Identificada unha nova diana terapéutica para o tratamento da enfermidade do sono

A investigación avanza no coñecemento do 'Trypanosoma brucei', parasito responsable desta patoloxía

Un traballo realizado por investigadores do Instituto de Parasitología e Biomedicina López-Neyra (IPBLN), pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), puxo de manifesto a importancia que unha proteína chamada RBP33 ten no parasito Trypanosoma brucei, o organismo causante da enfermidade do sono. Este parasito forma parte dun grupo coñecido como tripanosomátidos, que producen enfermidades infecciosas en humanos como a enfermidade de Chagas ou a leishmaniasis.

A enfermidade do sono, tamén chamada tripanosomiasis africana (THA), está causada por dous parasitos protozoarios: o Trypanosoma brucei rhodesiense e o Trypanosoma brucei gambiense. Ambos penetran no organismo humano pola picadura da mosca tse-tsé, un insecto que vive unicamente no África subsahariana. A enfermidade ten varias fases de desenvolvemento, pero caracterízase sobre todo por producir un estado de somnolencia constante que acaba derivando na morte do paciente.

Publicidade

Os resultados, que aparecen publicados na revista Nucleic Acids Research, mostran que RBP33 xoga un papel esencial na destrución de certas moléculas de ARN específicas, o ARN antisentido. Practicamente toda a información dun individuo, o xenoma, transcríbese noutro tipo de información que se denomina ARN, aínda que hai partes do xenoma cuxa transcrición produce ARN potencialmente perigoso. A estes ARN coñéceselles como ARN antisentido e o coñecemento que existe sobre eles é escaso. Esta investigación centrouse nun dos mecanismos que destrúen o ARN antisentido, a proteína RBP33, que sinala a estes ARN para que poidan ser recoñecidos especificamente e sexan destruídos.

Claudia Gómez-Liñán, primeira autora do traballo, explica da seguinte forma a metodoloxía da súa investigación: “Xeramos liñas celulares destes parasitos, os tripanosomas, onde RBP33 non se está producindo. Mediante análise bioinformático, analizamos o transcriptoma desas liñas celulares globalmente. A ausencia de RBP33 fai que se acumule unha gran cantidade de moléculas de ARN antisentido e que o parasito morra?.

Antonio M. Estévez, investigador do CSIC que lidera esta investigación, explica: “Os cambios que observamos no transcriptoma en ausencia de RBP33 son moi rechamantes, e non se deben a alteracións na accesibilidade da cromatina. Máis ben, RBP33 parece estar implicada en marcar aos ARN antisentido para a súa destrución”.

Implicacións farmacolóxicas e de ciencia básica

Aínda que a transcrición do ARN antisentido observouse en todo tipo de organismos, a proteína RBP33 é única nos tripanosomátidos. Iso ten dúas implicacións esenciais: o seu potencial como diana terapéutica e a súa importancia para o coñecemento biolóxico destes organismos.

En primeiro lugar, RBP33 ten potencial como diana terapéutica de face á produción de novos fármacos para enfermidades como a enfermidade do sono, enfermidade de Chagas e leishmaniasis, por estar só presente en tripanosomátidos. Gómez-Liñán destaca que RBP33 é esencial para a supervivencia do parasito e que non está presente en humanos. “Isto convértea nunha diana prometedora para terapia“, subliña.

A segunda implicación é de carácter biolóxico. Estévez recalca o interese adicional que estes parasitos teñen como organismos modelo para o estudo do metabolismo do ARN. “Os tripanosomas xurdiron moi pronto na evolución dos eucariotas. O estudo da súa bioloxía a nivel molecular e celular permitiu o descubrimento de novos fenómenos biolóxicos que se describiron por vez primeira estes parasitos”, afirma. Por iso, o coñecemento nestes organismos é moi valioso para a ciencia básica.

“Todos os organismos xeran continuamente moléculas de ARN antisentido potencialmente prexudiciais, e posúen proteínas especializadas que os detectan, marcan e destrúen. O noso traballo demostra que os tripanosomas non son unha excepción, pero tamén indica que detectan os ARN antisentido de maneira distinta ao resto de organismos. Os nosos resultados, por tanto, son valiosos para o estudo da evolución do metabolismo do ARN en eucariotas, e poden ser tamén útiles para entender mellor estes procesos en organismos máis complexos como os seres humanos”, conclúe.

Respecto de futuras liñas de investigación, os obxectivos máis próximos son dous: ampliar o coñecemento sobre RBP33 e, a continuación, seguir estudando o ARN antisentido. Estes parasitos poden servir como modelo para o estudo biolóxico do papel do ARN antisentido.

Na investigación colaboraron dous grupos do IPBLN liderados por Antonio M. Estévez e Elena Gómez-Díaz, respectivamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Producir viño sen alcol (pero coas mesmas propiedades): o desafío dun proxecto con raíces en Galicia

A iniciativa nacional UBAVIDA, no que participa unha bodega do Salnés, busca as mellores prácticas para estandarizar a bebida

Un filtro con ósos de lura: a posible solución sostible para os microplásticos

Os investigadores aseguran que pode eliminar ata o 99,9 % dos pequenos fragmentos contaminantes da auga e utilizarse varias veces

Tecnoloxía sen fíos para xestionar o lixo: unha aposta para mellorar a vida no rural

A investigadora do atlanTTic Isabel Expósito traballa no deseño de ferramentas que detecten o estado dos colectores co obxectivo de baleiralos só cando sexa necesario

Predicir o futuro dos virus a través do seu pasado: así o estudan bioinformáticos galegos

Científicos do CINBIO deseñan modelos co obxectivo de atopar posibles mutacións resistentes a terapias antes de que se produzan