Unha tese estuda a acuñación de moedas en Galicia: da ‘caetra’ romana ás de Henrique IV

O numismático e licenciado en Humanidades no Campus Terra da USC Pablo Núñez Nemeses aborda na tese de doutoramento ‘Historia monetaria da Galicia medieval’, unha investigación dirixida polo profesor Carlos Baliñas Pérez que vén de presentar no centro universitario lugués, unha unha catalogación e estudo exhaustivo das acuñacións monetarias realizadas en Galicia, dende acaetra romana ata as moedas de Henrique IV, o derradeiro rei medieval.

A investigación de doutoramento realizada polo lancarés Núñez Nemeses, un reputado numismático, coñecido tanto polos seus estudos sobre a materia como por presidir a Asociación Numismática Val de Ariz (Anvar) e dedicarse profesionalmente á peritaxe, exposición e e venda de moedas históricas, está enmarcada no programa de doutoramento da USC ‘Estudos culturais: Memoria, identidade, territorio e linguaxe’. Daquela, segundo sinala o profesor Baliñas Pérez, unha das premisas desta investigación atinxe á intención do seu autor de revitalizar a numismática, unha ciencia auxiliar da Historia en boa medida caída no esquecemento e relegada ao mero coleccionismo.

Publicidade

A intención principal da tese é realizar unha catalogación e estudo exhaustivo das acuñacións monetarias realizadas en Galicia, dende a caetra romana ata as moedas de Henrique IV, o derradeiro rei medieval, e empregar esa información para aportar dende a metodoloxía numismática novos datos sobre a vida social e económica da Galicia medieval.

O exhaustivo traballo desenvolvido por Núñez Nemeses vén acompañado dunha análise metalográfica das acuñacións coñecidas, así como dunha detallada catalogación e presentación gráfica de preto de duascentas moedas galegas do período. Para a realización deste laborioso estudo, o novo doutor fixo prospeccións en todos os fondos museográficos e coleccións de moeda, non só de Galicia, senón tamén das principais institucións españolas e mesmo as recollidas en publicacións internacionais.

Publicidade

A investigación pon de relevo que, lonxe de ser unha disciplina morta, a numismática pode e debe de xogar un papel significativo como fonte para os estudos históricos, no mesmo nivel que os rexistros arqueolóxicos e documentais.

Tribunal da tese e cualificación
O tribunal encargado de facer a valoración académica da investigación de doutoramento realizada por Pablo Núñez Nemeses estivo presidido pola profesora do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC María da Luz Ríos Rodríguez. A profesora do Departamento de Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Antiga, Filosofía Grega e Filosofía Latina da Universidade de Alacante Carolina Domenech Belda, quen tamén é unha destacada especialista na historia económica da Idade Media, e o arqueólogo e profesor da Universidade de Vigo Fermín Pérez Losada, completaron a nómina de membros do tribunal, que outorgou a máxima cualificación académica á tese de doutoramento presentada por Pablo Núñez Meneses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día

A tala de piñeiros pon en “grave risco” un conxunto de petróglifos en Outeiro de Rei

Dúas asociacións alertan de que a corta de árbores na parroquia de Parada se está a realizar sen medidas de protección patrimonial