Chega a primavera. Unha estación que este ano vén marcada polo confinamento da poboación nas casas pola crise do coronavirus. Pero que podería ser a primeira aliada contra esta pandemia, xa que a radiación ultravioleta adoita ser nociva contra estes patóxenos.
A chegada da primavera producirase oficialmente este venres, 20 de marzo, ás 4.50 horas, e durará 92 días e 18 horas ata concluír o 20 de xuño, cando comezará o verán, segundo cálculos do Instituto Xeográfico Nacional.
O inicio das estacións vén dado polos momentos nos que a Terra se atopa nunhas determinadas posicións na súa órbita arredor do Sol. No caso da primavera, esta posición dáse cando o centro do Sol, visto desde a Terra, cruza o ecuador celeste no seu movemento aparente cara ao norte. O día en que isto sucede, a duración do día e da noite practicamente coinciden. A esta circunstancia chamámola tamén equinoccio de primavera. No momento en que no hemisferio norte empeza a primavera, no hemisferio sur comeza o outono.
Como todo isto é unha convención astronómica, o equinoccio de primavera pode darse como máximo en tres datas distintas ao longo do século XXI, entre os días 19 e 21 de marzo, co seu inicio máis temperán en 2096 e o máis tardío en 2003. Este ano 2020, comeza a primavera no día 20.
As variacións dun ano a outro son debidas ao modo en que a duración da órbita da Terra arredor do Sol (coñecida como ano trópico) encaixa na secuencia de anos do calendario, debido a que uns son bisiestos e outros non.
A primavera é a época do ano en que a lonxitude do día se alonga máis rapidamente. Ás latitudes de Galicia, o Sol sae polas mañás máis dun minuto antes que o día anterior e pola tarde ponse máis dun minuto despois. Deste xeito, ao comezo da primavera o tempo en que o Sol está por riba do horizonte aumenta case tres minutos cada día nesas latitudes.
Cambio de hora
Como é habitual, o derradeiro domingo de marzo (día 29) producirase o cambio de hora, cando ás dúas da madrugada haberá que adiantar o reloxo ata as tres. Con isto, recuperamos o horario de verán, de maneira que ese día terá oficialmente unha hora menos.
O Parlamento Europeo debate a posibilidade de eliminar os cambios de hora a partir de 2021. Aínda non hai unha decisión firme, pero é moi posible que nun futuro próximo na UE non se volva a cambiar de hora na primavera e outono.
Doutra banda, o próximo 4 de maio producirase unha ocultación de Mercurio polo Sol, o 5 de xuño terá lugar unha eclipse penumbral de Lúa que será visible en Europa, África, Asia e Australia e o 19 de xuño ocultarase Venus pola Lúa, o que acontecerá durante o día e, polo tanto, non será visible dende Galicia.
A primeira lúa chea da primavera darase o 8 de abril e as seguintes produciranse 29 ou 30 días despois. Nesta estación haberá outras tres lúas cheas, concretamente o 7 de maio e o 5 de xuño.
As principais choivas de meteoros da primavera serán as líridas, cun máximo cara ao 22 de abril, e as eta acuáridas, cuxo máximo sucederá cara ao 6 de maio.
A primavera é un bo momento para observar o ceo, pois as noites aínda son longas e fai menos frío que no inverno. Unha das constelacións máis características desta estación é Leo, fácil de localizar cara ao sur tras a posta de Sol pola súa forma de signo de interrogación investido.
Mirando cara ao norte de Leo, pode atoparse tamén doadamente recoñecible a Osa Maior. Cara ao leste de Leo destacan as constelacións de Virgo e do Boyero, cada unha cunha estrela brillante: Spica en Virgo e Arturo no Boyero. O triángulo formado por estas dúas estrelas e por Régulo en Leo denomínase triángulo da primavera, e a súa localización no ceo proporciona un bo punto de partida para comezar a explorar o resto das constelacións visibles durante a estación.
En canto aos planetas, ao amencer serán visibles Marte, Saturno e Xúpiter e, desde mediados de xuño, Venus, en tanto que á noitiña verase Venus ata finais de maio.