Luns 4 Marzo 2024

Lego e a toxicidade dos bioplásticos: por que a túa bolsa de compost pode ser unha fraude

Varios estudos conclúen que o plástico de "toda a vida" ten menos contaminantes que as alternativas vendidas como ecolóxicas

A empresa de xoguetes máis grande do mundo, Lego, abandona definitivamente o seu plan de ladrillos ecolóxicos. En 2018 propúxose deixar o petróleo para pasar a unha versión de orixe vexetal, pero resulta que a produción deste material provoca unha maior pegada de carbono. A noticia fíxose pública no mundo case ao mesmo tempo que saía un estudo liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que asegura que as bolsas que se poden compostar son máis tóxicas que as de plástico convencional. Non son os primeiros científicos que chegan a esa conclusión. Unha investigación galega tamén alertou que os bioplásticos teñen un impacto medioambiental grave. Que está a fallar para que sexa mellor consumir o plástico “de toda a vida” e non as novas alternativas supostamente ecolóxicas?

O principal problema que se lle achacou ao plástico orixinal é que non se degrada no medioambiente, de maneira que moitas compañías traballaron para buscar alternativas: crear un material que se degrade e que á vez sexa resistente. O mesmo que se intentou para as bolsas do supermercado que levan a etiqueta de compostables. O catedrático e biólogo da Universidade de Vigo (UVigo) Ricardo Beiras é coautor dun estudo sobre as propiedades tóxicas das bolsas de bioplástico comerciais e explica que “É moito máis difícil facer un plástico compostable que un plástico tradicional. O que estamos vendo en estudos in vitro, que utilizan cultivos celulares, ou in vivo, cando analizamos animais ou plancton, é que as bolsas de compost teñen máis substancias químicas do habitual“.

Publicidade

Tecnicamente, resulta moi complicado realizar con estes polímeros obxectos con estas características mecánicas. Estas substancias tóxicas, sexa porque son engadidas posteriormente ou porque se orixinan na descomposición, non están nas bolsas convencionais. “Hai que ter moito coidado. Non podemos dicir que estas bolsas sexan un perigo, pero non están pensadas para abandonarse no medio ambiente. Están creadas para ser tratadas nas instalacións de compostaxe“, continúa Beiras. Dende a súa visión, o problema cos plásticos radica en que a súa composición se oculta. Levan un polímero base pero engádense aditivos para que sexan flexibles, teñan cores ou sexan antioxidantes. E este pode ser un punto de partida para poder construír plásticos realmente ecolóxicos e respectuosos co planeta.

“Non podemos dicir que as bolsas compostables sexan un perigo, pero non están pensadas para abandonarse no medio ambiente”

RICARDO BEIRAS, biólogo e catedrático da Universidade de Vigo

“Deberiamos facer un estudo preliminar de risco químico antes de utilizar os obxectos”, explica Beiras. Non só a nivel ambiental, senón para asegurar que non son insalubres para os seres humanos, xa que estamos completamente rodeados destes materiais. Os nosos alimentos e o noso corpo entran en contacto con estas partículas. “Deberían ser máis transparentes na composición destes materiais, a lexislación é moi mellorable. Sería lóxico que antes de utilizar un aditivo químico, exista un estudo que nos permita elixir a opción menos tóxica”, continúa.

Un test para escoller o plástico máis respectuoso

O ideal, traslada o catedrático Ricardo Beiras, sería que os fabricantes tivesen un test a man que lle facilitase escoller o plástico máis amable co planeta. “É lóxico que as empresas teñan que buscar substancias químicas plastificantes, pero deberían poder elixir. É algo que por agora non se está facendo porque a industria vai moi rápido e teñen urxencias comerciais“. O caso de Lego é distinto. Non entran en xogo os químicos senón a pegada de carbono, é dicir, a cantidade de enerxía que se necesita gastar e, polo tanto, emitir á atmosfera máis dióxido de carbono. A compañía quería deixar de utilizar ABS, que é un polímero moi duro e optar polo PET, resultante de reciclar botellas de auga mineral. “É unha ensinanza moi interesante. Abandonaron a idea con moi bo criterio”, apunta o biólogo da UVigo.

Dende o punto de vista científico, é clave que calquera material que se lance ao mercado pase uns estudos de seguridade. Segundo explica Beiras, cando unha empresa comercializa un material aínda non coñece á perfección as implicacións toxicolóxicas ou ambientais do seu produto. Antes de saír ao mercado, realízanse uns estudos mínimos segundo o regulamento Reach (acrónimo de Rexistro, Avaliación, Autorización e Restrición de substancias e mesturas químicas) para demostrar que existe un mínimo de seguridade. “Estas investigacións non inclúen as implicacións a longo prazo ou os efectos sobre organismos mariños. Cando xa está no mercado e ves que hai cantidades dese material no medioambiente, descobres todas as consecuencias. Hai un desfase entre a velocidade coa que se lanzan ao mercado novos materiais e o tempo que necesitamos os científicos para analizalos”.

“Hai un desfase entre a velocidade coa que se lanzan ao mercado novos materiais e o tempo que necesitamos os científicos para analizalos”

RICARDO BEIRAS, biólogo e catedrático da Universidade de Vigo

O márketing verde falso

O greenwahing é un concepto que se popularizou nos últimos anos co auxe dos produtos teoricamente verdes. Utilízase para denominar as malas prácticas dalgunhas empresas que presentan un produto como respectuoso co medio ambiente pero, realmente, non o é. Co cal é un engano para que os consumidores merquen os seus produtos pensando que están tomando decisións ecolóxicas, cando é todo o contrario. “Hai que distinguir o plano científico-técnico coa publicidade. A industria de plásticos está lanzando novos produtos con todo tipo de etiquetas: verdes, ecolóxicas, bio, que son slogans do mundo do márketing. Hai que analizar o que hai detrás”, explica o catedrático Ricardo Beiras.

Á vez que proliferan estas prácticas no mercado mundial, o goberno da Unión Europea (UE) aumenta as súas restricións en liña tamén co reglamento Reach. A última norma inclúe a prohibición de elementos tan demandados como a purpurina. A Comisión Europea aprobou prohibir a venda produtos que conteñan microplásticos, unha ampla gama que inclúe cosméticos, deterxentes ou xoguetes con substancias químicas. A partir de outubro de 2023 están prohibidos microplásticos de tamaño inferior a cinco milímetros coa intención de reducir a contaminación en un 30% de aquí a 2030. Medicamentos, produtos sanitarios ou fitosanitarios tamén estarán limitados por esta norma. Son medidas urxentes que se están tomando nun contexto dramático de contaminación e cambio climático. Os microplásticos xa aparecen nas placentas dos bebés, nas zonas máis profundas dos pulmóns ou na dieta dos pingüíns da Antártida.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.
  1. Por fin artículo que combate el progresismo científico que no es ni más ni menos que el capitalismo Woki que vende la izquierda española gestado por las unis privadas, Princeton

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Por que é tan difícil avaliar a toxicidade dos microplásticos

A chegada masiva de pellets de plástico ás costas de Galicia debido a unha vertedura volveu poñer o foco na contaminación por plásticos

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos