A metade das praias de area, en risco polo cambio climático

Un novo estudo publicado en Nature Climate Change revela que se perderán ata cen metros de area terra adentro no 2100

O estudo revela un cambio total na morfoloxía das costas do mundo.

Os ecosistemas de area ocupan máis dun terzo de todas as costas e o seu valor non é só turístico, tamén é ambiental. Coas tendencias climáticas actuais o máis probable é que o 50 % das praias de todo o mundo desapareza baixo da auga antes de que finalice o século.

As praias de area non son só lugares paradisíacos de destinos remotos. Ademais do seu importante valor socioeconómico e turístico para moitos países, estes ecosistemas, que ocupan o 30% da costa de todo o mundo e albergan ao 44 % da poboación mundial, representan moito máis nas nosas contornas.

“As praias teñen un valor ecolóxico xa que acollen varias especies que non poden vivir noutros ambientes. Ao estar en primeira liña tamén supoñen unha protección fronte a asolagamentos, tormentas mariñas e ciclóns”, contou á axencia SINC Michalis Vousdoukas, do Joint Research Centre da Comisión Europea en Ispra (Italia).

A pesar da súa importancia ecolóxica, moitas praias, que se enfrontan a constantes cambios meteorolóxicos e antropoxénicos, xa se están a erosionar, unha situación que se exacerbará co cambio climático e co aumento do nivel do mar. Para predicir as tendencias futuras, Vousdoukas e o seu equipo analizaron as imaxes satelitais que amosan o cambio da costa de 1984 a 2015.

Os resultados, publicados na revista Nature Climate Change, revelan que a recesión costeira polo aumento do nivel do mar e as tendencias climáticas actuais poderían provocar a case extinción da metade de praias de area do mundo para o ano 2100. A erosión semella, ademais, intensificarse á vez que aumentan as emisións de gases de efecto invernadoiro.

“Case a metade das praias de area do mundo vai desaparecer se non reducimos as emisións de gases de efecto invernadoiro. A mitigación permitiría previr o 22% da retirada da costa para 2050 e o 40 % a finais de século”, engade o experto, que contou coa colaboración da Universidade de Cádiz e outros centros de Holanda e Portugal.

Australia, o país que máis perderá
Grazas á recompilación de 30 anos de imaxes de satélite, os científicos puideron determinar o cambio que sufrirá a costa nas próximas décadas en dous escenarios diferentes de emerxencia climática: por factores xeolóxicos e antropoxénicos e polo aumento do nivel do mar.

Os investigadores concluíron que estes ecosistemas están en risco de erosión severa. Ata finais de século, “as praias seguirán a erosionarse e algunhas desaparecerán”, advirte Vousdoukas. En Asia occidental e oriental e nos pequenos países insulares do Caribe, espérase unha retirada da costa de ata 300 metros a longo prazo.

En España, van perderse uns 60 metros de area terra adentro no mellor dos casos previstos no estudo. España non é dos países máis afectados pero ten unha proxección media de retroceso de 86 metros para 2100 no peor dos escenarios. A perda reduciríase nun 39% no caso de mitigación do cambio climático por medio dunha redución significativa das emisións de gases. Isto tanto no litoral atlántico como mediterráneo. Así que, no mellor dos escenarios previstos, os científicos esperan unha retirada media de 27 metros para 2050 e 60 metros para finais de século.

Pero o risco de erosión será particularmente alto nos países onde se dan ambos os escenarios climáticos como é o caso da República Democrática do Congo, Gambia, Xersei, Suriname, Comoras, Palau, Benin, Guinea- Bissau, Mayotte (Francia), Iraq, Paquistán, Guinea e O Salvador.

Todos eles poderían perder ata o 80 % da súa costa arenosa, o que prexudicará as súas fráxiles economías que dependen do turismo, e onde as praias de area constitúen o principal atractivo.

Cando os investigadores analizaron a lonxitude total de praia que se podía perder, Australia foi o país máis afectado con 12.324 km de costa en risco (no mellor dos escenarios), o que equivale ao 40 % de toda a costa arenosa do país. Seguiríanlle Canadá (que perderá 9.577 km de praias), Chile (5.471 km), México (4.119 km), China (4.084 km), Estados Unidos (3.908 km), Arxentina (3.668 km) e Irán (3.654 km).

Como unha importante proporción de praias de area ameazadas atópase en áreas densamente poboadas, o equipo de investigación suxire deseñar e implementar medidas de adaptación efectivas.

Aquí podes consultar o estudo publicado en Nature Climate Change

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.