Adeus á borrasca Juan: unha masa de aire subtropical dá paso a temperaturas de ata 20 graos

Unha potente dorsal anticiclónica situada no sur de Europa bloqueará esta semana as frontes e borrascas que poidan chegar dende o Atlántico

En apenas uns días, Galicia pasará de rexistrar temperaturas baixo cero a acadar os 20 graos. A responsable será unha potente dorsal anticiclónica situada no sur de Europa que lle tomará o relevo á borrasca Juan, que fixo caer drasticamente os termómetros durante a pasada fin de semana. A partir do mércores, os efectos do bloqueo anticiclónico deixaranse sentir en Galicia, que chegará a acadar os 20 graos debido a unha masa de aire subtropical que traerá unha primavera anticipada. Varios servizos de meteoroloxía prognostican que as temperaturas, máis propias de marzo, deixarán varios récords en toda a península. No que resta de semana non se prevén precipitacións e o tempo será estable e seco en todo o territorio.

Con todo, Galicia arrinca a cuarta semana de xaneiro con alerta laranxa en todo o litoral por ondas superiores aos cinco metros. A responsable deste aviso é unha fronte pouco activa que chega dende o Atlántico e que deixará ceos nubrados e chuvias que irán perdendo forza conforme avance a xornada. Unha situación similar á do martes, cando seguirá activada a alerta en toda a costa galega, esta vez por aviso amarelo, ante ondas que poden superar os catro metros. Con todo, se se rexistran precipitacións serán febles e estarán restrinxidas á marxe atlántica. A partir do martes Galicia xa se sitúa nunha zona intermedia entre as altas presións situadas ao sur e unha borrasca ao norte de Escocia.

Publicidade

O mércores xa se comezarán a rexistrar temperaturas atípicas para esta época do ano. De feito, cidades como Ourense e Vigo poderán acadar os 20 graos de máxima. As responsables serán as altas presións situadas ao sur, acompañadas dunha masa de aire subtropical; unha situación que persistirá no que resta de semana. “A masa de aire en niveis medios da troposfera adquirirá tintes de récord ou históricos, con anomalías superiores aos 10 graos respecto á media en amplas zonas da península e Baleares”, indica o meteorólogo Duncan Wingen nun artigo publicado este domingo en Meteored. O experto apunta que os días máis cálidos serán o mércores e o xoves.

Debido á dorsal anticiclónica, dende Meteored explican que non chegarán precipitacións de cara aos próximos días, dado que bloqueará as frontes e borrascas que poidan chegar dende o Atlántico. Polo tanto, unha vez pasados o luns e o martes, cando si se rexistrarán chuvias febles en Galicia, especialmente na vertente atlántica, o tempo tenderá á estabilidade. O meteorólogo Mario Picazo, no portal eltiempo.es, asegura que a segunda quincena de xaneiro “é a máis fría do ano” en España. Con todo, concorda co resto de servizos meterolóxicos con que esta semana as temperaturas serán máis propias da primavera que do inverno.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga