As salas interactivas dos Museos Científicos Coruñeses, abertas de novo ao público

Será preciso facer reserva previa para acceder á Casa das Ciencias e a Domus, onde se poden ver exposicións sobre astronomía, xenética ou nutrición

Oír, ver e tocar. Especialmente tocar. Unha realidade da que nos afastou a crise sanitaria, mais que agora imos recuperando sen présa pero sen pausa. Así é que o Concello da Coruña volve reactivar dous dos seus museos científicos: a Casa das Ciencias e o Domus, que se suman á actividade xa en marcha no Aquarium Finisterrae. Dous espazos concibidos para experimentar; para entender o mundo científico dende unha perspectiva máis próxima e rechamante. E por iso que, a través dunha reserva previa, as súas salas interactivas abren de novo as portas.

A través delas pódese descubrir todo un universo. O mesmo que a Casa das Ciencias expón no seu planetario, que ofrece a posibilidade de aprender a interpretar o firmamento e de achegarse, máis cerca ca nunca, a un ceo tinguido de estrelas. Mais este museo coruñés, que abriu no 1985, ten outras salas nas que se poden descubrir outros tantos tesouros.

Publicidade

Un mundo de aprendizaxe

Unha delas é a exposición Ceos Galegos: toda unha colección fotográfica que recompila imaxes, tanto de día como de noite, do ceo. Todas elas vistas dende diferentes enclaves galegos. A astronomía é un dos platos fortes da Casa das Ciencias, posto que outra das salas do museo coruñés está centrada en explicar como os medios de comunicación transmiten as noticias relacionadas co espazo exterior.

As outras dúas exposicións que brinda este recinto son Puro Swing Parque. A primeira delas é unha sala que axuda a entender que son os péndulos e como funcionan. A través dela comprenderase como é posible o movemento do botafumeiro. A segunda pon o seu foco no parque de Santa Margarita, que se atopa xusto no exterior do edificio, onde se poden descubrir outras moitas curiosidades. Todas elas cun mesmo fío condutor: a ciencia.

Publicidade

Descubrir o ser humano

O outro recinto que abre as súas portas é a Domus, o primeiro museo interactivo do mundo dedicado ao ser humano. Nel pódense atopar exposicións con temáticas como a nutrición, a anatomía, a xenética ou a evolución humana. E non só iso, senón que tamén ofrece outros espazos para gozar do cinema ou mesmo para aprender a facer tecnoloxía por un mesmo.

Dous museos que recuperan a súa actividade, pero que non esquecen que a pandemia segue aí. É por iso que se precisa facer reserva previa, usar a máscara e manter a distancia de seguridade. Mais o coñecemento e a curiosidade non teñen que estar enfrontados co coronavirus. Por iso a Casa das Ciencias e a Domus lánzanse, de novo, a recibir a todo ese público atento e con ganas de seguir aprendendo.


Podes facer a túa reserva na páxina web dos Museos Científicos Coruñeses, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son os mellores puntos para observar a eclipse de Sol na Coruña? Coñéceos neste novo visor

Trátase dunha ferramenta pública con 46 localizacións recomendadas para planificar mellor a experiencia astronómica do 12 de agosto

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de máis de oito metros

Meteogalicia acende o máximo aviso para o mércores, o laranxa para o resto do litoral e o amarelo en terra por abundantes precipitacións

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de ata 9 metros

O aviso por perigo extraordinario da AEMET estará vixente durante mércores e xoves, con forte mar de fondo e ventos intensos

O consumo de anguía en Nadal reabre o debate: “Hai que parar. Non se pode seguir pescando”

O investigador do IEO da Coruña David J. Nachón advirte da delicada situación das crías no río Miño, o único enclave de Galicia onde se poden capturar