A apertura do corredor atlántico trae chuvias intensas a partir do domingo (e sen data de fin)

Unha profunda borrasca irase desprazando dende os Azores ata o oeste da península e deixará fortes e abundantes precipitacións ao comezo da vindeira semana

Temperaturas baixo cero e alerta amarela en boa parte das provincias de Ourense e Lugo. Ese é, a grandes trazos, o resumo dunha semana marcada polo frío e o tempo estable en Galicia. Mais este escenario está a piques de cambiar radicalmente. O anticiclón que bloqueaba a entrada de borrascas comezará a debilitarse o sábado e iso favorecerá a apertura do corredor atlántico. É dicir, a fácil entrada dos sistemas de baixas presións polo oeste da península. O domingo chegarán as primeiras chuvias, que se prevén intensas e con acumulados de ata 100 l/m2 en cinco días, sobre todo no suroeste galego. O escenario non prevé cambiar a curto prazo e as probabilidades de chuvia ata o sábado 25 de xaneiro mantéñense no 90%.

Segundo explican nun artigo publicado en Meteored, esta fin de semana desenvolverase unha profunda borrasca nos arredores das illas Azores. Aínda que esta posición está máis ao sur do habitual, irá desprazándose cara ao leste e perdendo intensidade. Porén, a achega de aire frío, así como o encontro con masas de aire cálido do norte de África, alimentarán a borrasca, que chegará moi activa o martes. De feito, o luns en Galicia será un día de transición, son chuvias máis probables nas últimas horas do día. Porén, o 21 agárdanse precipitacións abundantes tanto en Galicia como no norte de Portugal.

Publicidade

O oeste de Galicia, a zona máis afectada

Meteogalicia corrobora este prognóstico, ao indicar na súa páxina web que a vindeira semana estará marcada pola inestabilidade. As borrascas atlánticas dominarán o escenario atmosférico e a probabilidade de precipitacións será moi elevada, polo menos, ata o sábado. A zona máis afectada será a metade oeste do territorio, por onde entrarán as frontes asociadas ás borrascas atlánticas. Malia as precipitacións, os valores estabilizaranse e agárdase que se experimenten temperaturas suaves pero maiores que as desta semana. O ascenso será máis significativo nos valores mínimos que nos máximos.

Outros servizos de meteoroloxía, como eltiempo.es, tamén advirten da chegada dunha profunda borrasca dende o Atlántico a comezos de semana, polo que as xeadas propias destes días e os avisos por baixas temperaturas desaparecerán. “A semana do 20 ao 27 de xaneiro prevese moi chuviosa en todo o oeste peninsular, cun superávit de 10 a 30 l/m2 na metade oeste de Galicia, Castela e León, Madrid, Estremadura, Castela A-Mancha e Andalucía”, apuntan dende Meteored. As baixas presións predominarán toda a semana, sen data —dada a inherente incerteza dos prognósticos meteorolóxicos— da chegada do anticiclón e, por tanto, do tempo estable.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual