“Colapso”, “morte” do organismo, “deficiencias” ou “fracaso”. Son palabras que se repiten varias veces no “Informe de diagnóstico da crise do IEO e propostas de actuación”, elaborado nos últimos meses por investigadores do Instituto Español de Oceanografía e científicos doutras entidades, e entregado ao Ministerio de Ciencia e Innovación no marco da profunda crise que sofre a institución, con máis de 700 persoas en plantilla (case 200 deles en Vigo e A Coruña), creada no ano 1914 e que foi clave durante máis dun século na investigación mariña e dos recursos pesqueiros no territorio español.
Juan Bellas, científico do Centro Oceanográfico de Vigo, e experto en contaminación mariña e ecotoxicoloxía foi un dos membros do grupo de traballo que elaborou o informe, cuxa publicación (pode consultarse en PDF nesta ligazón) coincidiu cunha nova dimisión na dirección do IEO, que tivo nos últimos cinco meses tres dirixentes distintos, que renunciaron ante a dificultade para reverter a crise. “Isto víase vir desde hai bastantes anos, sobre todo ante a falta de solucións aos efectos producidos pola crise económica de 2008. Hai denuncias internas desde o ano 2014, e en 2018 asinamos un manifesto no que se predicía o que estamos a padecer hoxe“, resume o investigador galego.
O panorama que describe o informe, e que detalla Bellas, é dunha organización “obsoleta”, uns procedementos administrativos que non se adaptan aos tempos da investigación científica na actualidade e con “falta de transparencia na toma de decisións”. Os problemas xa están afectando a traballos tan importantes como as series históricas, que en moitos casos son referencia para organismos internacionais; algunhas delas, como as do estudo da contaminación en mexillóns que serve para avaliar o estado ambiental da costa española, e outras moi relevantes para o sector da pesca, cun papel aínda esencial na economía do país.
Deficiencias comúns
O informe céntrase no IEO, pero tamén lanza unha chamada de atención sobre outros organismos públicos de investigación (OPIs) sectoriais que hai en España, como o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España ou o Instituto Carlos III (clave durante a pandemia da Covid-19). “O IEO foi o primeiro en caer ata unha situación crítica, porque xa tiña debilidades internas que o facían máis vulnerable, pero o colapso pode estenderse a máis OPIs”, avanza Bellas.
“Unha das principais conclusións do informe é que hai que abordar unha reforma profunda do sistema nacional de I+D+i”, expón. Algúns dos exemplos que lastran a capacidade de investigar son sorprendentes: ascensores ou autoclaves que pasan anos avariados pola lentitude administrativa, execución de menos do 60% dos orzamentos anuais, equipamento informático desfasado que frea o traballo, demoras de ata 18 meses na contratación de investigadores para proxectos cunha duración de dous anos… A parálise chegou a amosar situacións excepcionais, como a cesión de urxencia de 96.000 litros de gasóleo por parte do CSIC para impedir que os buques de investigación do IEO non interromperan as súas campañas.
Paradoxo
A pesar das dificultades diarias, os grupos de investigación do IEO seguen mantendo unha constante actividade investigadora que acabou xerando un paradoxo causante do colapso dos últimos meses. “Vaste adaptando, e traballando cada vez en peores condicións, pero intentas seguir adiante. En concreto, 2019 foi un ano especialmente exitoso, no que o Instituto conseguiu moitos proxectos de financiamento externo, nos que o persoal se puxo a traballar; pero ao conseguir tantos cartos, e non poder incorporalos polas eivas administrativas, houbo que tirar de orzamento propio para mantelos e iso, xunto con outras carencias como a baixa capacidade de execución dos presupostos ou a falta dunha contabilidade analítica dos proxectos, acabou producindo o colapso“, resume Juan Bellas.
Ademais da análise da situación, o informe propón ao Ministerio de Ciencia e Innovación a adopción dunha serie de medidas ante o agravamento da crise. “Hai que reestruturar a organización interna, que dificulta moitos procedementos, e reforzar o persoal especializado na xestión e administración para axilizar procedementos e superar a parálise”, insiste o investigador do Oceanográfico de Vigo.
Este 30 de xuño, o Ministerio de Ciencia anunciou como solución de emerxencia unha partida de 4,5 millóns de euros e o desbloqueo de 99 contratos de investigadores que podían ir ao paro, ademais do nomeamento dun novo director, co obxectivo de “solucionar os problemas máis urxentes do instituto, así como mellorar e modernizar a súa xestión científica e financieiro-administrativa”. Con todo, e tal e como se conclúe no propio informe: “É preciso asumir que o deterioro dos Organismos Públicos de Investigación non se pode resolver mediante parches nun sistema que falla, senón que é imprescindible reinventar o sistema de ciencia e innovación español, pois o noso futuro como sociedade depende de isto”.