Dous colexios de Carral e Ourense obtiveron os máximos galardóns nos XX Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares que convoca o Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses.
Un grupo de nenas e nenos de quinto curso do CEIP de Carral obtiveron o primeiro premio na modalidade de Primaria por un traballo sobre a conservación do pan segundo as condicións ambientais. E dúas alumnas do Colexio San José-Josefinas, de Ourense, gañaron na modalidade de Secundaria por unha investigación sobre a carga bacteriana das moedas e billetes e o deseño dunha carteira bactericida.
Pasadas as dez da mañá, comezou a fase final deste Premio que tivo lugar na Domus da Coruña. Os e as candidatas responsables dos seis traballos finalistas fixeron unha presentación pública diante de máis de 120 persoas que abarrotaron a sala Leonardo da Vinci do museo coruñés.
A esta final concorrían tres equipos de alumnos e alumnas que defenderon os seus traballos na modalidade de Investigación Científica en Educación Secundaria. Tamén, docentes de Santiago de Compostela, Miño e Carral presentaron os seus traballos como finalistas na modalidade que premia os mellores proxectos de investigación desenvolvidos na aula co alumnado de Educación Primaria.
En Primaria, o primeiro premio foi para o traballo titulado “Por que o mesmo pan en Coruña ponse brando e en Ourense ponse duro?”, presentado por Ana María Bouzas Fraga, do CEIP Vicente Otero Valcarcel, Carral.
O segundo premio“ titulábase “Como se rexeneraría a vexetación de Roxos despois dun incendio?”, presentado por Manoel Iago Vázquez Rodríguez, do CEIP de Roxos, Santiago de Compostela.
O terceiro premio correspondeu a “¿Podríamos cambiar el color de los pétalos de cualquier flor usando únicamente colores primarios en el agua?”, presentado por María José Ferreira Pérez e Isabel Espiñeira Suárez, do CPI Castro Baxoi, Miño.
Na modalidade de Investigación Científica en Ensino Secundario Obrigatorio, o primeiro premio foi para “Podemos coñecer a carga bacteriana das moedas e billetes de euro e deseñar unha carteira bactericida?”, presentado por Carla Pereira Rodríguez e Ainhoa Rúa Guitián, do Colexio Plurilingüe San José-Josefinas, Ourense.
O segundo premio titulábase: “¿Afecta el tipo de fertilizante, orgánico o inorgánico, al contenido de vitamina C de las verduras?”, presentado por Pablo Villares Fernández, do Colexio Obradoiro, A Coruña.
E o xurado outorgou o terceiro premio a: “¿Cómo afecta la radiación de microondas a las semillas de frijol (Phaseolus vulgaris)?”, presentado por Pablo Oroza, Luis Tovar e Marcos Romero, do Colexio Obradoiro, A Coruña.
O xurado estivo presidido por Francisco Armesto Ramón, director técnico de Desenvolvemento e actividades dos Museos Científicos Coruñeses. E estivo constituido ademáis por: Montse Pérez, profesora da UDC, María Ces, mestra no CEIP Ponte dos Brozos, Cristina López, profesora do IES Sofía Casanova, Óscar Sánchez, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Marcos Pérez Maldonado, xefe do servizo Museos Científicos, actuou como secretario do xurado.
Premios
Os premios para os e as finalistas son aparellos tecnolóxicos, e no caso das aulas finalistas na modalidade de Primaria, poderán facer unha visita especial ao Aquarium Finisterrae. Ademáis, os traballos gañadores en cada modalidade poderán presentarse na feria científica Galiciencia de Ourense.
O Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares está convocado polo Concello da Coruña-Museos Científicos Coruñeses, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Pretende fomentar o interese pola ciencia e a formación en actitudes científicas, e premia ás persoas participantes que se distinguen pola orixinalidade e o rigor das súas investigacións e proxectos, e que demostren sentido crítico, curiosidade e constancia.