Alumnos da escola kenyana de Iten conectan con Santiago a través de Globed

O proxecto galego Globed chega a África

O soño de tres mozas de Santiago para mellorar a educación nos países do Terceiro Mundo segue a dar pasos cara adiante. Globed, nome do dispositivo, foi probado recentemente nunha escola da localidade de Iten, en Kenya, e varios alumnos do colexio Peleteiro da capital compostelá tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias cos rapaces africanos.

Conexión con Kenya dende Santiago

Segundo explica Clara Pantín, unha das mozas que ideou o dispositivo, agora o reto é conseguir patrocinios para facer posible que o proxecto siga avanzando e conseguir que Globed poda estar presente en moitos puntos do mundo. O proxecto recibiu este verán achegas das empresas mais importantes de Silicon Valley, que gabaron a creatividade das mozas galegas e as animaron a continuar adiante para facer realidade o seu sono.

O próximo sábado 24 de novembro o proxecto se presentará na feira Maker que se celebra na Cidade da Cultura de Santiago. O dispositivo consiste consiste nun pico-proxector (con sistema operativo Android), unha cámara web, micrófono, altofalantes e placas solares que permiten difundir contido educativo cun baixo custe. Non é imprescindible contar con conexión a internet para usalo e as súas características faino ideal para ser utilizado en escolas do Terceiro Mundo ou mesmo nos campos de refuxiados.

Clara sinala que a proba realizada hai uns días coa escola kenyana permitiu o intercambio de vídeos educativos entre os alumnos galegos e africanos, algo que tamén forma parte da filosofía do proxecto xa que se trata de que haxa un intercambio de información e coñecementos. “Eles enviaron un vídeo sobre a táboa periódica dos elementos e dous sobre aspectos da súa cultura e nós enviamos un sobre anatomía. Para nós foi moi importante poder facer a conexión con Kenya e eles non podían crer que a tecnoloxía puidese facilitar o intercambio de ideas”, explica Clara.

A calidade do dispositivo foi gabada en Silicon Valley, onde se fixeron achegas para melloralo 

A conexión co colexio africano foi posible grazas a colaboración da fundación Imagine, que está a colaborar co proxecto, e tamén ao traballo da Gathimba Edwards Foundation que traballa en Kenya. No futuro é posible que se podan facer novas probas con outras escolas do país africano. “Os nosos compañeiros estaban moi contentos de poder realizar esta experiencia xa que era algo que nunca ocorrera no noso colexio”, engade Clara.

Nalú Rodríguez, Paula Lamas e Clara Pantín gañaron hai uns meses o concurso estatal Audi Creativity Challenge, no que participaron mais de 300 proxectos de toda España, e tiveron a posibilidade de viaxar a Silicon Valley este verán para enriquecer o seu proxecto con ideas de compañías como Google, Twitter ou Netflix coas que se reuniron durante a súa estadía en California. A calidade e as posibilidades de uso de Globed foi gabada por moitas das persoas ás que tiveron a oportunidade de presentar o proxecto.

Aínda que poida parecer que o mais difícil estaba feito, agora as mozas compostelás teñen que afrontar o reto de atopar fórmulas que lles permitan levar o dispositivo aos lugares no que mais o necesitan. Co apoio de Imagine e do propio colexio Peleteiro están a tratar de crear unha fundación para obter patrocinios que lles permiten desenvolver o proxecto. “Gustaríanos moito que algunha empresa ou institución galega se interesase por axudarnos a facer realidade a idea que tivemos ao poñer en marcha Globed”, conclúe Clara.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.