O Instituto Español de Oceanografía (IEO) deixará de ser un organismo autónomo para integrarse no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), segundo anunciou hoxe o ministro Pedro Duque nunha carta dirixida a todo o persoal investigador. Fundado en 1914 polo científico Odón de Buen, o IEO pasa a integrarse na rede de Centros Nacionais, baixo o paraugas da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
En Galicia, o IEO conta con dous centros de investigación con sedes en Vigo e na Coruña, que ademais da súa labor de investigación son claves na política pesqueira e oceanográfica, como órganos asesores do Goberno e da política europea, dos tratados internacionais e na relación co sector.
Nos últimos anos, o IEO mantiña graves problemas de xestión administrativa e científica, que foron repetidamente denunciados pola comunidade investigadora. Agora, deixará de ser un organismo público de investigación independente; trátase dunha decisión do Ministerio de Ciencia e Innovación plasmada nun Real Decreto, actualmente en proceso e que se espera poida ser aprobado no outono.
Os traballadores manterán os seus postos de traballo, os centros conservarán os seus orzamentos, os seus institutos ou laboratorios, así como a súa identidade histórica ou nome, e buscaranse sinerxias cos centros do CSIC que investiguen nos mesmos ámbitos.
Entre o persoal do IEO en Vigo, o anuncio da integración xeraba este martes un fondo debate, entre os que consideran que pode ser unha ‘oportunidade‘, mesmo para resolver os fondos problemas administrativos e financieiros da institución. E, por outra banda, os que temen que o IEO perda a súa identidade.
Noutros centros, o rexeitamente era maioritario, como o de Santander ou o de Canarias, onde o 70 por cento da plantilla votou en contra da integración nun debate a principios de xullo. Tamén a patronal pesqueira Cepesca emitiu recentemente un comunicado en contra desta medida e apostando pola independencia do IEO. Unha e outra posicións teñen en común que están á espera de que se concreten con exactitude as medidas a tomar e as características do proceso de absorción.
O ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, explicou nunha carta dirixida aos profesionais do IEO que se trata de “responder as dificultades que temos visto que se acumulan ao longo dos anos e que afectan a problemas de administración, á produción científica ou aos servizos”.
“O obxectivo é que tanto os científicos no seu labor investigador como os investigadores e técnicos no seu labor de servizos teñan a axilidade, o apoio administrativo necesario e as regras correctas, o máis parecidas ás doutros científicos”. Esta decisión chega despois de probar outras medidas -como eliminar a intervención previa- que non deron froito.
Para Duque, “é o momento de realizar un cambio importante, que vai beneficiar a toda a parte técnica e científica. É pragmático e non necesita da aprobación dunha lei”, xa que a lei da ciencia de 2011 contempla a reorganización deste tipo de organismos.
Un acordo in extremis impide a paralización da frota do IEO pola súa profunda crise
O titular de Ciencia explicou que se suxeriron outras posibilidades, pero esta é a “única posible”, que cumpre ademais co que din os científicos e técnicos: “todo o mundo entendeu que como están non se podían quedar e, a curto prazo, se se quere unha mellora substancial esta é a opción”, estar no CSIC.
“Tras escoitar as opinións e propostas de investigadores, técnicos, xestores e representantes sindicais dos tres organismos e analizar en profundidade a situación, estamos a dar os pasos necesarios para que estes convértanse en Centros Nacionais dentro da estrutura da Axencia Estatal do CSIC“, detalla Duque na súa misiva aos traballadores.
Segundo o ministro, “facémolo convencidos de que é a mellor opción” para aumentar as capacidades da investigación española e para mellorar a xestión científica e administrativa dos centros.
Na misiva, Duque detense no caso do IEO, que “atravesa unha situación especialmente complicada” e ante a que o Ministerio hai meses xa interveu. Así, creouse un grupo de traballo con científicos e xestores tanto do Instituto como externos para elaborar un informe da situación e propoñer medidas.
“O IEO foi o primeiro en caer, pero poden vir máis organismos detrás”
Por exemplo, hai uns meses o IEO tivo problemas para comprar combustible e víveres e contratar tripulación o que puido provocar que os seus buques quedasen en porto. Para evitar o parón mentres se resolvía o problema, decidiuse que o CSIC cedese combustible.
Nas últimas semanas, lembra Duque, nomeouse a un novo director e un novo secretario xeral e tramitouse a transferencia dunha partida de máis de 4,5 millóns de euros. Ademais, ultimouse o desbloqueo de 99 contratos. Duque remata dicindo: “estamos seguros de que esta medida reforza a I+D+i española e sitúa a estes centros nacionais nunha posición óptima para afrontar un futuro no que a ciencia e a innovación, esta vez si, serán unha prioridade”.
Ademais do IEO, tamén se integran no CSIC o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA).
Aquí podes ler e descargar en pdf a carta enviada polo ministro Pedro Duque ao personal do IEO
Instructivo