Á esquerda, 'Pecten maximus', a vieira do Atlántico; e á dereita, 'Pecten jacobaeus', especie mediterránea. Fonte: James St. John - CC BY 2.0.

Á esquerda, 'Pecten maximus', a vieira do Atlántico; e á dereita, 'Pecten jacobaeus', especie mediterránea. Fonte: James St. John - CC BY 2.0.

A vieira xacobea non é a galega: é a mediterránea

Un erro de Linneo en 1758, cando describiu as especies 'maximus' e 'jacobaeus', mantense ata a actualidade debido ás normas de nomenclatura

Carl Linneo foi un dos científicos máis grandes da historia. Grazas a el, hoxe dispoñemos da nomenclatura binomial, que dá nome e apelido a todos os seres vivos e minerais que existen na Terra. Mais era humano, e como tal, tiña erros. E un deles marcou para sempre ao que é un dos maiores emblemas do Camiño de Santiago: a vieira que desde hai séculos os peregrinos que chegan a Compostela levan de recordo, como símbolo de ter completada a ruta xacobea.

A vieira marca o camiño dos peregrinos.

A vieira marca o camiño dos peregrinos.

Do xénero Pecten, ao que pertence a célebre vieira, hai catalogadas máis de 80 especies por todo o planeta. As que confundiron a Linneo foron dúas delas. “Pecten jacobaeus e Pecten maximus están descritas por Linneo no mesmo ano, 1758, na mesma obra, a décima edición de Sistema Naturae”, explica Luis Navarro, profesor de Bioloxía na Universidade de Vigo e coordinador do grupo Divulgare, dedicado á difusión da cultura científica cara a sociedade.

Naquel tempo xa existía o hábito de que os peregrinos volvesen de Santiago cunha cuncha de vieira na súa equipaxe, e Linneo tiña coñecemento do feito. E que pasou?

“Ambas especies diferéncianse no tamaño, no perfil das costelas da cuncha ou o ángulo da bisagra que une as dúas valvas” (como se pode ver nas imaxes). Deste xeito, a primeira que describiu Linneo, na honra do Apóstolo, foi a Pecten jacobaeus, “que realmente é de distribución mediterránea e non aparece no Atlántico”. E así, cando topou coa auténtica vieira xacobea, que vive no Atlántico, o naturalista deulle o nome de Pecten maximus, xa que é a de maior tamaño.

As limitacións propias da época impediron que o naturalista sueco puidese comprobar ‘in situ’ de onde viña cada especie: “Ocorre moitas veces, e antigamente máis; aos taxónomos que se dedican a clasificar ás especies chegábanlles os especímenes sen saber nin de onde viñan, nin viran nunca exemplares vivos”, conta Navarro.

‘P. jacobaeus’ e ‘P. maximus’ diferéncianse no tamaño, o perfil das costelas e o ángulo da bisagra das valvas

Así, dentro dos milleiros de taxóns que se nomearon, houbo varios casos de interpretacións erróneas. “E o código internacional que rexe a nomenclatura dos animais non permite modificar os nomes por cuestións deste tipo, así que o erro de Linneo perpetúase ata hoxe”. Así, matiza Luís Navarro, “hai que entender que o gran labor realizado por estes pioneiros da taxonomía estaba infestado de dificultades e non exenta de erros deste tipo”, debido ao enorme volume de especies e nomes que debían manexar.

Hoxe en día, “coa incorporación de técnicas moleculares na taxonomía é cando se comezaron a revisitar estas clasificacións e cando os expertos caeron na conta do erro”, afonda o investigador da UVigo.

Esta curiosidade é unha das pílulas divulgativas que Navarro e os seus compañeiros da Vuelta a España pola Ciencia deron a coñecer nos últimos días, co gallo do comezo desta iniciativa. Esta actividade, que une o ciclismo e a ciencia para reivindicar a mellora das condicións laborais dos científicos e un maior apoio á investigación, visitará os días 16 e 17 de setembro Vigo e Santiago de Compostela.

O nome de ‘Pecten’ e da vieira

Tanto o nome científico do xénero Pecten, ao que pertence a vieira, e o nome en galego do bivalvo gardan unha curiosa historia detrás, igual que moitas das especies bautizadas polos científicos. “Pecten significa ‘peite’, porque, como outras especies da mesma familia de moluscos bivalvos (os pectínidos) teñen esa forma convexa típica dos peite, e presentan unha diferenza de anchura entre a parte superior e a inferior que lle dá ese aspecto dun peite que encaixa perfectamente na man”, afonda o profesor Navarro. No caso da vieira, o seu nome común “deriva de Venus, a deusa romana do amor. Pola súa forma externa, a vieira parécese á vulva“, engade o científico.

Outra das curiosidades que ligan este molusco ao camiño de Santiago atópase na súa denominación común en francés e inglés, nos que a referencia á ruta xacobea é aínda máis clara. Así, no mundo francófono, a Pecten maximus é a ‘coquille de Saint Jacques‘, e nos países de fala inglesa, é a ‘Saint James shell’.

A nivel comercial, a especie atlántica é a máis prezada. Segundo os datos da FAO, no 2014 capturáronse máis de 55.000 toneladas de vieira no mundo. A maioría delas, precisamente, en Reino Unido e Francia, onde este pequeno bivalvo fai que o nome de Santiago traspase fronteiras.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.