Luns 14 Outubro 2024

Galicia Innovation Days: a cita cos proxectos europeos máis innovadores

O evento celebrarase do 25 ao 29 de outubro, coa participación de expertos nas áreas de saúde, enerxía, medio ambiente, agroalimentación e industria

O Galicia Innovation Days comeza a conta atrás. Tan só faltan tres semanas para que arranque un evento que dará a coñecer as novas oportunidades de financiamento que se abren en Europa, tanto para grupos de investigación como para empresas. Este acto, organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) en colaboración coa Consellería de Educación e Universidade da Xunta de Galicia, contará con expertos internacionais de diferentes ámbitos, tales como a saúde, o medio ambiente, a enerxía, a agroalimentación e a industria.

Será un evento gratuíto que se celebrará en formato online entre o 25 e o 29 de outubro e encherá eses cinco días de mesas redondas, conferencias, exposicións de proxectos e workshops. Unha oportunidade para que os participantes poidan establecer contactos, posto que tamén terán a posibilidade de recibir asesoramento e celebrar reunións individuais. O obxectivo é que se xeren sinerxias de cara ás novas convocatorias do programa Horizonte Europa.

Publicidade

Saúde e cambio climático

Unha das actividades programadas para a primeira xornada do Galicia Innovation Days será unha mesa redonda sobre o avellentamento saudable. É dicir, como se pode mellorar a calidade de vida das persoas maiores, favorecendo a súa inclusión na sociedade. Neste relatorio participarán expertos da Universidade de Vigo, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), de Galaria e do AFEdemy.

Mais a saúde non será o único eixo. Tamén acadarán especial relevancia todos os aspectos relacionados co cambio climático e coa degradación ambiental. De feito, organizarase un debate centrado na transición cara a unha Europa “climaticamente neutra” e tamén se celebrará unha mesa redonda que versará sobre a transformación dixital na industria da Unión Europea. Esta última poñerá o foco na importancia da sustentabilidade e da resiliencia.

Publicidade

A innovación na agricultura

Nesta liña, outro eixo vertebrador será a agroalimentación, onde tamén se considera “esencial” a innovación e o coñecemento. Así é que se celebrará un debate acerca destas ideas, facendo fincapé na creación dun sistema sólido que impulse o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación desta área. Tamén se organizarán mesas redondas sobre agroalimentación coa presenza de expertos da Comisión Europea, do Consello de Investigación de Economía e Agricultura, do Teagasc e de Feuga.

Tamén en relación á temática agrícola, celebrarase unha mesa redonda sobre a necesidade de mellorar a comprensión dos impactos do cambio climático, así como a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro nas prácticas agrícolas. Aquí participarán expertos procedentes da Universidade de Santiago de Compostela, como Sebastián Vilasante, ou do Instituto de Oceanografía-HCMR, como o seu director, Aris Karageorgis.

Exemplos a seguir

Outro dos puntos fortes do Galicia Innovation Days será a presentación de proxectos de investigación que están actualmente en marcha e contan con axudas europeas. Deste xeito, narrarán a súa experiencia ás persoas participantes, como é o caso dos investigadores Ángel Carracedo e Isabel Pastoriza. O primeiro presentará os avances de B-CAST, un proxecto sobre a ratificación do cancro de mama. A segunda fará unha exposición sobre o proxecto BIOCELLPHE.

Tamén se expoñerán ideas innovadoras procedentes vinculadas a temáticas. Por exemplo, relacionadas co clima, a enerxía e a mobilidade, onde se abordarán proxectos relacionados coa transición a enerxías limpas, os biocombustibles renovables e a mellora das infraestruturas no transporte terrestre. De igual modo, a agricultura tamén terá o seu protagonismo con proxectos como CO-UDlabs, sobre a drenaxe urbana, ou SoildiverAgro, acerca da mellora da biodiversidade do solo en Europa.


Máis información sobre os Galicia Innovation Days, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia incorpórase ao Padroado de FEUGA

O portal de divulgación científica reforza o seu compormiso co desenvolvemento tecnolóxico, social e económico coa súa entrada na Fundación Empresa-Universidade Galega

▪️ GCiencia convoca a oitava edición dos premios Galicia Spin-off

Os galardóns, creados en 2015, recoñecen as mellores iniciativas empresariais xurdidas desde o ámbito da universidade

O Sergas desenvolve un sistema de formación para profesionais que funciona como Netflix

A Plataforma Share xa está a funcionar en modo piloto, aspira a ordenar e clasificar o coñecemento sanitario e recomendar cursos á carta

Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns