A incidencia acumulada está nos 57,91 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, hai menos do 2% das camas ocupadas por pacientes Covid-19, varias comunidades autónomas teñen números considerados de risco baixo, e a vacinación, aínda que a ritmo máis baixo, segue crecendo. Ata deixamos de escoitar as roldas de prensa de Fernando Simón informándonos desta evolución dos datos.
Diante desta situación é normal, desexable e correcto que os diferentes organismos decidan levantar as restricións coas que estivemos convivindo nos últimos (longos) meses.
Con todo, tamén se alzan voces pedindo prudencia fronte a unha pandemia que aínda non acabou. Como tantos elementos relacionados con ela, isto amósase ás veces como unha dicotomía.
A proporcionalidade como eixe
Os teatros teñen aforos completos ou case completos e os estadios de fútbol están ao 100%, pero aínda nos poñen dificultades para acompañar á nosa parella a unha revisión durante o embarazo.
Esta incoherencia, fronte á que moitas persoas se posicionaron nestes últimos días, nace de que, para que as medidas de saúde pública que restrinxen liberdades individuais sexan aceptadas necesitan, entre outras cousas, gardar proporcionalidade. Isto quere dicir, por unha banda, que as medidas sexan adecuadas nun balance risco-beneficio, pero tamén que estas sexan acordes unhas con outras. Nesta pandemia vimos moitos momentos onde as aperturas e procesos de desescalada non seguiron esta proporcionalidade. Lugares sen ventilación e con pouco uso da máscara a pleno rendemento, mentres que os parques infantís ao aire libre estaban precintados. Esa foi a tónica para unha parte das diferentes desescaladas: beneficio económico por diante do social. Isto non significa que agora teñamos que pechar actividades económicas.
Todo o contrario. Significa que se temos uns indicadores que nos permiten abrir actividades (e témolos), non poden abrirse exclusivamente aquelas que xeran un beneficio económico. Necesitamos abrir de forma urxente aquelas que xeran beneficio social.
Falamos de bibliotecas pechadas, servizos presenciais sen atención ao público, acompañamento a consultas… Trátase de actividades na que hai que recuperar a normalidade se permitimos que os sectores económicos a recuperen.
Nin triunfalismos nin derrotismos: vixilancia e resposta
A situación actual indica que a transmisión do virus é a máis baixa en máis dun ano, e a inmunización fainos pensar nun escenario probable no que, de producirse novos incrementos na transmisión, non terán o impacto tan grande que tiveron ondas previas.
É tamén moi probable que isto sexa a luz ao final do túnel, aínda que só nos países de rendas altas. Con todo, a especialidade dos epidemiólogos non é predicir, senón achegar as ferramentas para poder manexarnos e actuar en escenarios de ineludible incerteza.
O noso labor podería ser o de procurar seguridade a través de mecanismos de actuación en situacións nas que non sabemos ao 100% que é o que vai acontecer. A nosa certeza é saber desenvolvernos en escenarios con incerteza.
Cientificamente, aprendemos bastante nestes 18 meses, incluído sobre que medidas ou restricións poden funcionar mellor en determinados momentos. Xa non podemos quedarnos simplemente no principio de precaución.
Como lin nun post no blogue da revista BMJ, o principio de precaución adquire moita máis importancia nas fases iniciais; no momento actual necesitamos guiarnos por información, non por intuición. Agora mesmo precisamos, aínda máis, de moita intelixencia epidemiolóxica e moito menos de análise de datos descontextualizados.
Isto significa darlle moito máis valor á vixilancia en saúde pública. O concepto de rastrexador fixo moito dano, e fixo crer que os técnicos de saúde pública que se dedican á vixilancia son telefonistas que buscan (rastrexan) casos e contactos. Pero o seu traballo é o que garante unha recollida adecuada dos datos e, máis importante, a súa concreta interpretación para dar unha resposta.
Teremos novos crecementos de casos cun impacto no sistema sanitario como en ondas previas e que provoquen grandes restricións? É pouco probable, pero non sabemos con completa seguridade que é o que vai pasar coa Covid-19, e quen afirme o futuro con certeza, mente na súa certeza.
O que si sabemos é que temos que contar coa mellor vixilancia en saúde pública (e niso entra dar valor, recursos e independencia ás persoas que traballan neses servizos) para poder dar as respostas máis acordes ao momento. Non debemos caer no derrotismo nin o alarmismo cada vez que haxa unha flutuación de datos, nin crer que xa é imposible que teñamos problemas nesta pandemia.
Seguramente haxa medidas extraordinarias que pasen desapercibidas para a poboación, como o dispositivo de vixilancia para a Covid-19, que se manterá moito máis tempo do que se perciba. A pandemia seguramente non acabará cando se declare o fin da alerta sanitaria internacional, irá acabando cando deixe de ocupar un espazo significativo nas nosas vidas. Polo menos, cando deixe de ocupar un espazo significativo na vida dos países de rendas altas.
As medidas para a sindemia
Cando pensamos no fin ou a relaxación das medidas extraordinarias pola Covid-19 fixámonos case sempre exclusivamente nas restricións ás liberdades individuais. O foco está nas medidas para controlar a curva de contaxios. Con todo, xa sabemos que esta crise é parte dunha sindemia, e que a pandemia tivo efectos económicos e sociais que tamén afectarán á saúde.
De feito, hai medidas implantadas durante esta pandemia, alén das restricións, que poden ter un impacto na saúde enorme. Por exemplo, a redución da presencialidade, para aqueles traballos onde se poida, reduce os desprazamentos e, por tanto, a contaminación atmosférica.
O Ingreso Mínimo Vital (con todas as súas limitacións) ten a capacidade de mellorar as condicións materiais dun sector da poboación, o que tamén repercute na súa saúde. Por iso, fóra de pensar en volver á vella normalidade, temos que seguir preguntándonos que “nova normalidade” queremos.
“Como dicía o médico e político alemán Rudolf Virchow, ‘a medicina é unha ciencia social, e a política non é outra cousa que medicina a gran escala'”
Esta sindemia tocou (e seguirá tocando) moito máis que a curva de contaxios, polo que tampouco podemos pensar no futuro como a antiga normalidade cunha curva de contaxios baixa.
A crise da Covid-19 revelou costuras no noso sistema social e as desigualdades sociais (en saúde), e fíxonos ver como a emerxencia climática e a invasión de ecosistemas pode ser a orixe de novas pandemias.
O futuro ten que estar construído baseado nestes elementos. A vella normalidade non pode volver. Por encima das restricións, temos que construír unha nova normalidade que teña en conta, como dicía o médico e político alemán Rudolf Virchow, que “a medicina é unha ciencia social, e a política non é outra cousa que medicina a gran escala”.
Pedro Gullón é epidemiólogo e profesor na Universidad de Alcalá. Tamén é coautor do libro Epidemiocracia, xunto a Javier Padilla.