Atopan en China un virus “letal” que infecta á velutina

Un equipo de científicos describe a presenza dun virus paralizante que podería usarse como arma de control biolóxico da avespa, invasora en Galicia

Un equipo de científicos chineses acaba de publicar na revista Insects un artigo que, a medio e longo prazo, podería ofrecer unha nova solución para a invasión da Vespa velutina, especie exótica en Galicia e outras partes de Europa, e que tamén está causando problemas en países como Corea do Sur. A investigación, na que participan investigadores de varias universidades chinesas financiados pola Fundación de Ciencias Naturais do país, constata a presenza do virus ALPV (un patóxeno letal que paraliza e afecta principalmente aos áfidos) en exemplares de velutina atopados en varias provincias chinesas, onde é nativa. Cos datos recollidos, os investigadores conclúen que “o estudo proporciona un primeiro paso importante para comprender esta infección viral, e podería dirixir cara unha vía de control da Vespa velutina mediante o uso do virus”.

Nos últimos anos, o impacto dos virus (ademais da depredación de invasores como a velutina) é un dos factores aos que se atribúe o descenso das poboacións de abellas en gran parte do planeta. En España xa se ten detectado na abella europea (Apis mellifera), e agora o estudo chinés que constata a presenza na velutina detéctao tamén na especie chinesa Apis cerana. E segundo as probas recollidas, a velutina, depredadora da abella chinesa, vese tamén afectada polo ALPV.

Publicidade

“É un estudo moi interesante, e dá espazo tamén a reflexionar sobre a posibilidade de que a velutina puidera traer tamén consigo novos patóxenos a Europa ou actuar na actualidade como reservorio e vector de transmisión de virus a outros polinizadores”, explica Xesús Feás, científico, membro de Real Academia de Ciencias Veterinarias e experto no estudo da velutina. Os autores explican que, como depredadores “as vespas non só ameazan o crecemento das poboacións de abellas, senón que tamén interactúan con especies polinizadoras como a Apis cerana, podendo actuar como reservorios virais para infectalos a través da depredación”.

Con todo, o deste virus letal non é o primeiro caso coñecido de patóxenos e parasitos que afectan á velutina e limitan o espallamento das súas poboacións actuando como inimigo natural, tal e como subliñan os autores deste novo estudo. É o caso do Conops vesicularis, un verme que parasita ás raíñas e lles causa un notable dano, tal e como constataron investigadores franceses en 2015 (aínda que o número de casos rexistrados foi pequeno). Outro caso é dun nematodo da familia Mermithidae que tamén causa danos nos exemplares adultos da avespa asiática.

Publicidade

No caso do virus ALPV, o traballo dos científicos chineses está aínda lonxe de ter aplicación real, xa que é unha comunicación do achado. “A ruta exacta da migración do virus ALPV entre A. melliferaA. cerana e V. velutina necesita ser clarificada polo miúdo”. Do mesmo xeito, habería que ter en conta as posibles consecuencias que podería ter a introdución do virus letal noutros ecosistemas, así como a posibilidade de que se produza unha mutación perigosa.

Non en tanto, a aposta polos estudos xenéticos para combater a velutina, alén de prácticas como o trampeo, é un camiño polo que xa están indo investigadores en Galicia e outras partes de Europa. Neste punto, Xesús Feás, subliña: “Remítome ao de sempre, fan falta recursos, aposta pola investigación e profesionalidade na toma de mostraxes e datos acerca da velutina”. O veterinario subliñou tamén que a pasada semana un mozo de 32 anos, alérxico ao veleno destes insectos, faleceu en San Tirso de Abres (Asturias), despois de sufrir unha picadura.

Referencia: Discovery of Aphid Lethal Paralysis Virus in Vespa velutina and Apis cerana in China (Publicado en Insects, 3 de xuño de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da velutina aos meles de baixa calidade: os retos actuais da apicultura

A confluencia de varios factores ameazan á saúde da abella e do seu ecosistema. Por Damián Copena Rodríguez e María A. Ferreira Golpe

A guía definitiva para frear a expansión da velutina en Galicia

O documento elaborado pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental establece protocolos de actuación para protexer a poboación, a apicultura e a biodiversidade

Chegará o avespón oriental a Galicia? “A froita que vén do sur podería traer exemplares ocultos”

O cambio climático e o comercio de mercancías incrementan o risco de expansión desta especie invasora cara ao noroeste peninsular

Que é o avespón oriental: a nova ameaza que toma o relevo da velutina

O depredador de abellas melíferas está considerado unha das principais pragas do país segundo o Catálogo Español de Especies Invasoras