Lucía Galán é pediatra e divulgadora.

Lucía Galán: “Os antivacinas teñen un problema de memoria”

A pediatra e divulgadora Lucía Galán recibe este mércores na Coruña o I premio Pepe Cerveraa o pensamento crítico, outorgado polo Círculo Escéptico. Será no marco dos actos de clausura do mes de divulgación que celebrou na cidade esta entidade, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses. Lucía Galán participa, como profesional, nai e cidadá, no activismo fronte ao problema das pseudoterapias e movementos como os antivacinas.

Horas antes de recibir o galardón na Coruña, aborda asuntos como as moitas e vitais razóns para defender a inmunización, a recente polémica da eurodeputada Lidia Senra ou máster de Acupuntura que ofrece a USC.

– Pero entón, están pagados polas farmacéuticas ou non?

– É bastante fácil demostrar que non hai que buscar intereses ocultos. Hoxe as vacinas salvan cada ano entre 1 e 3 millóns de vidas, e estímase que ao longo da historia salvaron 1.500 millóns de vidas. Non fai falta que a industria farmacéutica teña que pagarnos para que vexamos isto. As vacinas son un dos avances médicos máis importantes da historia da Medicina.

Cando escoitas estes comentarios así, ves que está loitando contra un muro. Vai máis alá dun pensamento, falamos de crenzas inamovibles; como se intentas convencer a alguén de que Deus existe ou non, e cre o contrario. Pero os datos están aí, non é nada esotérico e calquera pode comprobalo, vendo como estabamos antes e como estamos despois de que apareceran as vacinas.

“Estímase que as vacinas salvaron ao longo da historia uns 1.500 millóns de vidas”

– Alén das bromas: que está pasando para que, cunha calidade de vida sen precedentes, xurdan estas actitudes?

–  É unha reflexión interesante, porque son pensamentos que non son propios dunha sociedade avanzada. Os antivacinas teñen un problema de memoria. Os pais que hoxe deciden non vacinar aos seus fillos non viviron a polio, os millóns de nenos falecidos ou con graves discapacidades debido a ela; non viviron a mortalidade do sarampelo ou as meninxites.

Cando deixas de ter ao teu arredor a xente que viviu estas enfermidades, que faleceron ou conviven coas secuelas, pérdeslle o medo. Dálles a sensación de que é algo doutro tempo, doutra época. Pero se isto non sucede é grazas ás vacinas. A min dáme moita pena, porque estiven en Senegal e en Níger con Unicef, e ves as condicións destas familias, que non saben o que é abrir unha billa e que saia auga, ou que camiñan quilómetros e quilómetros para ir ata os centros de vacinación, e cando lles preguntas se pensaron algunha vez en non vacinar aos seus fillos, mírante sorprendidos: é a diferenza entre vivir e morrer. A quen dubida das vacinas, mandaríaos unha temporada alí, para que viviran realmente o que supón, aínda hoxe, para tanta xente, a vacinación.

– Como pediatra, vería algúns casos preocupantes.

– Hai que resaltar que, con todo, España ten unha das taxas de vacinación máis altas de Europa, e esa é unha medalla que nos temos que poñer. Todos estes problemas serios que hai en Francia, Italia, Portugal ou Reino Unido aquí aínda non chegaron, por sorte. Os antivacinas son moi poucos, pero fan moito ruído.

Lucía galán avoga polo diálogo na atención médica para atender aos antivacinas

Eu no meu traballo atopeime con diversos casos: xente que decide non vacinar aos seus fillos de nada, e xente que decide só poñerlle determinadas doses. É unha carreira de fondo. Non podes convencelos na primeira cita, nin na segunda. Hai que ir gañando a confianza delas. Cando vexo que hai unha postura controvertida no tema, eu obvio o asunto ata a cuarta ou quinta visita; hai que evitar o enfrontamento. Cando xurda a confianza, e aparezan as dúbidas sobre que facer cando o neno ou a nena se poden poñer mal, e vexan que a súa pediatra vai estar aí incondicionalmente, nese momento é cando podes comezar a abordar o tema. A min é unha estratexia que me funcionou a inmensa maioría das veces. Tamén é certo que os máis radicais nin sequera consultan cos médicos ‘convencionais’.

O que está claro é que o ataque, o único que xera é o contraataque, e co enfrontamento non vas conseguir obrigar a ninguén. Non se trata de levar a razón ou gañar a discusión, ás veces é mellor aparcar o tema para máis adiante e agardar outro momento.

– Que lle parece que unha representante galega no Parlamento Europeo poña en dúbida as vacinas?

– É tremendo. A actitude contra a vacina do papiloma, como profesional, como muller, como nai e como cidadá paréceme inadmisible que teñamos unha persoa que nos representa, pagada con diñeiro de todos, e que vaia en contra da evidencia científica. Isto non é opinión nin liberdade de expresión, non todo vale, non todo é opinable. Eu non podo meterme nun debate de macroeconomía, ou de arquitectura, ou de historia do século XIV se non teño os coñecementos suficientes, é ridículo.

Que esta muller semente estas dúbidas, que queira reunir por centos de persoas para contaxiar estas crenzas, e dar voz a un sector que crea tanto perigo é intolerable. Levamos máis de 10 anos vacinando do papiloma, puxéronse máis de cen millóns de vacinas, e todos os informes, como o último da OMS, din que é “extremadamente segura”. Ir contra isto paréceme tan ousado, tan atrevido e dunha ignorancia que debería de ter consecuencias. Eu, se digo unha barbaridade así na consulta, podo quedar sen licencia de médico. Os políticos teñen unha responsabilidade moi grande, porque nos representan a todos, e teñen un altofalante inmenso.

Isto non debería quedar impune. Habería que investigar que a levou ata aí, que hai detrás destas actitudes, e intentar que rectifique. Non todo vale, estamos meténdonos nun terreo perigosísimo baixo o paraugas da liberdade de expresión. Con que convenza a unhas poucas familias de que non vacinen aos seus fillos, xa perdemos todos. Falamos da saúde que non é nin sequera a nosa, si non a dos nosos fillos.

– E que haxa universidades en Galicia que manteñan un máster de acupuntura?

– A medicina é un campo o suficientemente complexo como para ter que dar espazo a terapias que non teñen un aval científico. Paréceme mal, por suposto. Eu considero que haxa moitas outras cousas na facultade de Medicina que se poden estudar moito máis a fondo, como pode ser a rama da psicoloxía, de como temos que comunicarnos como un paciente, algo que é vital: a empatía, saber comunicarlles as noticias, poder dialogar con eles…. É algo que temos que facer todos os días e sobre o que non recibimos formación suficiente.

Se dispoñemos de recursos, é máis aconsellable dedicalos a un máster en comunicación co paciente, na xestión de tempo na consulta, pero non á acupuntura… Problemas reais, en definitiva. España está chea de grandes profesionais, con grandes recursos, aos que aínda lles costa comunicarse cos pacientes.

– Como recibiu a noticia do premio dos MC2 e o Círculo Escéptico?

– Foi unha sorpresa, porque eu seguía ao Círculo Escéptico desde hai bastante tempo, e tamén me falaron do traballo dos Museos Científicos Coruñeses. Teño moita ilusión por velos e saudalos, pero non o esperaba para nada. Emocióname, porque detrás hai moitos anos de traballo desinteresado, de implicación persoal, etc. Os que divulgamos traspasamos a barreira laboral, porque no meu caso a profesión podería terminar ás tres da tarde e non meterme nos xardíns nos que me meto.  Faise por compromiso cara a profesión e cara aos teus propios fillos, por deixarlles o mundo algo mellor ca o que temos. Que recoñezan isto, que haxa xente que te siga e se mobilice contra quen se está aproveitando dos demais… Dáme esperanzas de que por fin se reaccione, que a sociedade actúe e a xente deixe de pagar as consecuencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.