Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

A obesidade é unha patoloxía que afecta a máis de 1.000 millóns de persoas no mundo e está considerada pola Organización Mundial da Saúde como unha prioridade no ámbito da saúde pública. Ademais, constitúe un factor de risco para diferentes enfermidades, o que supón limitacións na expectativa e calidade de vida das persoas afectadas. Identificar os factores moleculares implicados é esencial de cara ao desenvolvemento de terapias que permitan a súa regulación e control. Un estudo liderado polo CSIC descubriu que a proteína Dido1 é clave no desenvolvemento do tecido adiposo e ten capacidade de previr a obesidade mesmo en situacións de alimentación con dietas enriquecidas en graxas. O traballo, que describe as funcións de Dido1 no desenvolvemento do tecido adiposo, publícase na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).

Mediante a xeración de ratos xeneticamente modificados, os autores identifican a capacidade deste xene para previr a obesidade. Thierry Fischer, investigador do CSIC no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC), dá as claves do estudo. “O foco do noso laboratorio é o desenvolvemento de células nai. Nos traballos previos sobre a función de Dido1 observaramos que os ratos con mutacións no extremo amino terminal da proteína presentaban un fenotipo diferencial: eran máis delgados que os ratos silvestres”, apunta . “Por este motivo decidimos comprobar cales eran as diferenzas no seu metabolismo”, continúa Fischer.

Publicidade

O tecido adiposo é o principal órgano de almacenamento de graxa e desempeña un papel fundamental na regulación do metabolismo sistémico e nas enfermidades relacionadas coa obesidade. “Un tecido adiposo disfuncional pode inducir un exceso ou unha redución da graxa corporal —tamén chamada lipodistrofia—. Neste estudo, identificamos que a delgadez dos ratos mutantes débese a unha diminución do tecido adiposo e baixa presenza de lípidos en sangue, mesmo cando as súas condicións de alimentación inclúen unha dieta rica en graxas”, explica o investigador do CSIC.

Ademais, Gema Medina-Gómez, científica da Universidade Rey Juan Carlos comenta: “Vimos que cando se realizan estudos do gasto enerxético e inxestión dos animais en gaiolas metabólicas, os ratos mutados teñen máis dificultades para utilizar os lípidos da dieta de forma eficiente. Prefiren utilizar hidratos de carbono”. Outro dos interesantes achados do estudo para Guadalupe Sabio, investigadora do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) é que “a alteración da graxa, ademais de provocar delgadez, resulta nunha lixeira hipotermia nestes animais”.

Publicidade

Futuros tratamentos

Estes resultados, aínda que se obtiveron en ratos experimentais, poden ter importantes implicacións terapéuticas en patoloxías metabólicas. Este modelo difire doutros modelos de ratos lipodistróficos previamente publicados e podería constituír un novo sistema para a investigación e desenvolvemento de intervencións terapéuticas dirixidas. “O desenvolvemento deste modelo pode ser moi útil para entender mellor a regulación do almacenamento e a distribución da graxa”, explica María Ángeles García-López, tamén investigadora do CNB-CSIC e primeira autora da investigación.

A obtención destes datos logrouse mediante a combinación de diferentes tecnoloxías punteiras, e a colaboración cos grupos de investigación de Guadalupe Sabio no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares e de Gema Medina-Gómez na Universidade Rey Juan Carlos de Alcorcón.


Referencia: DIDO is necessary for the adipogenesis that promotes diet-induced obesity (Publicado en PNAS)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais