Atopan microplásticos na dieta dos pingüíns da Antártida

Científicos portugueses, españois e británicos demostran a presenza de poliéster e polietileno nos excrementos destes animais polares

Un equipo internacional de científicos portugueses, españois e británicos conseguiu amosar, a través da análise das feces de tres especies de pingüíns antárticos en diferentes lugares e anos, a ampla presenza de microplásticos como poliéster e o polietileno, entre outras partículas de orixe antrópico. O estudo incide sobre a necesidade de coñecer os efectos destas partículas e de establecer medidas máis efectivas para controlar a contaminación por plásticos e outras partículas de orixe humana no continente antártico.

Os microplásticos, partículas de menos de 5 milímetros, son unha preocupación crecente pola súa presenza nos ecosistemas mariños, dada a súa persistencia no ambiente e a súa acumulación nas cadeas tróficas. “Estes contaminantes chegan a mares e océanos principalmente a través do lixo e os refugallos procedentes das actividades antrópicas”, explica Andrés Barbosa, científico do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC) e autor do traballo. “Dada a baixa presenza humana no océano antártico e na Antártida, cabería agardar unha baixa contaminación por microplásticos nestas áreas. Con todo, as estacións de investigación, os barcos pesqueiros e turísticos e as correntes mariñas fan que estas partículas cheguen a estes hábitats, podendo provocar unha alta concentración a nivel local”, comenta José Xavier, investigador da Universidade de Coimbra.

Publicidade

O obxectivo do estudo, no que participaron investigadores de Portugal, Reino Unido e España, foi analizar a presenza de microplásticos na península antártica e no mar de Scotia, dada a importancia ecolóxica destes hábitats. Para iso, analizaron as feces de tres especies de pingüíns: Pygoscelis adeliae, Pygoscelis antarcticus e Pygoscelis papua. “Os pingüíns utilízanse para moitos estudos porque a súa bioloxía e ecoloxía son ben coñecidas e o feito de que sexan depredadores convértenos en bos indicadores da saúde dos ecosistemas nos que viven”, aclara Barbosa.

“Os resultados mostran que a dieta das tres especies está composta por distintas proporcións de krill antártico (Euphausia superba), nun 85% no caso do P. adeliae; un 66% no P. antarcticus e, finalmente, un 54% no P. papua. “Atopáronse microplásticos nun 15, 28 e 29% das mostras, respectivamente, nas tres especies estudadas”, sinala Joana Fragão, investigadora da Universidade de Coimbra.

Publicidade

“A frecuencia de aparición destas substancias foi similar en todas as colonias, o que nos induce a pensar que non hai un punto de orixe concreta de contaminación dentro do mar de Scotia. É necesario seguir estudando nesta liña para comprender mellor a dinámica destas substancias e os seus efectos nestes ecosistemas para guiar novas políticas de xestión no continente antártico”, conclúe Filipa Bessa, outra das autoras, tamén da Universidade de Coímbra.


Referencia: Microplastics and other anthropogenic particles in Antarctica: Using penguins as biological samplers (Publicado en Science of the Total Environment).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca