A UVigo busca pensos para animais a partir de algas

Participan no proxecto europeo Alehoop xunto a outros 15 socios de seis países que participan na iniciativa

Obter proteínas dietéticas de biomasa residual de macroalgas e leguminosas. Este é o obxectivo do proxecto europeo Alehoop, posto en marcha recentemente por 16 socios de seis países, entre eles a Universidade de Vigo. Nel traballarase durante catro anos na utilización de biorefinerías para a valorización de biomasa residual procedente de macroalgas e subprodutos do procesamento de leguminosas para obter novas cadeas de valor a través de proteínas para aplicacións de alto valor en alimentos e pensos para animais.

No sector da alimentación e a produción de pensos para animais, comentan os responsables do proxecto, as e os consumidores están esixindo cada vez máis “proteínas naturais funcionais e asequibles, de fontes distintas ás convencionais”. As fontes actuais destas proteínas, detallan, son a soia, cereais ou patacas, “importados a Europa na súa maioría e insostibles ambientalmente”. O déficit destes recursos en Europa, cuxa produción non alcanza as demandas, indican, obriga a buscar novas fontes de proteínas ata agora inexplotadas. Neste contexto, sinalan desde proxecto, a industria está demandando formulacións proteicas de orixe biolóxica, que poidan producirse a baixo custe e con un mellor comportamento ambiental, e Alehoop pretende precisamente proporcionar “unha solución sostible e barata para a recuperación de proteínas biofuncionais”.

Publicidade

Os traballos do Laboratorio de Bioquímica realízanse desde a Facultade de Ciencias de Ourense.

Alehoop terá unha duración de 48 meses e recibe financiamento do programa de investigación e innovación da Unión Europea Horizonte H2020. O custe total estimado do proxecto ascende a 6.718.370 euros e recibirá un financiamento de 5.140.274,41 euros, sendo o financiamento concedido á UVigo de 364.387,5 euros. O consorcio do proxecto está composto por 16 participantes de seis países. A participación da Universidade de Vigo céntrase en tres grupos de investigación: o Laboratorio de Bioquímica, que pertence ao grupo AA1, é o líder das tarefas asignadas á UVigo, participando María Luisa Rúa, Ana Torrado, Clara Fuciños e Camila Jiménez. Tamén participan Clara Tovar, do Departamento de Física Aplicada, e Federico Mallo, Lucas González e Yolanda Diz, do Laboratorio de Endocrinoloxía no CINBIO.

De España, ademais da Universidade de Vigo, participan no proxecto Contactica SL (coordinador do proxecto); Isanatur Spain SL; Biosurya SL; Garlan, S.Coop.; Indukern SA; Anfaco-Cecopesca; Fundación Tecnalia Research & Innovaticon e Universidad de Cádiz. Completan a listaxe Biozoon GMBH e Centiv GMBH, de Alemaña; Alginor ASA, de Noruega; Nutrition Science e EV-ILVO, de Béxica; a Technological University Dublin, de Irlanda, e o Veterinary Research Institute, da República Checa.

Publicidade

Obxectivos para catro anos de traballo

O proxecto no que participa a UVigo, explican os seus responsables, pretende proporcionar unha demostración a escala piloto enfocada na recuperación de proteínas dietéticas de baixo custe en biorefinerías mediante un proceso sostible e barato a base de residuos procedentes de macroalgas e do procesamento de leguminosas. O concepto de biorefinería, indican, fai en xeral referencia á transformación de biomasa en enerxía e neste proxecto aplícase á obtención de proteínas a partir dunha biomasa, neste caso algas e legumes. Ademais, detallan, a iniciativa aborda o aproveitamento dos residuos obtidos durante a extracción das proteínas a través do que se chama biorefinerías integradas con cero residuos.

Imaxe dos traballos de laboratorio que se están realizando no marco do proxecto.

Os obxectivos que se marca o proxecto Alehoop son varios. O primeiro deles é o aproveitamento de restos do procesamento industrial de materiais de orixe botánica (leguminosas) e de fontes abundantes de orixe biológica (macroalgas). As macroalgas verdes que se empregarán no proxecto serán recolectadas nas Rías Baixas e as marróns en Noruega e os subprodutos xerados tras o procesamento de leguminosas tamén serán procedentes en España. “A obtención de ambas materias primas realizarase na UE, potenciando a economía local, diminuíndo potencialmente as importacións de outras materias primas”, indican desde Alehoop. O segundo obxectivo será optimizar o procesamento de biomasa algal nunha biorefinería, coa intención de aumentar a colleita de proteínas con respecto a outros procesos. A pureza proteica que se pretende alcanzar destes tratamentos, detallan desde a iniciaitiva, é dun 60-70%. Un terceiro obxectivo de Alehoop é a redución da pegada de carbono fronte aos procesos convencionais (30% menos), ademais dun aforro enerxético significativo (un 20% menos) e dos custes de produción (un 20% menos) fronte aos procesos convencionais.

O proxecto desembocará na creación de dous novos produtos, un baseado en algas e outro en leguminosas, coa intención de ser comercializados na Unión Europea tras a aprobación da autoridade competente, a EFSA. Neste marco de traballo, os equipos participantes da UVigo encargaranse, entre outras tarefas, da caracterización físico-química e funcional tanto dos extractos proteicos como das correntes residuais xeradas nos procesos de extracción. Ademais, son responsables das tarefas de estudo da biodispoñibilidade das proteínas extraídas mediante ensaios in vivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos

CinVigo pecha a súa cuarta edición consolidándose como referente da ciencia na rúa en Galicia

A edición de 2026 conclúe coa asistencia de preto de 250 estudantes e máis de 1000 participantes nas actividades abertas ao público

Radiografía das enfermidades raras: ciencia de fronteira, colaborativa e con pouco financiamento 

O grupo de Diana Valverde investiga dende o CINBIO a base molecular das ciliopatías, enfermidades de moi baixa prevalencia que afectan varios órganos causando cegueira, xordeira e malformacións

Así empregan no CINBIO a auga termal das Burgas con fins científicos 

O grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), localizado en Ourense, é referente no estudo de técnicas para a extracción de compostos químicos menos daniñas co medio ambiente