Incluso nun ano convulso a ciencia española segue avanzando e abrindo camiño. Ao longo deste 2021 producíronse gran cantidade de descubrimentos e avances científicos nos que participou a comunidade científica do noso país, entre os que a Agencia SINC seleccionou doce:
1. Desenvolvemento de vacinas contra a Covid-19
Son varios os proxectos de vacinas que se están a desenvolver en España. Concretamente catro: tres do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e un da empresa española HIPRA. Unha das investigacións máis innovadoras é a de Luis Enjuanes e Isabel Soa no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC), que non só protexería contra os síntomas graves da Covid-19, senón que ademais eliminaría a transmisión.
O segundo proxecto diríxeo Mariano Esteban, tamén no CNB. Está baseada nun virus Vaccinia moi atenuado, que leva incorporado ADN da proteína S do coronavirus. Esta vacina permitiría acceder máis facilmente ás células que ás vacinas de ARN. A terceira é a vacina de ADN recombinante do equipo de Vicente Larraga do Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salgas (CIB-CSIC), cuxa vantaxe principal é a facilidade de redeseñala en menos dun mes se non é efectiva ante novas variantes.
O proxecto máis avanzado é o de HIPRA, que xa comezou os ensaios clínicos de fase II. A empresa española ten previsto producir en 2022 uns 400 millóns de doses desta vacina de proteína recombinante, deseñada para mellorar a súa seguridade e inducir unha potente resposta inmunitaria neutralizadora do virus.
2. Novos coñecementos sobre os neandertais
Un estudo da Cátedra de Otoacústica Evolutiva e Paleoantropoloxía de HM Hospitais e a Universidade de Alcalá (UAH), descubriu que os neandertais podían oír e falar como os humanos, o que pechou cinco décadas de arduo debate na comunidade científica. Outra investigación, con participación española, recuperou ADN nuclear de neandertais a partir de sedimentos dun xacemento de Atapuerca en Burgos.
Neste xacemento, descubríronse varias xeracións de neandertais xeneticamente diferentes e cuxa evolución puido estar impulsada polas glaciacións. Grazas á recuperación do ADN nuclear, moito máis informativo que o mitocondrial dos sedimentos, poderá aportar novos datos sobre a nosa evolución.
3. Fitos espaciais
Este ano, o vehículo róver Perseverance, realizado pola NASA, chegou a Marte co obxectivo de buscar evidencias de vida antiga e de profundar no coñecemento deste planeta. Xunto a el chegaron tamén dous instrumentos que contan cunha importante participación da ciencia española: MEDA, que achega datos sobre o tempo que fai no planeta vermello e SuperCam, que examina rocas e minerais marcianos.
Hai que mencionar tamén o lanzamento do telescopio espacial infravermello James Webb, no que a española Macarena García Marín tivo un papel clave: encargouse da calibración de MIRI, un dos catro instrumentos que leva a bordo e o único que observa no infravermello medio. Tamén Begoña Vila, astrofísica viguesa e unha das máximas responsables do proxecto.
4. Exoesqueleto pediátrico para doentes de atrofia muscular
O ATLAS 2030, un dispositivo robótico deseñado para axudar a camiñar a nenos que sofren atrofia muscular e parálise cerebral, recibiu a distintivo CE da Axencia do Medicamento e o Produto Sanitario. O exoesqueleto pediátrico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) mellorará a calidade de vida de 17 millóns de nenos no mundo mediante a súa distribución comercial internacional en hospitais e clínicas de rehabilitación. Este exoesqueleto, fabricado en aluminio e titanio, conta con dez articulacións que son capaces de interpretar a intención de movemento do paciente –de forma non invasiva– e responder a ela en cada paso.
5. Descóbrese unha nova especie a partir de restos en Madrid
Os restos craneodentais de tres exemplares escavados no Cerro dos Batallóns en Madrid, revelaron unha nova especie de anficiónido (Ammitocyon kainos), tamén coñecido como ‘can-oso’. A análise da súa dentición e do seu esqueleto indicaron que era un hipercarnívoro que pesaba máis de 230 quilos e que coexistiu con outros grandes depredadores como o tigre dentes de sabre e un parente do oso panda. A investigación foi desenvolta por Investigadores do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC), o Institut Català de Paleontoloxía Miquel Crusafont (ICP), a Universidade de Alcalá (UAH), a Universidade de Zaragoza (UNIZAR) e o Instituto Universitario de Investigación de Ciencias Ambientais de Aragón (IUCA).
6. A intervención da comunidade científica española no volcán de La Palma
O 19 de setembro entrou en erupción o volcán Cumbre Vieja de La Palma. Desde ese momento, decenas de investigadores de distintas institucións españolas trasladáronse á zona co obxectivo de estudar o fenómeno volcánico. O seu labor foi crucial para mointorar a actividade do volcán durante os 85 da erupción e para protexer á poboación da illa. Entre as súas tarefas estiveron a recollida e análise de mostras de gases e material emitido, vixilancia aérea, estimacións sobre a chegada da coada ao mar e o seu impacto, estudos sobre a estabilidade das ladeiras tras os terremotos, medicións da calidade do aire e un longo etcétera.
7. A NASA segue un asteroide dende España
En outubro deste ano, seguiuse desde España o paso do asteroide Polymele por diante dunha estrela, un fenómeno coñecido como ocultación que 22 equipos hispano-estadounidenses de astrónomos, seguiron cun telescopio. Isto permitiu obter datos da forma e o tamaño deste asteroide troiano que orbita Xúpiter. Na campaña de observación participaron 10 astrónomos do Instituto de Ciencias e Tecnoloxías do Espazo de Asturias (ICTEA) e ao redor de 50 astrónomos amateurs españois, entre outros.
8. Avances na loita contra as superbacterias
Un equipo do Centro de Regulación Xenómica (CRG) e Pulmobiotics S.L. crearon a primeira ‘pílula viva’ para tratar bacterias resistentes aos antibióticos que se expanden nas superficies dos implantes médicos.Para iso, utilizaron bacterias modificadas xeneticamente coa capacidade de producir encimas que disolven os biofilms, que son ecosistemas microbianos organizados.
9. Un implante cerebral na investigación contra a cegueira
O dispositivo implantado é unha pequena matriz tridimensional de cen microelectrodos que permite tanto o rexistro de sinais eléctricos como a estimulación do cerebro. Este microdispositivo foi capaz de inducir a percepción de formas e letras nunha persoa cega coa resolución máis alta conseguida ata o momento. Esta investigación, levada a cabo polo grupo de Neuroinxeniería Biomédica da Universidade Miguel Hernández de Elche, supuxo un pequeno paso cara ao desenvolvemento de neuropróteses visuais que axuden a persoas invidentes ou con pouca visión para percibir a contorna que as rodea.
10. Novos descubrimentos sobre o párkinson
Durante máis de 30 anos, a comunidade científica cría que o párkinson era causado pola falta de dopamina nos axones das neuronas, o que facía que o control do movemento se vise alterado. Non obstante, este ano un estudo dirixido pola española Patricia González-Rodríguez describiu que para que aparezan os síntomas motores desta enfermidade é necesario que se produza o esgotamento de dopamina tanto nos axones como nos somas das neuronas.
Ademais, unha importante descuberta é que as neuronas afectadas pola enfermidade non morren, senón que perden algunhas das súas propiedades e cambian o seu metabolismo. Isto abre as portas ao deseño de futuros tratamentos terapéuticos que permitan recuperar o correcto funcionamento destas neuronas.
11. Avances contra o cancro
Investigadores do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) descubriron a molécula que se encarga de dirixir o proceso de metástase: a molécula NGFR. Os estudos en modelos animais que bloquearon esta molécula obtiveron unha redución drástica das metástase, o que abre a vía a un posible novo tratamento para combatelas, especialmente nas etapas iniciais.
Por outra banda, unha terapia celular e xenética, coñecida como CAR- T (Chimeric Antigen Recetor T- Cell) permitiu que o paciente con mieloma múltiple resistente aos tratamentos habituais, se convirta no seu propio doante e modifíque os seus linfocitos T para que teñan a capacidade de atacar ás células tumorais. Tras un ano de seguimento, os datos obtidos polo Hospital Clinic de Barcelona-IDIBAPS, son esperanzadores, pois todos os pacientes melloran co procedemento, e un 75 % deles manteñen a resposta aos 12 meses.
En febreiro a Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS) xa aprobara o uso como medicamento desta terapia avanzada para a súa utilización en pacientes maiores de 25 anos con leucemia linfoblástica resistente aos tratamentos convencionais. Foi o primeiro CAR-T desenvolto integramente en Europa que foi aprobado por unha axencia reguladora.
12. Acceso aberto a test serolóxicos da detección da Covid-19
O CSIC asinou en novembro un acordo coa organización de saúde pública Medicines Patent Pool (MPP) e baixo supervisión da Organización Mundial da Saúde (OMS) para que os tests serolóxicos de anticorpos, desenvoltos por este centro e cunha fiabilidade próxima ao 100%, estean á disposición dos países en vías de desenvolvemento.