O mosquito
O mosquito "Aedes Aegypti", picando a un ser humano.

Atopan o xene que atrae os mosquitos á suor humana

Unha investigación sobre o "Aedes aegypti", atopa que a supresión dun xene inhibe a capacidade de detectar os ácidos da suor

Un traballo publicado na revista Current Biology por científicos do Laboratorio de Xenética Tropical de Miami (Estados Unidos) afonda nun asunto que provoca molestias e mesmo serias doenzas a millóns de persoas en todo o mundo: como detectan os mosquitos a suor humana e se achegan a estes individuos para picalos e obter os seus nutrientes? A investigación descubriu un xene implicado na detección dos ácidos lácticos da suor pola que estes insectos se senten atraídos.

As femias de mosquito atopan no sangue dos vertebrados os nutrientes necesarios para poñer os seus ovos. Atraídas polo dióxido de carbono que emiten os humanos ao respirar e polos ácidos lácticos da súa suor, estes insectos utilizan o seu sentido do olfacto para atopar ás súas presas.

“Cando se elimina este xene, o insecto perde a súa capacidade de resposta ante os ácidos e a atracción polos humanos”

Para saber máis sobre este proceso, os investigadores estadounidenses estudaron á especie Aedes aegypti, un perigoso transmisor do dengue e a febre amarela, e descubriron que o xene Ir8a é o responsable de que poidan percibir o cheiro a suor.

“A clave de que os mosquitos Aedes aegypti poidan detectar aos seus hóspedes humanos reside no receptor olfativo IR8a”, declara á Axencia Sinc o neurobiólogo Matthew DeGennaro, líder do traballo.

“Cando se elimina este xene no laboratorio, o insecto perde a súa capacidade de resposta ante os ácidos volátiles e, con iso, aproximadamente o 50% da súa atracción polos humanos”, engade.

Para chegar a estas conclusións, eliminaron o Ir8a dos mosquitos da mostra a través do sistema de edición xenética CRISPR-Cas9. Logo, liberaron mosquitos salvaxes e outros sen o xene preto do brazo dun dos investigadores. Mentres que o primeiro grupo acudiu á súa pel en busca de alimento, ningún dos mutantes se interesou por el nos primeiros catro minutos de exposición.

Chegou a fin das picaduras de mosquito?

Os investigadores subliñan que a partir dos resultados obtidos poderíanse deseñar repelentes e trampas máis efectivas. “Os cheiros que enmascaran a vía IR8a poderían mellorar a eficacia dos repelentes actuais. Desta forma, o noso descubrimento podería axudar a evitar que as persoas sexan as presas principais destes insectos”, sostén DeGennaro.

En 2013 DeGennaro liderou o equipo de científicos das universidades de Rockefeller e de California que revelou que o xene olfativo orco é o responsable da preferencia dos mosquitos femias polo sangue humano fronte á doutros vertebrados.

“Ao eliminar a función do xene orco bloqueamos unha familia de receptores que os mosquitos usan para sentir os cheiros”, conta o neurobiólogo.”Con todo, a perda desta vía non reduciu a atracción de mosquitos polos hóspedes cando había dióxido de carbono presente. Isto fíxome pensar que existían outras vías olfativas que eran importantes para que os mosquitos atopasen aos seus hóspedes”, engade.

A partir desa idea, o científico encargou ao seu estudante de doutoramento Joshua Raji alterar o Ir8a, que se expresa na antena. Ao facelo, observaron que aínda que os insectos podían detectar o dióxido de carbono e a calor da xente, deixaban de percibir os ácidos lácticos da suor.

Segundo DeGennaro, o obxectivo final é desenvolver un perfume para protexer ás persoas das picaduras de mosquitos portadores de enfermidades infecciosas, aínda que hai que seguir investigando.

“A transmisión de enfermidades como o dengue, a febre amarela, Zika e a malaria pode ser bloqueada se evitamos que estes mosquitos nos piquen”, di DeGennaro. “Pero para iso, primeiro necesitamos entender a base molecular do comportamento dos mosquitos”, conclúe.

Referencias: Aedes aegypti Mosquitoes Detect Acidic Volatiles Found in Human Odor Using the IR8a Pathway (Publicado en Current Biology o 28 de marzo de 2019)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.