Facultade de Medicina da USC, a onde se adscribe o Máster propio de Acupuntura e Moxibustión. Foto: Lancastermerrin88 -CC BY-SA 4.0.
Facultade de Medicina da USC, a onde se adscribe o Máster propio de Acupuntura e Moxibustión. Foto: Lancastermerrin88 -CC BY-SA 4.0.

Unha clínica de homeopatía imparte un máster de Acupuntura en Medicina da USC

O borrador do Plan para a protección da saúde contra as pseudoterapias que está poñendo en marcha o Goberno español puxo de novo o foco sobre o Máster Propio en Acupuntura e Moxibustión que leva máis de 20 anos impartindo a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, a pesar dos cuestionamentos sobre a evidencia científica dos efectos na saúde desta práctica.

O máster, de dous cursos de duración e cun prezo de 4.000 euros, está dirixido a titulados en Medicina, Odontoloxía, Enfermería e Fisioterapia. E desenvólveo a USC coa coordinación do Centro Xiyun, unha clínica de “medicina tradicional chinesa e sinterxética en Santiago de Compostela”, segundo di na súa web. Foi fundada en 2002 por Fernando Salgado, que desde 1997 era coordinador do máster propio de acupuntura, tal e como conta a biografía de Salgado na páxina do centro.

“Para catarros e trastornos dixestivos”

Entre os servizos que ofrece este centro, ademais da acupuntura, está a homeopatía, que Xiyun presenta como “unha técnica terapéutica con 200 anos de historia que se basea na lei da semellanza, un principio que afirma que unha substancia que provoca uns determinados síntomas nunha persoa sa é capaz de curar eses mesmos síntomas ou outros semellantes nunha persoa enferma, usando ditas substancias en cantidades pequenas”.

O centro ofrece homeopatía entre os seus servizos, xunto ao logo que o amosa como colaborador do máster da USC. Fonte: acupunturacompostela.com.
O centro ofrece homeopatía entre os seus servizos, xunto ao logo que o amosa como colaborador do máster da USC. Fonte: acupunturacompostela.com.

En conversa con GCiencia, o doutor Fernando Salgado confirma que en Xiyun ofrece a homeopatía a través dunha doutora especializada nesta práctica. Indícaa, sobre todo, “para catarros e trastornos dixestivos“. E engade que se trata dunha disciplina “secundaria” dentro do traballo do centro, enfocado principalmente cara a medicina chinesa. Con todo, defende a eficacia desta terapia: “Eu, como paciente, teño unha boa experiencia persoal con ela, e creo en todo caso que habería que regulala, pero non prohibila”.

Unha práctica, a homeopatía, sobre a que non existen avais científicos no tratamento de doenzas. E non só iso, segundo denuncia o Goberno español no borrador do seu plan contra as pseudoterapias, é unhas das chamadas medicinas alternativas (ou non convencionais) máis utilizadas. Estas prácticas, segundo un estudo citado polo Ministerio de Sanidade (ver PDF), cuatriplican e chegan a quintuplicar, nalgúns casos, o risco de morte en pacientes de cancro cando abandonan as terapias convencionais en favor destes tratamentos.

O Goberno pediu “cautela” despois de dicir que acupuntura e homeopatía “non están avalados pola evidencia científica”

Neste mesmo documento, o goberno cualifica á homeopatía e a acupuntura como tratamentos “que non están avalados pola evidencia científica“, aínda que esta semana a ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, pediu cautela para estudar todos os datos dispoñibles antes de incluílas, ou non, na lista definitiva das pseudoterapias que o executivo está disposto a combater.

Na web do centro Xiyun ofrécense, ademais, outras técnicas controvertidas respecto da súa eficiencia, como a chamada medicina sinterxética ou a auriculoterapia, unha práctica que estimula distintos puntos das orellas e coa que, segundo se sinala desde Xiyun “é posible tratar afeccións e doenzas vinculadas aos órganos humanos e as súas funcións”.

Resposta da USC

A este respecto, a Universidade de Santiago de Compostela manifesta que Xiyun “ten autorización para realizar a súa actividade como centro sanitario”, concedida polo Sergas, administración competente, “que son as que teñen que vixilar as técnicas que oferta” o devandito centro.

Sobre a utilización da homeopatía, a auriculoterapia ou a medicina sinterxética, a USC sinala que o máster “non ten como obxecto esos outros pretendidos servizos médicos apuntados e ningunha conexión con eles“.

As prácticas na clínica e o máster seguen adiante

A pasada semana, o decano de Medicina, Julián Álvarez Escudero, que tamén é xefe de Anestesioloxía no CHUS, decidiu suspender de forma cautelar as prácticas no Hospital Clínico da cidade, á espera dunha decisión firme das autoridades sanitarias, xa que o plan contra as pseudociencias é por agora só un bosquexo e non se saben cales van estar incluídas.

Esta suspensión non afecta, con todo, ás sesións de acupuntura que levan máis de 20 anos ofrecéndose en hospitais do Sergas, como o Meixoeiro de Vigo, o CHOU de Ourense ou o propio Clínico de Santiago, moitas delas atendidas por exalumnos do máster propio da USC.

O máster de acupuntura leva máis de 20 anos na USC e a técnica aplícase en hospitais de Santiago, Vigo e Ourense

Ademais, o máster e os cursos derivados que están en marcha na USC, así como os previstos para os vindeiros meses, “vanse manter“, segundo confirma a universidade.

E do mesmo xeito, a suspensión cautelar non afecta ás prácticas que teñen lugar na clínica Xiyun, segundo confirma Fernando Salgado. “O que se faga no centro depende de min, e temos todas as autorizacións pertinentes. Ademais, os estudantes teñen dereito a seguir recibindo a formación pola que pagaron”.

A decisión final, con todo, queda a expensas do que fagan as administracións estatais e autonómicas. Ante isto, a USC mantén unha actitude de “cautela ata que os informes estean rematados, se faga pública a lista anunciada e se aproben as correspondentes reformas legais, de ser o caso”.

O decano de Medicina da USC: “A acupuntura non é unha pseudociencia”

Porén, desde o goberno da Facultade de Medicina, a opinión é que a acupuntura non debería incluírse na listaxe das pseudociencias. “Personalmente estou convencido de que é unha alternativa nalgúns procedementos e así o recomenda a OMS”, sinala Julián Álvarez Escudero. Engade que é unha técnica que “non ten nada que ver coa homeopatía, e é eficaz, por exemplo, contra a dor”.

Neste senso, Álvarez Escudero afirma: “Non é unha pseudociencia, porque existe moita bibliografía no tratamento dalgúns tipos de dor”. O decano enumera unha longa lista de análises e revisións, como as colaboracións Cochrane, apoiadas tamén pola OMS, nas que se recomenda o uso da acupuntura para problemas como o ictus, fibromialxia, as migrañas episódicas, hipertensión, depresión, insomnio, dor lumbar e pélvica, a dismenorrea, e mesmo como tratamento complementario en coidados paliativos do cancro e a fatiga, as náuseas e os vómitos que pode producir a quimioterapia.

Así, o director do máster propio de acupuntura, Fernando Salgado, destaca que “España está indo a contracorrente” na visión desta terapia. “A propia OMS e países como Suíza e Alemaña están apoiando a súa implantación nos sistemas nacionais de saúde, e en Portugal vaise poñer en marcha a primeira licenciatura en acupuntura e medicina tradicional chinesa”. E engade Salgado: “Hai grandes revisións (algunhas delas publicadas este mesmo ano), que defenden tamén o seu uso en moi diversas patoloxías”.

Críticas á acupuntura

Con todo, se o debate respecto da homeopatía tende cara a súa catalogación como pseudociencia, a discusión é maior no caso da acupuntura. Mentres desde o goberno da Facultade de Medicina da USC deféndese o seu uso, outros investigadores médicos critican que se utilice para tratar doenzas na sanidade pública. “Está revestida dunha certa evidencia científica, pero iso non é así”, di Manuel Collado, investigador no CHUS de Santiago e director do laboratorio de Células Nai, Envellecemento e Cancro.

“É unha evidencia tan marxinal e ridícula que insostible ofrecer estudos universitarios”

Así como Álvarez Escudero cita varias revisións Cochrane que destacan os efectos positivos da acupuntura, Collado expón que estes estudos non son, en moitos casos, concluíntes para establecer diferenzas significativas. Alude tamén que “en moitos casos non funciona mellor ca un placebo”, e que moitos destes estudos a favor da acupuntura están publicados en revistas “bastante cuestionables, sen controis suficientes”.

A conclusión do investigador do CHUS, con todo, é que “estaríamos falando dunha evidencia tan marxinal e ridícula que é insostible ofrecer estudos universitarios arredor desta práctica”.

Por tanto, o debate continúa, á espera da decisión final que adopte o goberno e de cal vai ser a lista definitiva do que se cualifica como pseudociencia e o que non o é.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.