 1% de 5.000″, sostén.

Corvo mariño, unha das especies ameazadas nas Cíes. Imaxe: Andreas Trepte.
Corvo mariño, unha das especies ameazadas nas Cíes. Imaxe: Andreas Trepte.

Así, Munilla, bo coñecedor das Cíes, lamenta que a degradación xa é notable en varios puntos: “os camiños aos faros e a zona da Pedra da Campá, por exemplo”. E incluso hai pegadas humanas máis desagradables. “Nalgúns puntos atopas auténticas latrinas agochadas no medio da vexetación”. O dos atallos é outro dos problemas: “hai algúns que se intentaron eliminar, para que a xente non camiñase por eles, pero xa hai de novo carteis de advertencia tumbados, e ves ás persoas camiñando de novo por aí. Ao haber tantos visitantes, a dotación do Parque ten que deixar de lado o seu traballo de vixiancia para atender necesidades básicas”.

Así, a fauna tamén sofre a invasión humana. “As gaivotas, tanto os proxenitores como os polos, están nun constante estado de alerta. Se hai persoas camiñando a carón dos niños cada minuto, non poden desenvolver a cría coa tranquilidade necesaria. O mesmo pasa cos lagartos: non van saír ao sol se todo está cheo de xente”. Por outra banda, Munilla participou nun estudo sobre o impacto do tráfico marítimo na alimentación do corvo mariño, no que se comprobou que a partir dun determinado número de barcos fondeados nas augas das illas, era inviable que esta especie ameazada se puidera alimentar.

Solucións

Por tanto, o actual cupo de visitantes (3.000 persoas/día, aínda que se sobrepasa con frecuencia) parécelle “excesivo de máis“. E engade: “Non se pode tratar ás Cíes cos mesmos criterios que Port Aventura. Presumir de que aumenta o número de turistas nun Parque Nacional non é un indicador aceptable. O bo sería calcular, por exemplo, canta xente volve das Cíes coñecendo os nomes de especies que non coñecía antes de ir”, conclúe.

2 COMENTÁRIOS

  1. O número máximo de visitantes autorizados nas illas son 3.000 persoas por xornada. non 3.200 como se indica no artigo. Que se exceda ese número na tempada estival ten máis de norma que de excepción. Certamente compre revisar (á baixa moi probablemente) ese número. Un argumento máis para reclamar o preceptivo plan de uso e xestión, que entre outras cousas determinaría a capacidade de carga do espazo. Sin deixar de ser grave oxalá o exceso de visitantes fora o principal problema do parque nacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Manchas solares no ceo da Coruña entre a nube de fume procedente de Portugal

O transporte de partículas ocasionado polos incendios do país veciño deixan uns ceos vermellos en Galicia

▪️ Copernicus revela un récord de emisións polos incendios forestais en Portugal

Os lumes deste mes liberaron ata 1,9 megatoneladas de partículas e compostos daniños á atmósfera

▪️ Como afecta ao corpo humano a exposición ao fume dos incendios

O transporte masivo de partículas tóxicas activa en Galicia alertas pola mala calidade do aire nos concellos de Vigo e de Cee

Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz