Venres 26 Abril 2024

Feuga e Xunta organizan un encontro sobre as oportunidades de financiamento de I+D+i en Europa

Os "Galicia Innovation Days" reúnen expertos internacionais, paneis de debate e exposicións para explorar novas colaboracións entre universidade e empresa

O impulso a proxectos de investigación e a transferencia de coñecemento entre as universidades e as empresas é unha das liñas estratéxicas da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga). Co obxectivo de dar a coñecer as novas oportunidades de financiamento que se abren en Europa para os grupos de investigación e as empresas, Feuga e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia organizan o evento internacional Galicia Innovation Days-Towards Horizon Europe.

As xornadas, de carácter gratuíto, celebraranse con formato en liña do 25 ao 28 de outubro. Serán catro días nos que se presentarán as novas convocatorias de financiamento á investigación e innovación da Unión Europea, a través do programa Horizonte Europa. O evento complementarase con conferencias, paneis de discusión, exposicións de proxectos, workshops e actividades de networking entre os participantes.

Publicidade

Expertos internacionais en ámbitos como a saúde, a enerxía, o medioambiente, a agroalimentación ou a industria e os Puntos Nacionais de Contacto das diferentes agrupacións industriais temáticas de Horizonte Europa abordarán as novas oportunidades europeas para investigadores e empresas. Ademais, proxectos que xa están en marcha mostrarán a súa sustentabilidade mediante a presentación de resultados preliminares e a procura de colaboracións para a súa continuidade nas novas convocatorias europeas.

O evento terá carácter internacional, xa que un dos obxectivos será ofrecer aos asistentes a oportunidade de realizar networking tanto con entidades nacionais como do ámbito europeo. Por este motivo Galicia Innovation Days ofrecerá a posibilidade de realizar contactos e intercambiar mensaxes, así como programar reunións individuais nas que poder abordar colaboracións futuras. As reunións poderán celebrarse durante os días do evento en horario de tarde.

Un programa con destacados relatores internacionais

Galicia Innovation Days 2021 centrarase cada día nun ámbito temático en liña coas agrupacións industriais de Horizonte Europa. O día 25 estará dedicado a saúde, así como a cultura, creatividade e sociedade inclusiva. O 26 de outubro a cita poñerá o foco en clima, enerxía e mobilidade. Agroalimentación, océanos e medioambiente serán as temáticas protagonistas o día 27 e, por último, o 28 de outubro, centrarán a xornada os temas de seguridade civil, dixital, industria e espazo.

Serán catro días cun programa de actividades no que intervirán destacados expertos internacionais. Entre participantes que xa confirmaron a súa asistencia destacan os representantes da Comisión Europea, Gerd Schönwälder, responsable de Transición Ecolóxica e Social, e Garbine Guiu Etxeberria, da Dirección Xeral de Investigación e Innovación. Intervirán como relatores o 26 e 28 de outubro, respectivamente.

Os asistentes terán ocasión de solicitar reunións privadas en liña para presentar as súas propostas ou recibir asesoramento dos Puntos Nacionais de Contacto nas distintas temáticas. Na primeira xornada, sobre saúde e sociedade, participarán Juan Riese, do Instituto de Saúde Carlos III, e Aïda Díaz Sàez, do AGAUR (Agència de Gestió d’ Ajuts Universitaris i de Recerca, do Goberno de Cataluña). Nas temáticas de clima, enerxía, mobilidade, agroalimentación, seguridade civil para a sociedade, dixital, industria e espazo, os interesados poderán contar co asesoramento de Juan Carlos García Carrasco, Cristina Garrido Gonzalo, Julio Dolado, Marta Conde, Marina Martínez, Enrique Ángel Pelayo Campillos, Nieves González López e Andrea Pérez-Carro, todos eles membros do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Lego e a toxicidade dos bioplásticos: por que a túa bolsa de compost pode ser unha fraude

Varios estudos conclúen que o plástico de "toda a vida" ten menos contaminantes que as alternativas vendidas como ecolóxicas

Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns

Un científico galego descobre os poderes do veleno de avespa contra as superbacterias 

César de la Fuente: “O logro abre novas portas para deseñar novos antibióticos inspirándonos nos velenos do mundo natural"

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo